A vergoña[1] ou vergonza[2] é unha emoción ou azoramento do ánimo por unha falta cometida, por unha humillación recibida ou por timidez, inseguridade ou medo ó ridículo. Tamén pode aparecer cando se transgreden as normas sociais ou familiares.[3] A súa expresión adoita vir acompañada de sinais físicos e de actitude, como poden ser as ondas de calor, o rubor das meixelas ou unha actitude postural coa ollada dirixida cara a abaixo.[4]
É un sentimento de base biolóxica que ten a súa importancia para manter a coherencia e o poder no seo dun grupo tribal ou familiar. Así, avergoñar un neno porque mancou a outro ou por achegarse a un perigo pode facer que cesen estas actitudes negativas. A vergoña é polo tanto manipulable, xa que pode espertar por outras cuestións, por outra banda de todo naturais, pero que interesan para o mantemento do poder. O pudor é tamén un sentimento empregado para manter a represión da sexualidade.[5]