A Sociedade Numismática Austríaca (en alemán: Österreichische Numismatische Gesellschaft –OENG–), con sede en Viena, é unha entidade asociativa establecida en 1870, que agrupa os interesados no estudo e no coleccionismo de moedas e obxectos afíns en Austria.[1][2]
Os seus máis de 400 membros teñen acceso a moi diversas actividades, como conferencias, exposicións e viaxes de estudo, así como a unha biblioteca especializada en numismática.[1]
O seu presidente é Michael Beckers e ocupa a vicepresidencia Susanne Sauer.[3]
Historia
A Österreichische Numismatische Gesellschaft fundouse en Viena o 19 de marzo de 1870 por iniciativa e baixo a dirección do orientalista Josef von Karabacek, o numismático Arnold Luschin von Ebengreuth e o conservador do Gabinete Imperial de Moedas e Antigüidades de Austria, o tamén numismático e arqueólogo Friedrich von Kenner.[2]
Desde 1942, a sociedade ten a súa sede no edificio da Casa da Moeda de Austria.[2]
Publicacións
Unha das principais actividades da Sociedade Numismática Austríaca é a edición de publicacións científicas.[2]
Por unha banda, edítase a publicación periódica Numismatische Zeitschrift, unha cabeceira xa existente desde 1869, un ano antes da constitución da Sociedade.[4]
Por outra banda, publícase Mitteilungen der Österreichischen Numismatischen Gesellschaft (MÖNG; "Comunicacións da Sociedade Numismática Austríaca"), con contribucións científicas, recensións de novidades editoriais e informes sobre proxectos de investigación en numismática e nas disciplinas afíns.[5] Esta publicación apareceu periodicamente desde 1883 con diferentes títulos e actualmente ten periodicidade semestral.[6]
Ademais destas dúas publicacións principais, hai tamén un boletín de noticias.[7]
Honras e medallas
Destacadas figuras da numismática internacional figuran entre os membros de honra da Sociedade Numismática Austríaca, entre elas: María R. Alföldi (Hungría), Michel Amandry (Francia), Joe Cribb (Reino Unido), William Metcalf (Estados Unidos) ou Bernd Kluge (Alemaña).[8]
Medalla Eckhel
Esta condecoración vénse outorgando cunha periodicidade indefinida desde 1958, en homenaxe ao numismático austríaco Joseph Hilarius Eckhel ("pai da ciencia numismática"), a persoas que prestaran servizos destacados ao aspecto científico da numismática.[9]
Medalla Schreiner
En 1979 outorgouse por vez primeira a medalla Schreiner, para honrar as persoas que fixeran unha contribución especial á Sociedade Numismática Austríaca.[10]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
- Koch, B. (1970). "Festschrift 100 Jahre Österreichische Numismatische Gesellschaft. 1870-1970". En Numismatische Zeitschrift. 84/85.
Ligazóns externas
Asociacións relacionadas coa numismática |
---|
Ámbito internacional | |
---|
Europa | |
---|
América | |
---|
Asia, África e Oceanía | |
---|
Véxase tamén | |
---|