Vanessa-Mae Vanakorn Nicholson,[1] nada en Singapur o 27 de outubro de 1978, máis coñecida como Vanessa-Mae (陈美 Chén Měi) é unha violinistabritánica. Os seus álbums venderon varios millóns de copias, facéndoa a artista de menos de 30 anos máis rica do Reino Unido en 2006.[2][3] Competiu en esquí alpino como Vanessa Vanakorn (en tailandés: วาเนสซ่า วรรณกร; apelido do seu pai) por Tailandia nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014. Inicialmente prohibíronlle esquiar porque unha carreira de cualificación no seu beneficio foi considerada corrupta, mais a Corte de Arbitraxe do Deporte anulou a prohibición citando falta de evidencia de mala praxe ou de manipulación.[4][5] A Federación Internacional de Esquí posteriormente tivo que publicar unha desculpa.[6]
Traxectoria
Primeiros anos
Vanessa-Mae naceu en Singapur, filla de Pamela Soei Luang Tan, singapurana, e Vorapong Vanakorn, tailandés. Despois de ser adoptada por un pai británico, mudouse a Londres con catro anos e alí comezou a tocar o violín, tras iniciarse no piano en Singapur. Con oito anos embarcouse nun período intensivo de estudo co profesor Lin Yao Ji no Conservatorio Nacional de Música de Pequín. Vanessa-Mae volveu a Londres e entrou no Royal College of Music.
O seu primeiro álbum de estilo pop, The Violin Player, foi publicado en 1995. En 1997 participou no álbum de Janet JacksonThe Velvet Rope tocando o violín na canción "Velvet Rope".[8] A súa nai foi a súa representante ata que a despediu en 1999.[9]
Vanessa-Mae gravou ocasionalmente as súas propias composicións. O seu álbum de 1997 China Girl: The Classical Album 2 incluíu dúas pezas en que aparecía acreditada como autora, "Violin Fantasy on Puccini's 'Turandot" e "Reunification Overture", sobre a reunificación da China e Hong Kong.[13]
En 2017, ClassicFM compilou unha listaxe dos 300 álbums clásicos máis vendidos nos seus 25 anos. Vanessa-Mae apareceu tres veces, con The Classical Album 1 (posto 244), Storm (135) e The Violin Player (76). A páxina web indica que as súas vendas totais fan dela a "violinista solista máis vendedora da listaxe".[14]
Carreira no esquí
Vanessa-Mae afirmou que "[comezou] a esquiar na mesma época en que comecei a tocar do piano, arredor dos catro anos, antes de cambiarme ao violín aos cinco",[15] e que soñara con ser esquiadora desde os catorce.[16] En 2009 Vanessa-Mae pasou a residir no resort alpino de Zermatt.[17] En agosto de 2010 contou a The Telegraph: "son británica, mais de xeito realista non hai forma de poder representar o meu país, mais coomo o meu pai biolóxico é tailandés, aceptáronme".[15] Rexistrouse como esquiadora alpina tailandesa.[18]
En 2014, Tailandia non tiña esquiadores alpinos entre os 500 mellores e as regras olímpicas permitían a estes países enviar un home e unha muller ao slálom e ao slálom xigante olímpicos, en base a criterios alternativos: o esquiador debía ter 140 puntos ou menos, sendo mellores as puntuacións máis baixas segundo a Federación Internacional de Esquí (FIS),[19][20] ademais de ter iniciado polo menos cinco probas de slálom xigante recoñecidas internacionalmente.[16][19][20] A petición dos representantes de Vanessa-Mae e do Comité Olímpico Tailandés, organizouse un slálom xigante por parte do Club de Esquí Alpino de Triglav os días 18 e 19 de xaneiro de 2014 en Krvavec, Eslovenia, que sería a última oportunidade de que Vanessa-Mae acadase a puntuación recoñecida pola FIS para optar aos Xogos Olímpicos de febreiro de 2014.[21] O evento incluíu un campionato nacional júnior, no que ela tiña 14 anos máis que calquera das outras participantes.[20]
O evento situou a súa puntuación media menor aos 140 puntos,[19] baixando de 269,44 o 11 de xaneiro a 131,15 a finais do 19 de xaneiro.[22][23] O seu representante Giles Holland dixo: "Parece que o fixo. Por un chisco, pero fíxoo".[16][19] A FIS confirmou a súa elixibilidade para competir nos Xogos Olímpicos de 2014,[19] con Ana Jelusic da FIS mencionando que os resultados de Krvavec "cumpren todos os requisitos".[20]
Foi unha dos dous esquiadores alpinos que representaron a Tailandia nos Xogos Olímpicos de inverno de 2014, onde competiu co nome de Vanessa Vanakorn[19][24] (วา เน ส ซ่า เม ย์ ตัน วรรณ กร; Vanessa May Tan Vanakorn).[25] O 18 de febreiro de 2014, Vanakorn finalizou 67.ª das 90 esquiadoras, cun tempo de 1:44.86 na súa primeira carreira no slálom xigante, a 26.98 segundos da líder. Comezou na posición 87, representando a súa posición relativa na clasificación mundial.[26] Na segunda carreira tivo un tempo de 1:42.11, a 24.21 segundos da primeira.[27] Comezou 74.ª na segunda carreira, a última titular.[28] Ao final do evento, tivo un tempo total de 3:26.97, a 50.10 segundos da gañadora da medalla de ouro, Tina Maze, de Eslovenia. Foi a última das 67 esquiadoras que finalizaron, aínda que outras 23 non lograron completar a proba.[29]
Vanakorn volveu a esquiar en 2017 nun intento de cualificarse para os Xogos de 2018.[30] Debido a unha lesión no ombreiro retirouse en xaneiro de 2018[31] e o posto de Tailandia pasou a Alexia Arisarah Schenkel, de 21 anos.[32]
↑"Alpine Skiing – Vanessa Vanakorn (Mae) appeal: Four-year ban cancelled, but ineligibility to compete in the Sochi 2014 Olympic Winter Games confirmed". Lausanne: Court of Arbitration for Sport. 19 de xuño de 2015.Falta a |url= (Axuda)
↑"Ceremonies". Salt Lake 2002 Legacy. Redondo Beach, California: The Givens Company. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2016. Consultado o 11 de novembro de 2014.
↑Walsh, John (24 de xaneiro de 1998). "Living doll". The Independent (Londres). Consultado o 31 de decembro de 2011.