The Mollusk

The Mollusk
Álbum de Ween
Publicado24 de xuño de 1997
Gravación1996 - 1997
Duración44:05
Xénero(s)art rock, rock alternativo, rock experimental, pop psicodélico
Selo(s)Elektra Records
ProdutorAndrew Weiss
Cronoloxía
12 Golden Country Greats
(1996)
The Mollusk Paintin' the Town Brown: Ween Live 1990-1998
(1999)
Na rede
Discogs: 32652 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

The Mollusk é o sexto álbum da banda de rock alternativo estadounidense Ween, editado o 24 de xuño de 1997 polo selo Elektra Records. É parcialmente un álbum conceptual ao ter case todos os temas unha temática relacionada co mar. As cancións cobren varios xéneros musicais, unidos por unha influencia do rock progresivo pesado con elementos psicodélicos. É considerado o mellor disco de Ween tanto pola crítica como pola propia banda.[1][2]

Antecedentes

Dende o lanzamento do seu álbum de 1994 Chocolate and Cheese, Aaron Freeman e Mickey Melchiondo (coñecidos polos nomes artísticos Gene e Dean Ween, respectivamente) comezaron a mellorar significativamente o seu enfoque da gravación en estudio. Mentres que os seus anteriores álbum estaban case enteiramente gravados por Freeman e Melchiondo en casa usando unha gravadora de 4 pistas, aChocolate and Cheese marcou a primeira vez que a banda producía un disco nun estudio de gravación profesional. Tamén comezou a súa transición dun dúo cara a unha banda máis tradicional coa incorporación do batería Claude Coleman, permitindo a Freeman e Melchiondo experimentar cun rango máis amplo de estilos musicais do que podían facer coa caixa de ritmos que usaban en lanzamentos anteriores.[3]

Aínda que o álbum de 1996 12 Golden Country Greats foi o seu primeiro disco en contar cunha banda completa en cada tema, as cancións graváronse con varios músicos de sesión de Nashville, polo que era visto pola banda máis como un álbum derivado, ao estilo de The Beach Boys' Christmas Album, que como unha verdadeira continuación de Chocolate and Cheese.[4] The Mollusk foi o álbum de estrea para o teclista Glenn McClelland, e, co baixista Dave Dreiwitz uníndose pouco despois do lanzamento do disco, a banda evolucionou finalmente cara ao quinteto actual.[5]

A portada de The Mollusk foi obra de Storm Thorgerson, o deseñador gráfico que fixo moitas das portadas de Pink Floyd, entre elas a de The Dark Side of the Moon. A Thorgerson gustoulle tanto o disco que, a pesar de que fora tan só contratado para facer a portada, decidiu facer tamén os deseños para carteis e para a promoción do disco, incluíndo todos os anuncios impresos iniciais asociados con The Mollusk, sen cargo adicional.[6]

Gravación

Tras gravar Chocolate and Cheese nun estudio profesional, Gene e Dean Ween decidiron que querían regresar ao seu anterior método de gravación en casa.[7] En 1995 trasladaron o seu equipo de gravación a unha casa de praia alugada na costa de Holgate, Nova Jersey, e este e parte do primeiro material gravado para o álbum case se perderon cando unha tubaxe de auga rebentou mentres a casa estaba baleira. Nese momento a banda deixou o disco á espera e fixo plans para gravar 12 Golden Country Greats en Nashville. Tras gravar 12 Golden Country Greats en 1995, publicalo e xirar para promocionalo, Ween completou o resto dos temas de The Mollusk en distintas localizacións do país. O álbum foi rematado en 1996 e publicado o 24 de xuño de 1997.[7]

Influencia

The Mollusk foiunha influencia directa para a serie de animación SpongeBob SquarePants. Stephen Hillenburg, o creador do programa, contactou coa banda pouco despois do lanzamento do álbum, e pediulles unha canción que máis tarde se convertería en "Loop de Loop". O tema "Ocean Man" aparece nos créditos finais da película The SpongeBob SquarePants Movie.[8]

Kurt Vile dixo que "Mutilated Lips" era a súa canción favorita de todos os tempos, e lembrou que o álbum "estoupoulle a mente" cando o escoitou de adolescente.[9]

Listaxe de cancións

Tódolos temas escritos e compostos por Gene Ween e Dean Ween[10]

N.º Título Duración
1. "I'm Dancing in the Show Tonight"   1:56
2. "The Mollusk"   2:37
3. "Polka Dot Tail"   3:20
4. "I'll Be Your Jonny on the Spot"   2:01
5. "Mutilated Lips"   3:49
6. "The Blarney Stone"   3:14
7. "It's Gonna Be (Alright)"   3:19
8. "The Golden Eel"   4:04
9. "Cold Blows the Wind"   4:28
10. "Pink Eye (On My Leg)" (instrumental) 3:13
11. "Waving My Dick in the Wind"   2:12
12. "Buckingham Green"   3:19
13. "Ocean Man"   2:07
14. "She Wanted to Leave"
"(Reprise)"  
4:26
43:54

"I'm Dancing in the Show Tonight" é unha reelaboración da canción de Nadal de 1953 "Are My Ears on Straight?", que foi orixinalmente gravada por Gayla Peevey, que nese momento tiña 10 anos, e publicada como cara b de "I Want a Hippopotamus for Christmas".

Notas

  1. "Dean Ween picks his favourite Ween disc, gives the back story on La Cucaracha". The Georgia Straight (en inglés). 2007-11-07. Consultado o 2023-06-01. 
  2. "WTF Podcast - Aaron Freeman". Consultado o 2023-06-01. 
  3. Shteamer, Hank (2011). Ween's Chocolate and Cheese. Bloomsbury Publishing. ISBN 9780826431172. 
  4. OneFiveDoor (1996). "Ween Interview - KROX". Consultado o 2023-06-02. 
  5. "Ask Deaner". askdeaner.com. 2012-11-07. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2012. Consultado o 2023-06-02. 
  6. "Ween’s The Mollusk Turns 20: An Oral History By Mickey Melchiondo". Stereogum (en inglés). 2017-07-11. Consultado o 2023-06-06. 
  7. 7,0 7,1 "Ween". web.archive.org. 1999-10-06. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 1999. Consultado o 2023-06-06. 
  8. "Ween farewell to Stephen Hillenburg". Facebook. Consultado o 2024-06-19. 
  9. Gage, Justin (2018-10-15). "Kurt Vile : The Aquarium Drunkard Interview". Aquarium Drunkard (en inglés). Consultado o 2024-06-19. 
  10. "Release "The Mollusk" by Ween". MusicBrainz. Consultado o 1 de xuño de 2023.