The Andrews Sisters

The Andrews Sisters
De arriba abaixo: LaVerne, Patty e Maxene en 1952
OrixeMinneapolis, Minnesota, Estados Unidos de América Estados Unidos
Período1925–1967
Xénero(s)Swing
Boogie-woogie
Pop tradicional
Jazz
MembrosLaVerne Andrews
Maxene Andrews
Patty Andrews
Na rede
IMDB: nm1679536 Allmovie: p1698
Facebook: AndrewsSisters Spotify: 2NCGI6dLTxLdI9XHdv7QfM iTunes: 25745 Last fm: The+Andrews+Sisters Musicbrainz: f5f22a9c-a00c-49f9-8123-329b632da79c Songkick: 184485 Discogs: 299951 Allmusic: mn0000043499 Find a Grave: 104311861 Editar o valor en Wikidata

The Andrews Sisters (en galego As Irmás Andrews) foi un grupo formado polas irmás LaVerne Sophie Andrews (contralto, 6 de xullo de 1911 - 8 de maio de 1967), Maxene Angelyn Andrews (soprano, 3 de xaneiro de 1916 - 21 de outubro de 1995) e Patricia Marie Andrews, coñecida como Patty, (mezzosoprano e cantante principal, 16 de febreiro de 1918 - 30 de xaneiro de 2013). O seu éxito de 1941 "Boogie Woogie Bugle Boy" pode ser considerado un exemplo temperán de rhythm and blues[1][2] ou jump blues.

As harmonías e as cancións de The Andrews Sisters seguen a ser influentes, e foron copiadas e gravadas por intérpretes como Bette Midler, Christina Aguilera, Pentatonix e outros. O grupo ingresou no Vocal Group Hall of Fame en 1998.[3]

Traxectoria

A loura Patty, a morena Maxene e a rubia LaVerne naceron en Minnesota, Estados Unidos, de pai grego e de nai norueguesa estadounidense. Criáronse en Minneapolis. Patty, a máis nova das irmás e cantante principal, só tiña sete anos cando formaron o grupo, e doce cando gañaron o primeiro premio nun concurso de talentos no Teatro Orpheum de Minneapolis, onde LaVerne tocaba o acompañamento de piano para os filmes mudos a cambio de clases de danza gratuítas para ela e as súas irmás. Trala ruína do restaurante do seu pai en Minneapolis, as irmás lanzáronse á estrada para axudar a familia.[4]

Cando as irmás gañaron fama e se asentaron en California, os seus pais viviron con elas en Brentwood, até o final das súas vidas. As irmás regresaban a Minneápolis polo menos unha vez ao ano para visitar a súa familia.

Comezaron a súa carreira como imitadoras dun exitoso grupo anterior, The Boswell Sisters. Tras cantar con varios grupos de baile e facer vodevil con Larry Rich, coñecido tamén como Dick Rich, Ted Mack e Leon Belasco,[5] atraeron por primeira vez a atención internacional coas súas gravacións e emisións por radio en 1937, sobre todo polo seu éxito "Bei Mir Bist Du Schön",[6] que era orixinalmente unha melodía en idioma yiddish, cunha letra que traduciu ao inglés Sammy Cahn e que as mozas harmonizaron perfectamente. Venderon un millón de discos, co que se converteron no primeiro grupo de voces femininas en gañar un disco de ouro. A este éxito seguírono varios máis, durante os seguintes dous anos e xa en 1940 eran moi coñecidas.[7]

The Andrews Sisters gravaron 47 cancións con Bing Crosby, 23 das cales se clasificaron nas listas de éxitos da importante revista musical Billboard, convertendo o equipo nun dos emparellamentos de máis éxito da historia do espectáculo musical. Os seus éxitos con Crosby inclúen "Pistol Packin' Mama", "Don't Fence Me In", "South America", "Take It Away" e "Jingle Bells".

Xunto con Crosby, o trío estaba entre os artistas que incorporaron estilos musicais étnicos ás listas de éxitos dos Estados Unidos, popularizando cancións que incluían melodías orixinarias de Israel, Italia, España, Francia, Irlanda, Rusia, Brasil, México ou Trinidad, moitas das cales escollía para elas Crosby.

Durante a segunda guerra mundial, animaron as forzas aliadas no seu país, en África e Italia, visitando o Exército, a Mariña, os Marines e as bases dos Gardacostas, zonas en guerra, hospitais e fábricas de munición. Animaron os cidadáns estadounidenses a comprar bonos de guerra do Estado coa súa canción "Any Bonds Today?". Durante estas viaxes, adoitaban convidar a cear a tres soldados ao azar.

Gravaron unha serie de Victory Discs para que fosen distribuídos unicamente entre as Forzas Aliadas e gañáronse o sobrenome de "Sweethearts of the Armed Forces Radio Service" (en galego "Amoriños do Servizo de Radio das Forzas Armadas") polas súas moitas aparicións en programas como Command Performance, Mail Call e G.I. Journal.[8]

Era tanta a popularidade de The Andrews Sisters que, trala guerra, descubriron que algunhas das súas cancións foran levadas de contrabando a Alemaña, tras cambiar as etiquetas por Cancións de Marcha de Hitler. A canción "Bei Mir Bist Du Schön" converteuse nunha favorita dos nazis, ata que se descubriu que os compositores da canción eran de ascendencia xudía. Despois disto, os presos dos campos de concentración seguiron cantándoa ás agachadas.

Interrupción da súa carreira

The Andrews Sisters separáronse en 1953, principalmente por mor da decisión de Patty de comezar a súa carreira en solitario,[9] co seu marido como axente. Cando Maxene e LaVerne se decataron desta decisión a través das columnas de rumores en lugar de pola súa irmá, produciuse unha agre separación de dous anos, que empeorou cando Patty demandou a LaVerne para conseguir unha parte maior do inmoble dos seus pais.[10] Maxene e LaVerne tentaron continuar como dueto, co apoio da crítica durante a súa xira de 10 días por Australia.

Un intento de suicidio de Maxene en decembro de 1954 impediu realizar máis xiras.[11] Maxene pasou un curto tempo no hospital tras tomar 18 pílulas somníferas. LaVerne contou aos xornalistas que foi por accidente.

En 1956 as irmás reconciliáronse e asinaron un novo contrato discográfico con Capitol Records (coa cal Patty asinara como solista) e lanzaron unha ducia de sinxelos durante 1959, algúns con estilo de rock and roll que non foron moi ben recibidos, e tres álbums hi-fi, incluíndo un LP de cancións bailables dos anos 20 coa orquestra de Billy May. En 1962, asinaron con Dot Records e gravaron discos durante máis de cinco anos, tanto versións de antigos éxitos como material novo, como "I Left My Heart In San Francisco", "Still", "The End of the World", "Puff the Magic Dragon", "Sailor", "Satin Doll", ou as cancións de Come September e Un homme et une femme. Fixeron moitísimas xiras durante os anos 60, aparecendo nos clubs nocturnos de moda en Las Vegas, Nevada, California e Londres.[12]

A fin chegou en 1967 cando a máis vella das irmás, LaVerne, morreu de cancro despois de loitar durante un ano contra a enfermidade.[13] Durante ese tempo, foi substituída pola cantante Joyce DeYoung. LaVerne fundara o grupo orixinal, e adoitaba ser a figura conciliadora entre as tres irmás. Trala súa morte, Maxene non viu necesidade de continuar como un dúo (ensinaba teatro e dicción nun colexio universitario do lago Tahoe e traballaba con adolescentes problemáticos), e unha vez máis, Patty arelaba actuar en solitario.[14]

Regreso

As irmás fixeron un regreso no musical nostálxico dos Sherman Brothers da segunda guerra mundial Over Here! que se estreou en Broadway no teatro Shubert en 1974. Foi unha continuación do éxito de Patty en 1971 en "Victory Canteen". No musical participaron Maxene e Patty (con Janie Sell ocupando o posto de LaVerne, actuación pola cal obtivo un premio Tony) e foi escrito pensando nas dúas irmás para os papeis protagonistas. Este musical impulsou as carreiras de moitas iconas teatrais e televisivas como John Travolta, Marilu Henner, Treat Williams ou Ann Reinking. Foi o último grande éxito das mozas e non durou demasiado debido a un xuízo iniciado polo marido de Patty, contra os produtores do espectáculo, arruinando as xiras programadas da compañía que incluían as irmás.[15]

Patty distanciouse de Maxene a partir daquel momento, aínda que esta última afirmou trala súa morte que nunca soubo os motivos da súa irmá para esta separación. Maxene sufriu un grave ataque ao corazón mentres actuaba en Illinois en 1982 e requiriu unha cuádrupla cirurxía de bypass, da que se recuperou con éxito. Patty visitouna mentres se atopaba hospitalizada. Agora adoitaba aparecer como "Patti", aínda que seguía asinando os autógrafos como Patty.

Volveu aparecer ante a opinión pública a finais dos anos 70, como panelista habitual no espectáculo The Gong Show. Maxene tivo unha reaparición de éxito en 1979 como solista de cabaret e realizou xiras por todo o mundo os seguintes quince anos. Gravou en 1985 un álbum en solitario titulado "Maxene: An Andrews Sister" para Bainbridge Records. Patty debutou na súa propia actuación en solitario en 1981, pero non obtivo a mesma aceptación da crítica que a súa irmá, a pesar de que era ela quen fora considerada a estrela do grupo. A maior queixa da crítica foi que o show de Patty se concentraba demasiado no antigo material de The Andrews Sisters, o que non permitía que o talento propio de Patty como vocalista de blues saíse á luz.[16]

As dúas irmás reuníronse de novo, aínda que brevemente, o 1 de outubro de 1987 cando recibiron unha estrela no famoso Paseo da Fama de Hollywood de Hollywood e chegaron a cantar unhas estrofas de "Beer Barrel Polka" para as cámaras de Entertainment Tonight. Ironicamente, produciuse un terremoto na área esa mesma mañá e a cerimonia estivo a piques de ser cancelada. Patty aproveitou para facer unha broma, dicindo: "Hai quen di que o terremoto desta mañá foi LaVerne porque non podía vir, pero realmente eramos Maxene e eu falando por teléfono". As irmás riron e abrazáronse. Tras este encontro, permaneceron separadas durante 20 anos.[17]

Familia e falecemento

LaVerne Andrews casou con Lou Rogers,[13] trompetista na banda de Vic Schoen, en 1948. Permaneceron xuntos ata a morte de LaVerne o 8 de maio de 1967 (Lou faleceu en 1995).[18] As cinsas de LaVerne e de Maxene Andrews están enterradas no Columbario da Memoria do Forest Lawn Memorial Park Cemetery en Glendale, California,[19] próximas ás cinsas dos seus pais.

Maxene Andrews casou co editor musical Lou Levy en 1941 e separáronse en 1949. Levy foi o director das irmás entre 1937 e 1951. Maxene faleceu o 21 de outubro de 1995 tras sufrir un ataque ao corazón mentres estaba de vacacións en Cape Cod coa súa filla e directora Lynda Wells.[20] Tras descubrir o falecemento da súa irmá, Patty quedou moi consternada. Non acudiu aos actos conmemorativos en honra da súa irmá nin en Nova York nin en San Francisco. Bob Hope dixo, tralo falecemento de Maxene, "Era moito máis que unha parte de The Andrews Sisters, moito máis que unha cantante. Era unha muller doce e marabillosa que compartía o seu talento e coñecemento cos demais".[21]

Patty Andrews casou co axente Marty Melcher en 1947 e deixouno en 1949, cando el comezou unha relación con Doris Day. Casou entón con Walter Weschler, pianista do trío en 1951. patty faleceu de causas naturais na súa casa de Northridge, California, o 30 de xaneiro de 2013, aos 94 anos. Weschler, o seu home durante case sesenta anos, falecera o 28 de agosto de 2010, aos 88 anos.[4][22] Non adoitaba responder preguntas persoais sobre as súas irmás nas entrevistas ocasionais que concedeu, e cando se lle preguntaba, bromeaba brevemente antes de pasar ao seguinte tema.

Estilo musical

The Andrews Sisters especializáronse sobre todo no swing, o boogie-woogie, e novos éxitos co seu selo persoal: rápidas síncopas vocais. Tamén fixeron grandes hits de jazz, baladas, folk, country-western e música relixiosa, converténdose nas primeiras artistas de Decca en gravar un álbum de gospel en 1950.[23] A súa versatilidade permitiulles emparellarse con moitos artistas diferentes nos estudos de gravación, chegando a ter hits Top 10 con celebridades como Bing Crosby (o único artista musical que vendeu máis discos que The Andrews Sisters en 1940), Danny Kaye, Dick Haymes, Carmen Miranda, Al Jolson, Ray McKinley, Burl Ives, Ernest Tubb, Red Foley, Dan Dailey, Alfred Apaka e Les Paul.[24][25] En aparicións persoais en radio e televisión, cantaron con personalidades como Rudy Vallee, Judy Garland e Nat "King" Cole, Jimmie Rodgers, Andy Williams e The Supremes.[26]

Cando as irmás saíron ao escenario musical a finais dos anos 30, axitaron os sólidos cimentos musicais daquela época. Produciron unha moi lograda mestura harmónica, cantando a pleno pulmón nun intento de conseguir o son de tres trompetas harmonizadas,[27] apoiándose nunha banda de música. Algúns directores de banda do momento, como Artie Shaw e os seus músicos, gardábanlles rancor por roubarlles o protagonismo e salientar as súas voces. Así mesmo, estaban tan demandadas como os propios directores de banda, moitos dos cales non querían compartir o protagonismo co trío de mozas.

Con todo, tiveron unha inmediata acollida entre o público adolescente e adulto, fascinados polo swing e o jazz. The Andrews Sisters tocaron coa maioría das bandas importantes, incluíndo a de Glenn Miller, Benny Goodman, Buddy Rich, Tommy Dorsey, Jimmy Dorsey, Gene Krupa, Joe Venuti, Freddie Slack, Eddie Heywood, Bob Crosby (irmán de Bing Crosby), Desi Arnaz, Guy Lombardo, Les Brown, Bunny Berigan, Xavier Cugat, Paul Whiteman, Ted Lewis, Nelson Riddle e Gordon Jenkins, cuxa orquestra e coro as acompaña con suaves e melancólicas interpretacións como en "I Can Dream, Can't I?" (que estivo no número 1 de Billboard, e que se mantivo no Top 10 25 semanas), "I Wanna Be Loved", "There Will Never Be Another You", e "The Three Bells" (primeira versión de fala inglesa que se gravou desta canción francesa).

Filmes

Maxene, Patty, e LaVerne apareceron en quince filmes de Hollywood. A súa primeira longametraxe, Argentine Nights, emparellounas con outro trío, os Ritz Brothers.[28] Universal Pictures rexeitou contratar un coreógrafo, así que os Ritzs lles ensinaron algúns pasos innovadores.

Buck Privates, con Abbott e Costello, incluía o hit "Boogie Woogie Bugle Boy." Esta composición de Don Raye-Hughie Prince foi candidata ao Oscar á mellor canción na cerimonia de 1941.[29] En 2001, a canción obtivo por votación o posto número 6 de entre unha lista de 365 aspirantes a Canción do Século, recobrando a súa popularidade gracas a unha versión de 1973 de Bette Midler.

Universal contratou as irmás para outras dúas comedias de Abbot e Costello, e máis tarde levounas á fama en musicais. What's Cookin', Private Buckaroo, e Give Out, Sisters estiveron entre as súas máis populares longametraxes.[30]

Programas de televisión e radio

The Andrews Sisters eran as máis solicitadas nos teatros de todo o mundo durante os anos 40 e principios dos 50, superando sempre os niveis de audiencia previos. Patty, Maxene e LaVerne presentaron os seus propios programas de radio para ABC e CBS dende 1944 ata 1951, cantando anuncios de radio especialmente escritos para produtos tales como a goma de mascar Wrigley's, ananás Dole, motores Nash, produtos do fogar Kelvinator, sopa Campbell e produtos alimenticios Franco-American.

Notas

  1. boogie-woogie Arquivado 2012-06-24 en Wayback Machine.. CollinsDictionary.com. Collins English Dictionary - Complete & Unabridged 11th Edition. Consultado o 26 de novembro de 2012.
  2. The American Heritage Dictionary of the English Language, Fourth Edition copyright ©2000 by Houghton Mifflin Company, Updated in 2009 CITED IN "Boogie-Woogie", FreeDictionary.com.
  3. "Vocal Group Hall of Fame - The Andrews Sisters". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 Associated Press file photo. "Patty Andrews, last of the famed sisters, dies". StarTribune.com. Arquivado dende o orixinal o 07-02-2013. Consultado o 2-7-2013. 
  5. Shambarger, Peter (outono de 2004). "Book Reviews: Popular, Rock & Country Music - "The Andrews Sisters: A Biography and Career Record," by H. Arlo Nimmo". ARSC Journal. 
  6. "Sholom Secunda - The Story of Bei Mir Bist Du Schoen". www.dvrbs.com. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2017. Consultado o 2 de maio de 2018. 
  7. Jill Serjeant (30 de xaneiro de 2013). "Last of 1940s hitmakers Andrews Sisters dies in California". "Reuters". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2013. Consultado o 3 de febreiro de 2013. 
  8. Adam Bernstein (30 de xaneiro de 2013). "Patty Andrews, the last surviving member of the Andrews Sisters, dies at 94". "Washington Post". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2013. Consultado o 3 de febreiro de 2013. 
  9. Blaszyk, Amy (30 de xaneiro de 2013). "Patty Andrews, Leader Of The Andrews Sisters, Dies". National Public Radio. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2016. Consultado o 17 de febreiro de 2016. 
  10. Beverage, Bob; Peluso, Ron (2012). David Lohman e Jan Puffer. "Christmas of Swing" (PDF). History Theater. November 24 – December 23: 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 1 de abril de 2019. Consultado o 1 de abril de 2019. 
  11. Los Angeles Times article (PDF) 22 de decembro de 1954.
  12. Nimmo, H. Arlo (22 de xaneiro de 2004). "The Andrews Sisters: A Biography and Career Record". McFarland. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 
  13. 13,0 13,1 Los Angeles Times article (PDF) 9 de maio de 1967.
  14. St. Petersburg Times 10 de agosto de 1968.
  15. "Andrews Sisters in pay dispute". St. Petersburg Times. 27 de decembro de 1974. p. 6–D. 
  16. Sforza, John (13 de xaneiro de 2015). "Swing It!: The Andrews Sisters Story". University Press of Kentucky. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 
  17. Hawn, Jack (1 de outubro de 2010). "Blind Journey: A Journalist's Memoirs". Strategic Book Publishing. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 
  18. Arto Nimmo, H (2004). The Andrews Sisters: A Biography and Career Record. p. 409. ISBN 9780786432608. 
  19. Sforza, John (13 de xaneiro de 2015). "Swing It!: The Andrews Sisters Story". University Press of Kentucky. Consultado o 2 May 2018 – vía Google Books. 
  20. "Maxene Andrews, One of Singing Sisters, Dies at 79 : Performers: Former L.A. resident suffers a heart attack on Cape Cod. She also had successful solo careers as a singer and educator .Maxene's Daughter Lynda Wells, who was by her side, at the time of her death, can be contacted regarding all matters concerning The Andrews Sisters. - Los Angeles Times". Articles.latimes.com. 23-10-1995. Arquivado dende o orixinal o 24-10-2013. Consultado o 22-10-2013. 
  21. Sforza, John (2004). Swing It!: The Andrews Sisters Story. Estados Unidos de América: University Press of Kentucky. pp. 171, 289. ISBN 9780813190990. 
  22. 219.852.4327, Philip Potempa philip.potempa@nwi.com,. "OFFBEAT: Singer Patty Andrews manager husband dead at age 88". nwitimes.com. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 2 May 2018. 
  23. gospel (24 de marzo de 2012). "Bing Crosby, Nat King Cole, The Andrews Sisters - May the Good Lord Bless and Keep You - Gospel". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2016. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía YouTube. 
  24. Nimmo, Harry (2 de maio de 2018). "The Andrews Sisters: A Biography and Career Record". McFarland. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 
  25. Nimmo, H. Arlo (22 de xaneiro de 2004). "The Andrews Sisters: A Biography and Career Record". McFarland. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 
  26. Sforza, John (13 de xaneiro de 2015). "Swing It!: The Andrews Sisters Story". University Press of Kentucky. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 
  27. "Patty Andrews, last surviving member of Andrews sisters, remembered for rallying troops". The Washington Post. The Associated Press. 31 de xaneiro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2019. Consultado o 1 de febreiro de 2013. 
  28. Los Angeles Times article PDF 15 de maio de 1940.
  29. Reid, John (1 de novembro de 2004). "Popular Pictures of the Hollywood 1940s". Lulu.com. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 
  30. Dick, Bernard F. (13 de xaneiro de 2015). "City of Dreams: The Making and Remaking of Universal Pictures". University Press of Kentucky. Consultado o 2 de maio de 2018 – vía Google Books. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Nimmo, H. Arlo. The Andrews Sisters. Jefferson: McFarland & Co, Inc., 2004.
  • Sforza, John. Swing It! The Andrews Sisters Story. Lexington: The University Press of Kentucky, 2000.

Ligazóns externas