Licenciado en bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a traballar en Vigo como investigador no IIM (Instituto de Investigacións Mariñas) do CSIC en 1972, do que foi secretario de 1979 a 1983. Foi director do gabinete de estudos da presidencia do CSIC (1983-86), asesor da presidencia do CSIC (1986-88), secretario do programa nacional de recursos mariños e acuicultura da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía (1988-90) e director do IIM (1990-1994).[4]
Profesor de investigación no CSIC, asistiu ós cursos no Centro Oceanográfico de Brest (Francia), no que acadou a diplomatura en avaliación de recursos mariños pola FAO. Foi membro dos comités científicos da Comisión Internacional dos Caladoiros do Sueste Atlántico, onde estudou os caladoiros de pescada e crustáceos de África do Sur, e traballou na Comisión Internacional dos Caladoiros do Noroeste Atlántico co equipo que investigou os de bacallau e cefalópodos das augas do Canadá e dos Estados Unidos de América.[4]
Diplomouse en Organización e Xestión da Investigación Científica polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) de Alcalá de Henares. No ano 1997 doutorouse na USC coa tese Desarrollo larvario de Ostrea edulis L. Nutrición y reservas energéticas.[6]