Unificación Alemá

A Unificación Alemá foi un proceso iniciado a mediados do século XIX e finalizado en 1871, para a integración e posterior unificación de diversos estados xermánicos en só un: Alemaña. O proceso foi liderado polo primeiro ministro prusiano Otto von Bismarck, coñecido como o chanceler de ferro, e culminou coa formación do Segundo Reich (Imperio) alemán.

Antecedentes

A mediados do século XIX, o espazo territorial xermánico estaba constituído por diferentes reinos, ducados e cidades libres, que só tiñan en común a mesma lingua (o alemán) e a mesma base cultural. Nel, a hexemonía política era disputada polas súas dúas principais potencias: a Austria dos Habsburgos, que dominaba a Dieta (o Parlamento da Confederación Xermánica) e Prusia, gobernada polos Hohenzollern. No plano económico, o territorio xermánico aínda vivía, en liñas xerais, nunha estrutura feudal, en plena Idade Contemporánea; a excepción era Prusia, máis industrializada, con maior poder económico, que desde 1834 implantara a "Zollverein", unha Unión Alfandegueira Alemá entre os Estados da Confederación Xermánica.

Desde o inicio do século XIX o desexo da unidade nacional podía ser notado, principalmente nos medio académicos e literarios. Como exemplo, Freiherr vom Stein, en Prusia tentouse implantar un programa político inspirado nesa pretensión, porén acabou sendo afastado en 1808. Tras iso, Austria reimplantou a súa influencia e o nacionalismo alemán ficou inoperante até 1848, cando ocorreron diversas revolucións por toda Europa, a chamada "Primavera dos Pobos".

A Revolución de 1848 nos Estados Alemáns

Revolta de 19 de marzo de 1848 en Berlín.

A partir do movemento de febreiro de 1848, en Francia, que conduciu á abdicación de Lois Filipe I de Francia, os meses seguintes diversos Estados alemáns tamén se revolveron, rexistrándose manifestacións populares e un movemento a favor dun parlamento nacional elixido polo pobo, que elaborase unha nova constitución para unha Alemaña unificada.

No Imperio Austríaco, constituído por Austria e polos reinos da Hungría, de Bohemia, Lombardo-Veneto e de Galitsia (sur da actual Polonia), rexistrábanse tendencias separatistas entre as diversas minorías étnicas, que foran arbitrariamente reunidas baixo a Coroa Austríaca polo Congreso de Viena (1815). Sometidas a un réxime político absolutista, personificado polo primeiro ministro von Metternich, Austria-Hungría era unha rexión economicamente atrasada, onde no campo persistían os lazos de servidume, e nos centros urbanos, unha burguesía pouco numerosa controlaba as actividades económicas, suxeitando a pequena burguesia, os artesáns e os obreiros.

En marzo de 1848, así que as noticias do levantamento de febreiro en París, se tornaron coñecidas en Viena, a burguesia liberal uniuse á pequena burguesia e ao proletariado, promovendo manifestacións de rúa para reivindicar a ampliación do dereito de voto e a destitución de Metternich. Diante da radicalización do movemento, Metternich fuxiu para Inglaterra e o emperador Fernando I outorgou unha Constitución, coa cal esperaba baleirar a revolta. Non obstante, un novo levantamento en maio obrigar a convocar unha Asemblea Nacional, elixida por sufraxio universal masculino.

Poucos días tras as insurrecións en Viena, burgueses e obreiros de Berlín ergueron barricadas nas rúas, entrando en choque coas tropas do rei Frederico Guillerme IV de Prusia, que tamén foi a causa de autorizar a convocatoria dunha Asemblea Constituínte.

Ao mesmo tempo, aínda en maio de 1848, unha Asemblea composta por deputados elixidos por todo o territorio xermánico -o Deutscher Bund- reuniuse en Frankfurt para a elaboración da nova constitución alemá. Nela, distinguíanse dous grupos de deputados: os Grossdeutsche e os Kleindeutsche. Os deputados do primeiro grupo defendían unha Alemaña incluíndo a Austria, estendéndose do mar Báltico, ao norte, até ao Adriático, ao sur. Xa o segundo grupo defendía unha Alemaña so liderado dos prusianos, excluíndo así a Austria. A solución encontrada foi a dun Estado gobernado polos Hohenzollern. A Coroa da nova Alemaña foi ofrecida ao rei da Prusia, Frederico Guillerme IV, que rexeitouna e tampouco aceptou a Constitución de Frankfurt. Esta actitude foi repetida polo goberno de Austria e dos outros Estados alemáns. O pobo alemán, aínda que quixese ver a nova Constitución aprobada, non estaba totalmente satisfeito con ela, pois o poder aínda continuaría na man dos antigos líderes. Deste modo, a revolución ficou enfraquecida, a Asemblea foi disolta e a restauración conservadora se completou, acabando, por algún tempo, co soño dunha Alemaña unificada.

En Viena, constatando que non conseguía máis controlar o pobo, a burguesia volveu atrás no seu apoio á revolución, optando por suxeitarse a un goberno fortemente centralizado a colocar en risco a súa posición económica. Coa unión da burguesia á aristocracia, o exército retomou a cidade, conseguindo sufocar a rebelión en outubro. O novo primeiro ministro, Schwarzenberg, disolveu a Asemblea Constituínte, forzando o emperador Fernando I a abdicar en favor de seu sobriño Francisco Xosé, que restaurou o Absolutismo.

Nas demais rexións do Imperio, as minorías nacionais, encoraxadas polos levantamentos de Viena e Berlín, mobilizáronse pola independencia. Na Bohemia (actual República Checa), en abril de 1848, foi convocado un Parlamento independente como primeiro paso para a formación dunha Asemblea Constituínte. En Hungría, o avogado Lajos Kossuth, líder do movemento autonomista, proclamou a República, en abril de 1849. Mais todas esas rebelións foron sufocadas polo exército austríaco que, no caso de Hungría, recorreu á axuda das tropas do tsar Nicolao I de Rusia.

As Revolucións de 1848 na rexión, mesmo sen logro, permitiron mostrar o camiño a ser seguido: un proceso de unificación liderado por Prusia mais non polos medios revolucionarios, e si pola Casa dos Hohenzollern.

A Unificación Alemá: a Prusia de Bismarck

Otto von Bismarck o "Chanceler de Ferro" (1815-1898), responsábel da unificación do territorio alemán.
Bismarck, Roon e Moltke.

O fracaso da Revolución de 1848, de intuitos unificadores, implicou a continuidade da fragmentación de Alemaña. Na década de 1850, os grandes señores de Prusia, detentores do poder político, mantiñan os seus privilexios -o monarca, receando unha nova revolución, resolveu manter a Constitución onde eses privilexios eran consagrados.

A partir de 1848, o ritmo de desenvolvemento do sector industrial e das cidades foi bastante acelerado e só a división política trababa o progreso do capitalismo. Tornábase indispensábel a unificación de Alemaña para proseguir o proxecto económico xermánico.

O liderado da unificación alemá ficou con Prusia pois este era o Estado alemán máis industrializado e con grande importancia política en Europa. Era tamén a maior potencia militar entre os estados alemáns. O seu desexo expansionista viña dalgunhas décadas atrás, de cando desexaba unificar os seus territorios occidental e oriental. Para este fin, foi creada a Zollverein, unha unión alfandegueira nos Estados da Confederación Xermánica, en 1834. A creación da Zollverein proporcionou á rexión un gran crecemento industrial e integración dos Estados, principalmente co desenvolvemento dunha rede ferroviaria interligando as diversas rexións do territorio xermánico.

Ao redor de 1850, Prusia xa superaba economicamente a Austria, mais o liderado político veu só en 1862, cando comezou a gobernar Prusia o rei Guillerme I, un apaixonado polas cuestións militares, que fixo unha reforma nas súas forzas armadas. Convocou, para axudalo, a Moltke, xefe de Estado-Maior, e Roon, como ministro da guerra. O exército de Prusia logo se transformou no mellor da Europa.

Un hábil político e diplomático de logro, Otto von Bismarck -que ocupara, entre outros cargos, o de embaixador en Rusia e en Francia- foi nomeado chanceler (primeiro ministro). Membro da aristocracia alemá e tamén favorábel a unha monarquía centralizada, Bismarck realizou unha política de alianza dos junkers (grandes propietarios e aristocratas) coa alta burguesia, e a través dela resolveu fortalecer a Zollverein, intensificando a integración dos Estados alemáns alén de modernizar o exército, sendo iso de grande importancia para as batallas que acontecerían os anos seguintes. Para levar a cabo a reforma militar, Bismarck prescindiu do Parlamento: "Os problemas de hoxe non se deciden con discurso, nin tampouco co voto das maiorías. Ese foi o grande erro de 1848 e 1849. Decídense con ferro e sangue".

Aproveitándose da estratexia de exaltación do espírito nacionalista, creou unha política de guerras contra inimigos externos e contra a ocupación das rexións alemás, o que axudou na expansión do territorio prusiano e, posteriormente, xermánico. Nun período de sete anos (1864 - 1871), tres guerras foron decisivas para a unificación dos Estados xermánicos: a guerra dos Ducados (1864), a guerra austro-prusiana (1866) e a guerra franco-prusiana (1870-1871).

A guerra austro-prusiana (1866)

En 1866, Prusia, coa axuda de Italia[1], tamén baixo proceso de unificación nacional, entrou en guerra contra Austria. A vitoria prusiana veu tras a batalla de Königgrätz, en Sadowa (3 de xullo de 1866). O día 23 de agosto de 1866, foi firmado o acordo de paz en Praga. Coa vitoria a Prusia expulsou a Austria de Alemaña.

No ano seguinte, Bismarck dividiu a Confederación en dous grupos de Estados; a Confederación do Norte e a do Sur, tendo como límite o río Main. A Confederación da Alemaña do Norte, loxicamente, ficou baixo o seu control, cos países (principados e cidades libres), luteranos, que a apoiaran na guerra austro-prusiana. Os catro Estados que formaban a Confederación do Sur, maioritariamente católicos, non conseguiron se consolidar nunha unidade. Estes Estados virían a negociar un pacto coa Confederación da Alemaña do Norte, segundo o cal, en caso de guerra con Francia, o rei de Prusia tornaríase xeneral dos exércitos xermánicos. A Confederación do Norte é a antecesora do posterior Imperio Alemán, que precisaba de moi pouco para se concretar: a guerra contra Francia.

A guerra franco-prusiana (1870-1871)

Napoleón III e Bismarck tras a batalla de Sedan.

A pesar de que Austria fora derrotada por Prusia, o sur de Alemaña estaba constituído por demócratas e aspiraban a unha Alemaña liberal, opóndose á unión coa Prusia de Bismarck, que era un Estado militarista. Querendo eliminar este problema á unificación do norte co sur, Bismarck necesitaba dun inimigo común que uniría, e posibilitaría a futura unificación; e este inimigo máis adiante sería a Francia de Napoleón III. Desde os tempos das guerras napoleónicas (de Napoleón I, derrotado o 18 de xuño de 1815), os prusianos non simpatizaban con Francia, e os profesores prusianos repasaban este sentimento aos seus alumnos en relación á nación francesa. De aí, Bismarck afirmou que foi o mestre da escola quen gañou a guerra franco-prusiana, logo tras a derrota de Francia na guerra contra Prusia.

Pretexto da guerra franco-prusiana (1870-1871)

España, que estaba sen rei desde 1868, ofreceu a través de seu parlamento a Coroa ao príncipe Leopoldo de Hohenzollern-Sigmaringen, parente afastado do rei de Prusia (tamén da Casa dos Hohenzollern). Tal traxe era inaceptábel pola Europa anti-prusiana que contaba tamén con Francia. O ministro do exército francés proferiu un discurso indignado e belicoso contra Prusia, o que xerou sentimentos anti-franceses no sur de Alemaña. Bismarck aproveitouse da idea de guerra entre os dous países, pois estaba interesado en territorios franceses e sabía que conseguiría apoio no sur de Alemaña, o que sería decisivo para os seus plans de unificación alemá.

El tamén sabía da superioridade de seu poderio militar sobre o mediocre exército francés. Porén antes de que o conflito comezara, Napoleón III temendo a expansión prusiana, protestou e esixiu do rei de Prusia a renuncia do príncipe Leopoldo, que desistiu de disputar o trono español.

Napoleón III aínda non satisfeito, e querendo agradar á opinión pública francesa, esixiu novas garantías de que xamais un membro da súa familia ocuparía o trono español.

A pesar de que Guillerme I aceptou todas as condicións impostas polo emperador francés, este último insistía que o rei debería dar estas garantías e negociar persoalmente co embaixador Benedetti de Francia. O rei prusiano que anteriormente atendera a todas as reivindicacións de Napoleón III, refutou (rexeitou) ter que negociar e dar novas garantías ao embaixador francés, Benedetti.

En París, a actitude do rei prusiano foi tida como unha ofensa ao orgullo nacional de Francia e ao pobo francés. Este foi o motivo da Francia de Nápoleón III para declarar a guerra a Prusia. Francia e Prusia entraron en guerra en 1870 e rapidamente Prusia mostrouse preparada o suficiente para encurralar a Francia no seu propio territorio. Os franceses perderon en todas as frontes. O forte exército prusiano acumulaba vitorias, como sucedeu na esmagadora vitoria na batalla de Sedan (1 de setembro de 1870) na cal o propio emperador francés foi feito prisioneiro. O día 2 de setembro de 1870 conclúese a batalla de Sedan, onde a cabalería francesa resistiu bastante, a punto do rei Guillerme I de Prusia admirar a bravura con que estes loitaran.

Porén, Napoleón III viu que era inútil sacrificar máis soldados seus, e mandou hastear a bandeira branca, e entrega a súa espada, ficado prisioneiro do rei prusiano. Dous días despois, a república sería proclamada en París.

O día 20 dese mes, os prusianos cercaban París. Perante esta situación, o goberno de Defensa Nacional (republicano, en funcións desde o 4 de setembro, altura en que se depuxera a Napoleón III) asinou a rendición. Na paz de Frankfurt (10 de maio de 1871) Francia, para alén de pagar unha pesada indemnización de 5 billóns de francos a Prusia, entregaba o rico territorio de Alsacia-Lorena, de maioría xermánica e rico en carbón, ao novo Imperio Alemán.

A vitoria en Sedan estimulou o nacionalismo no sur de Alemaña e os Estados xermánicos ao sur do río Main (Hesse, Baden, Baviera e Würtemberg) entraran na Confederación. A eses Estados, porén, foron garantidas certa autonomía, como, por exemplo, exército propio en tempo de paz.

Coa integración deses Estados ao novo Reich (II Reich; pois o I Reich ou Sacro Imperio Romano-Germânico, foi fundado por Carlomagno, rei franco, sucedido máis adiante por Oto I o Grande), completouse a última etapa para a unificación alemá.

Motivos da derrota francesa na guerra franco-prusiana

A derrota de Francia comandada polo xeneral francés Mac-Mahon produciuse por ser o exército prusiano maior e estar mellor organizado para a guerra. Mentres os canóns franceses eran cargados pola boca, os de Prusia tiñan os famosos Krupp, de aceiro, cargados pola culata, o que posibilitaba tiro máis rápido.

París resistiu canto puido aos prusianos, mais capitulou tras catro meses, por causa da fame.

A coroación de Guillerme I: O Segundo Reich

Proclamación do Segundo Imperio Alemán. Bismarck está de branco, no centro.
Os Estados Xermánicos unificados, formando o Segundo Reich (1871-1919).

Con todas as etapas completadas, a unificación alemá consolidouse en xaneiro de 1871 coa proclamación de Guillerme I como o primeiro Kaiser (Emperador) do Imperio Alemán, formando así o Segundo Reich alemán. A coroación de Guillerme I aconteceu no Palacio de Versalles (18 de abril de 1871), para humillación dos franceses, vencidos na guerra franco-prusiana. Iso só intensificou o revanchismo francés. Bismarck tamén foi nomeado como o primeiro chanceler de Alemaña, ficando no cargo de 1871 a 1890.

Tras a unificación, o goberno alemán mantivo características autoritarias, sen incorporar o liberalismo democrático. A pesar diso, Alemaña creceu rapidamente, logo superando a Inglaterra na produción de aceiro, tornándose nunha das maiores potencias europeas. O Segundo Reich durou até 1919, tras a primeira guerra mundial, cando foi substituído pola República de Weimar. Durante toda a súa existencia (1871 - 1919), o Segundo Reich foi gobernado pola dinastía prusiana dos Hohenzollern.

Consecuencias da Unificación Alemá

A bandeira do Segundo Reich, símbolo da unificación alemá

A unificación dos Estados xermánicos foi un evento que xerou moitas consecuencias, inmediatas ou posteriores, en toda Europa e que foron responsábeis da inestabilidade no territorio europeo até a metade do século XX.

É posíbel dicir que a unificación alemá foi un dos principais motivos para o estouro da primeira guerra mundial. Podemos dicir iso pois a unificación da rexión de Alsacia-Lorena no Segundo Reich Alemán xerou o revanchismo francés. Os franceses, non conformes coa situación e coa humillación provocada polos alemáns (como na coroación de Guillerme I no propio Palacio de Versalles, en territorio francés) mantiveron un sentimento de desquite que foi decisivo na política de alianzas dos países europeos até cando saltou o conflito en 1914. Outro factor de influencia para o xurdimento do conflito foi a batalla dos países europeos por territorios en África e Asia, no período coñecido como neocolonialismo. Os alemáns, recentemente unificados, esixían unha redivisión colonial nos continentes (ver Imperio colonial alemán), o que aumentou a tensión entre as potencias.

Resumo

Coa caída de Napoleón, fórmase a confederación Xermánica. Houbo a Unión Aduaneira, que estabeleceu a mesma moeda para os estados alemáns. A confederación durou até a vitoria de Prusia na guerra austro-prusiana, cando Alemaña foi dividida en Alemaña do Norte e Estados do Sur. Na guerra franco-prusiana, alén de que Prusia gañara as rexións da Alsacia-Lorena, Alemaña foi unificada.

Notas

  1. No proceso simultáneo, a unificación italiana, en 1866, Italia alíase a Prusia – contra Austria. Os italianos son vencidos en Custozza, mais os prusianos aniquilan os austríacos en Sadowa. No fin desta guerra (chamada "guerra das sete semanas"), Italia adquire Venecia.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • BARRACLOUGH, Geoffrey. Atlas da História do Mundo - The Times / Folha de São Paulo (1993).
  • ZAMBELLI, Rosa Luiza. História Geral (2002)
  • Mommsen, Wolfgang. Imperial Germany 1867-1918: politics, culture, and society in an authoritarian state, translated by Richard Deveson from Der Autoritäre Nationalstaat, Londres: Arnold, 1995. ISBN 0340645342
  • ALVES, Antônio. História B Padrão Contato de Ensino 2.ed. Recife: Liber Gráfica e Editora Ltda, 1982.
  • HERMIDA, Antônio José Borges: História Geral para os cursos de grau médio. 35274.ed. São Paulo: Companhia Editora Nacional, 1964.