Aínda que a rexión foi habitada durante miles de anos, a cidade de Trondheim foi fundada en 997. Utilizábase con frecuencia como a residencia do rei e foi capital de Noruega ata 1217. Na Idade Media, Trondheim foi escenario de varias batallas, entre elas a batalla entre o Rei Sverre e Erling Skakke, en 1179. A cidade sufriu varios incendios importantes, os máis devastadores en 1651 e 1681. O incendio de 1651 destruíu o 90% dos edificios de Trondheim, e o de 1681 conduciu a unha reconstrución total da cidade.
Etimoloxía
Trondheim significa "fogar dos trønder".
Descrición
Trondheim é a terceira cidade de Noruega, situada no centro xeográfico do país. Nela atópase a NTNU, na que se gradúan o 80% dos enxeñeiros de Noruega. A universidade, a segunda do país logo da de Oslo, desempeña un papel clave na vida cotiá dos habitantes. A NTNU dedícase principalmente á enxeñería, pero tamén pódense cursar nela estudos de psicoloxía, antropoloxía e medicina.
Historia
Trondheim foi fundada polo rei viquingo Olav Tryggvason, co nome de Nidaros, no ano 997. En principio foi a residencia do rei, e por iso, durante un tempo, a capital de Noruega.
Trondheim sitúase na desembocadura do río Nidelven, o cal adoitaba ser o suficientemente profundo para a maior parte dos barcos durante a Idade Media, pero unha avalancha de lodo e pedras destruíu parcialmente as condicións favorables do porto a mediados do século XVII.
A cidade foi incendiada en varias ocasións, o cal produciu danos graves ao estar o casco antigo construído principalmente con madeira. Grandes incendios arrasaron a cidade en 1598, 1651, 1681, 1708, 1717 (dous incendios durante este ano), 1742, 1788, 1841 e 1842, sendo estes tan só os peores casos. O incendio de 1651 destruíu o 90% de todas as construcións dentro dos limes da cidade. O de 1681 arrasou Trondheim case por completo, tras o cal foron construídas amplas avenidas sen ter en consideración os dereitos sobre a propiedade, para previr incendios posteriores, o que ao mesmo tempo deu á pequena e tranquila cidade un aire máis "atractivo" para posibles inmigrantes. Durante esta época, Trondheim contaba cuns 8.000 habitantes.
Xeografía e clima
Trondheim está situado onde o río Nidelva conflue co Trondheimsfjord. A maior elevación da cidade é o outeiro Storheia, con 565 metros sobre o nivel do mar. No solsticio de verán o sol sae ás 03:00 e ponse ás 23:40, pero mantense xusto por enriba do horizonte - non hai escuridade desde o 20 de maio ao 20 de xullo[1]. No solsticio de inverno o sol sae ás 10:00, manténdose moi baixo sobre o horizonte, e ponse ás 14:30.
Trondheim ten principalmente un clima oceánico[2] pero está bastante protexido dos ventos da costa, máis fortes. A temperatura máis alta rexistrada foi de 35 °C o 22 de xullo de 1901, e a máis baixa foi -26.1 °C en febreiro de 1899. Trondheim experimenta nevadas moderadas de novembro a marzo, alternándose cun tempo suave e precipitacións. Hai de media 14 días no inverno cunha capa de polo menos 25 centímetros de neve no chan e 22 días cunha temperatura mínima de -10 °C ou máis baixa. A miúdo hai moitas máis nevadas en zonas de ao redor, situadas a maior altitude, como Byåsen e Heimdal, con boas condicións para esquiar en Bymarka. A primavera é a miúdo bastante asollada, pero as noites adoitan ser frescas ou frías. A temperatura máxima durante o día pode exceder os 20 °C desde principios de maio a finais de setembro e de media hai 34 días cada verán con temperaturas superiores aos 20 °C. Outubro é o mes máis tipicamente outonal con baixas temperaturas e caída de follas das árbores, mentres que novembro é moito máis escuro e frío. A precipitación media anual é de 892 mm bastante repartida durante todo o ano, aínda que en setembro e outubro chove o dobre que marzo, abril e maio. As temperaturas tenden a ser máis altas nos últimos anos. A zona de Trøndelag viu subir a súa temperatura media case 2 °C nos últimos 25 anos (2007).[3]
Trondheim é unha das cidades con maior penetración das novas tecnoloxías a nivel mundial, particularmente no referente ao acceso a Internet. Isto foi propiciado principalmente pola universidade, que foi unha das primeiras entidades en conectarse a Internet (de feito, dita universidade dispoñía no seu momento dun enderezo IP de clase A).
O alto nivel de acceso ás novas tecnoloxías, xunto co tremendo número de enxeñeiros informáticos formados anualmente na cidade, propiciou que en Trondheim instaláranse varias empresas, como Google, Yahoo, Opera ou Sun Microsystems.
A Universidade conta ademais coa maior biblioteca de libros de enxeñería de toda Noruega.
Lugares de interese
Dúas das maiores atraccións turísticas de Noruega son a Catedral de Nidaros (Nidarosdomen) e o Palacio do Arcebispo, situados xuntos no centro histórico de Trondheim.
Tradicionalmente, a Catedral de Nidaros foi o centro para as cerimonias de coroación dos reis noruegueses, onde os herdeiros á coroa son oficialmente anunciados coma novo monarca da nación. Nidaros é, ademais, a maior catedral de Noruega.
Outros
O xornal local Adresseavisen, fundado en 1767, é o máis antigo de Noruega.
Svartlamon é un barrio autónomo dentro de Trondheim.
A liña de tranvía Gråkallbanen é a máis setentrional do mundo.