Xoán XVI[1] (de nome Xoán Filigato ), nado en Rossano (Italia) e finado en Fulda (Alemaña) en 1013, foi un antipapa de 997 a 998.
Traxectoria
Nacido nos territorios bizantinos do sur de Italia, foi capelán de Teófano, a nai do emperador Odón II ata que, tras actuar como legado imperial en Italia, foi nomeado abade de Nonantula, e posteriormente, titor do fillo de emperador, o futuro Odón III.
Nomeado bispo de Piacenza, foi enviado a Constantinopla coa misión de concertar o matrimonio de Odón III. Ao regresar a Roma, o papa Xoán XV acababa de falecer e fora elixido, imposto polo emperador pero co rexeitamento da nobreza e o pobo romano, Gregorio V.
Cando o emperador, que acudira a Roma para ser coroado por Gregorio V, abandonou Italia, a nobreza romana, encabezada por Crescencio II, elixiu e sentou na cadeira de San Pedro a Xoán Filigato.
O nomeamento do antipapa Xoán XVI fixo que, en 998, o emperador Odón III volvese, á fronte do seu exército, a Roma onde tras restaurar a Gregorio V, capturou ao antipapa e ordenou que lle arrincasen os ollos, lle cortasen a lingua, as orellas e o nariz e logo paseouno, montado nun asno, polas rúas de Roma. Despois desa humillación deportouno ao mosteiro de Fulda en Alemaña onde faleceu en 1013.
Notas
- ↑ Aínda que Xoán XVI foi sempre considerado como un antipapa e nunca como un papa lexítimo, o seguinte papa que adoptou o nome de Xoán non utilizou o numeral "XVI" senón que pasou a usar o nome de Xoán XVII.
Véxase tamén
Bibliografía
- Ciències socials, geografia i història (2n ESO ed.). Barcanova.
- DHONDT, JAN. La Alta Edad Media (adaptación).