Xoán Xurxo II de Saxonia (en alemán: Johann Georg II.), nado en Dresden o 31 de maio de 1613, e finado en Freiberg o 22 de agosto de 1680, foi duque de Saxonia e membro da Casa de Wettin.
Traxectoria
Era o terceiro (pero o maior que sobreviviu) dos fillos de Xoán Xurxo I de Saxonia e a súa segunda esposa Madalena Sibila de Prusia.
Sucedeu a seu pai como elector despois da súa morte o 8 de outubro do ano 1656.
O seu goberno estivo marcado polo renacemento da economía de Saxonia trala guerra dos Trinta Anos. Por mor dun interese persoal, contribuíu no nacemento de numerosas industrias e negocios para mellorar a economía do electorado (teas, carbón, vidro, entre outras). A prata extraída das proximidades volveu encher as arcas do estado e a acuñar novamente moeda. Incluso os bohemios exiliados contribuíron ó desenvolvemento da economía.
No ano 1657 fai un acordo cos seus irmáns a fin de evitar futuras disputas e divisións do ducado. O ano 1664 estabeleceu amizade con Lois XIV de Francia, isto levouno a enfrontarse duramente coa oposición dalgunhas faccións saxoas anti francesas, o que o empuxou a adherirse á política de Leopoldo I de Habsburgo, deixando de lado ó rei francés.
Os maiores intereses do elector non estaban na política, senón na música e a arte. Centrou a súa atención na súa cidade natal, Dresden, que baixo o seu goberno se converte no principal centro musical de Alemaña. Xoán Xurxo acolle na súa espléndida corte a músicos de todas partes do mundo e gañou axiña o título de mecenas.
As grandes sumas que o seu estado reportaba levárono o ano 1661 a revisar a política económica do electorado, que por outra banda tiña un desenvolvemento militar moi inferior a estados veciños como Bohemia ou Prusia.