Sinfonía núm. 3 (Górecki)

Sinfonía núm. 3
de Henryk Górecki
Górecki en 1993.
XéneroSinfónico
FormaSinfonía
TextoVarios
LinguaPolonés
Composición1976, Katowice
Gravación1978
Movementos3
Estrea
Data4 de abril de 1977
LugarRoyan
DirectorErnest Bour
IntérpretesSWR Sinfonieorchester Baden-Baden und Freiburg
Stefania Woytowicz

A Sinfonía núm. 3, Op. 36, tamén coñecida como Sinfonía das cancións doentes,[1] Sinfonía das cancións tristes[2] ou Sinfonía das lamentacións[3] (en polaco, Symfonia pieśni żałosnych), é unha sinfonía en tres movementos composta polo compositor Henryk Górecki en Katowice (Polonia), entre outubro e decembro de 1976. Esta obra é representativa da transición do compositor entre o seu estilo disonante temperán e o outro máis tonal posterior. Foi estreada o 4 de abril do ano seguinte pola SWR Sinfonieorchester Baden-Baden und Freiburg e a soprano Stefania Woytowicz baixo a batuta de Ernest Bour no Festival de Royan.[4]

A sinfonía está escrita para orquestra e soprano. Esta canta un texto polonés distinto en cada un dos tres movementos:[5] no primeiro, un lamento atribuído á Virxe María escrito no século XV; no segundo, unha mensaxe escrita na parede dunha cárcere da Gestapo durante a segunda guerra mundial; no terceiro, unha canción folclórica sobre unha nai que busca ao seu fillo, asasinado durante a insurrección silesiana de 1919.[6] O primeiro e o terceiro movementos están escritos dende a perspectiva dos pais que perden un fillo, e o segundo movemento dende a do fillo que é separado dos seus pais. O tema central da sinfonía é, polo tanto, o da maternidade e a separación dos seres queridos por culpa da guerra.

Ata 1992, Górecki só era coñecido entre entendidos, unicamente como un dos moitos compositores do chamado «Renacemento musical polonés» da posguerra.[7] Finalmente, ese ano, a compañía Elektra Records lanzou unha gravación titulada Symphony No. 3 (15 anos despois da súa composición) que situouse entre as máis vendidas nas listas de música clásica de Gran Bretaña e os Estados Unidos.[8][9] Dende aquela vendéronse máis dun millón de copias, o que lle supuxo a obtención dun disco de ouro en Gran Bretaña o 1 de febreiro do ano seguinte,[10] superando con creces as vendas estimadas de toda unha vida dunha gravación típica dun compositor do século XX.[11] Este éxito, con todo, non logrou atraer a atención do público cara ao resto da produción de Górecki.[12]

Historia

Pierre Boulez, con quen Górecki se relacionou durante a década de 1960.

A pesar do ambiente político contrario á arte moderna (denunciada como «formalista» polas autoridades comunistas), a música polonesa da posguerra gozou dun nivel de liberdade sen precedentes, en especial logo do establecemento do «Festival de Outono de Varsovia» en 1956.[13] Górecki obtivera recoñecemento entre os compositores vangardistas polas súas obras experimentais, disonantes e seriais da primeira parte da súa carreira; tamén fíxose coñecido na escena internacional grazas a obras modernistas como Scontri, que foi un éxito no festival de 1960, ou a súa Sinfonía núm. 1, que gañou un premio na Bienal Xuvenil de París de 1961.[14] Ao longo da década de 1960, Górecki continuou relacionándose con outros compositores experimentais da época, como Pierre Boulez ou Karlheinz Stockhausen.

Na década de 1970, en cambio, Górecki comezou a distanciarse do serialismo e das disonancias extremas da súa primeira época. Así, tanto a Terceira Sinfonía, como as pezas corais Euntes ibant et flebant (Op. 32, 1972) e Amen (Op. 35, 1975), supoñen un rexeitamento de tales técnicas experimentais. A ausencia de variación harmónica na Sinfonía núm. 3, así como a súa insistencia na utilización de repeticións marca un paso na traxectoria de Górecki cara ao minimalismo e as texturas simples que caracterizan a súa obra posterior.[6] Dada a natureza relixiosa de boa parte das súas obras desta etapa, moitos críticos e musicólogos sitúano ao carón doutros compositores contemporáneos que exploran igualmente con estruturas e texturas sinxelas, coa tonalidade e a melodía, e que tamén adoptan temáticas relixiosas, tales como Arvo Pärt ou John Tavener; con todo, ningún dos autores cualificados baixo esta etiqueta de «minimalismo relixioso» ou «minimalismo sacro» admite ter recibido influenzas comúns cos demais.

Composición

Os Montes Tatras, preto da prisión nazi de Zakopane, de onde o compositor tomou unha frase escrita nunha das celas para a composición da súa sinfonía.

En 1973, Górecki recorreu ao folclorista polonés Adolf Dygacz na procura de melodías que puidera incorporar á súa nova obra. Dygacz presentoulle catro cancións gravadas na rexión de Silesia, unha das cales impresionou ao compositor. Tratábase dunha melodía titulada Kajze mi sie podzioł mój synocek miły (A onde foi o meu querido fillo), que describía a dor dunha nai polo seu fillo, caído durante a guerra, probablemente durante as rebelións de 1919–1921. Górecki oíra unha versión desta canción nos anos 1960 e non lle prestara especial atención, mais a letra e a melodía do novo arranxo recollido por Dygacz cativárono profundamente. Máis tarde afirmou:[15]

Para min, é un texto poético marabilloso. Non sei se un poeta profesional podería crear tanta forza poética con palabras tan simples e tersas. Non hai pena, desesperación ou resignación, nin xesticulacións exaxeradas: só hai a dor e os lamentos dunha nai que perdeu a seu fillo.

Ese mesmo ano, Górecki oíu falar dunha inscrición garabateada na parede dunha prisión da Gestapo en Zakopane, situada aos pés dos Montes Tatras, ao sur de Polonia. As palabras pertencían á adolescente de dezaoito anos Helena Wanda Błażusiakówna, encarcerada o 25 de setembro de 1944. A inscrición dicía: «O Mamo nie płacz nie—Niebios Przeczysta Królowo Ty zawsze wspieraj mnie» («Oh nai, non chores - Inmaculada Raíña Celestial, socórreme sempre»). O compositor lembrábaa así:[16]

Admito que sempre me irritaron as grandes palabras, os berros de vinganza. Quizais se me vira fronte a fronte coa morte eu tamén berrase así; mais esta frase que atopei era diferente, case unha desculpa ou unha explicación por terse metido nesta lea; busca consolo con palabras sinxelas, mais significativas.

Máis tarde explica:[17]

Na prisión, toda a parede estaba cuberta de inscricións que clamaban: 'Son inocente', 'Asasinos', 'Executores', 'Liberádeme', 'Salvádeme', etc. Todo era chillón e banal. Os adultos escribían este tipo de mensaxes, mais temos aquí unha rapaza de dezaoito anos, case unha nena. Ela é diferente. Non desespera, non chora, non esixe vinganza. Non pensa en si mesma, en se merece ou non este destino. En cambio, pensa na súa nai, que é quen experimenta a verdadeira desesperación. Esta inscrición é algo extraordinario. E realmente fascinoume.

Górecki tiña xa que logo dous textos: un dunha nai cara ao seu fillo, e outro dunha filla cara á súa nai. Logo de procurar textos para continuar con este tema, decidiuse por unha canción popular do século XV da cidade de Opole.[18] O seu texto contiña unha pasaxe na que a Virxe María fala con Xesús no momento da crucifixión: «Oh, meu fillo, o Amado e Elixido, comparte as túas feridas coa túa nai...» («Synku miły i wybrany, Rozdziel z matką swoje rany...»). Górecki afirmou que:[19]

… este texto era popular, anónimo. Así pois, tiña tres actos, tres persoas. Orixinalmente, pensei enmarcar estes textos cunha introdución e unha conclusión. Mesmo elixín dous versículos (o 5 e o 6) do salmo 94 (93 na versión Vulgata), da Biblia traducida ao polaco por Jakub Wujek: "Ao teu pobo, Yahveh, esmagan, a túa herdade humillan. Matan ao forasteiro e á viúva, asasinan ao orfo”.

Con todo, Górecki finalmente desbotou este formato, porque cría que esa estrutura faría que a sinfonía fora «sobre a guerra». Górecki quería transcender máis aló do específico, polo que estruturou a súa obra como tres lamentos independentes.[19]

Descrición

A Sinfonía núm. 3 constrúese arredor de harmonías simples, nun estilo neo-modal[20] que emprega técnicas da música medieval pero que non se adhire por completo ás normas de composición medievais. Unha interpretación habitual dura arredor de 54 minutos. Ronald Blum, pola súa banda, describe a sinfonía como «lúgubre, como Gustav Mahler, mais sen a ampulosidade da percusión, as trompas e o coro, só o lamento das cordas e da soprano solista».[21] A obra consiste en tres movementos en ton de elexía, todos eles marcados como Lento.[22] As cordas dominan a textura musical e o volume raramente elévase: a marca de fortissimo só aparece nuns poucos compases.[6]

O musicólogo Adrian Thomas apuntou que a sinfonía carece de disonancias, e que non require de ningún virtuosismo técnico. Ademais, observa que «non hai referencias estilísticas de segunda man, aínda que si tiveramos que buscar precedentes habería que atopalos, de xeito distante, en compositores tan variados como Johann Sebastian Bach, Franz Schubert, Tchaikovski, ou mesmo Claude Debussy».[23]

Instrumentación

A sinfonía núm. 3 de Górecki está escrita para soprano e unha orquestra consistente en:

Instrumentación de Poruchik Kizhe
Madeiras
4 frautas (dúas dobran con piccolo), 4 clarinetes en si♭, 2 fagots, 2 contrafagots.
Metais
4 trompas en fa, 4 trombóns, tuba.
Percusión
Bombo, caixa, ferriños, pratos, pandeireta, axóuxeres e celesta.
Cordas
16 Violíns I, 16 violíns II, 12 violas, 12 violonchelos, 8 contrabaixos, arpa
Teclado
Piano

Para a maior parte da partitura, a sección de cordas (cuxo número de efectivos está indicada polo compositor) está dividida en dúas partes, cada unha escrita nun pentagrama separado. Polo tanto a parte das cordas está escrita principalmente en dez partes diferentes, en dez pentagramas separados. Nalgunhas seccións algunhas destas partes están divididas aínda en máis partes separadas, que están escritas no mesmo pentagrama, de xeito que se empregan dez pentagramas para un maior número de partes.

Extraordinariamente, a partitura omite óboes, cornos ingleses, clarinetes baixos, e trompetas. Os fagots, contrafagots, e trombóns tocan só no primeiro movemento, e só nuns poucos compases (fagots e contrafagots: 339–342 e 362–369; trombóns: 343–348 e 367–369).

Movementos

Lento - Sostenuto tranquillo ma cantabile

Unha rúa de Katowice, localidade onde foi composta a sinfonía.

Cunha duración aproximada de vinte e sete minutos, o primeiro movemento dura tanto coma os outros dous movementos xuntos,[18] e baséase no lamento atribuído á Virxe María escrito no século XV, recollido na colección de cancións de Łysa Góra, que se encontra no Mosteiro da Santa Cruz, Serra de Świętokrzyskie.

Synku miły i wybrany.
Rozdziel z matką swoje rany;
A wszakom cię, synku miły,
w swem sercu nosiła.
A takież tobie wiernie służyła.
Przemów z matce, bych się ucieszyła,
Bo już idziesz ode mnie, moja nadzieja miła.
Meu querido fillo, meu predilecto,
comparte as feridas coa túa nai.
Xa que fun eu, querido fillo,
quen te levou no corazón,
e quen tan fielmente serviute.
Fálalle á túa nai para facela feliz,
pois xa me abandonas, doce esperanza miña.
Lamento medieval (swiętokrzyski) da colección de Cancións de Łysa Góra (segunda metade do século XV).[24]

Está formado por tres seccións: iníciase cun canon en dez partes, empregando unha melodía de vinte e catro compases no modo eolio de mi. Comeza cos contrabaixos, aos que se agrega un novo instrumento cada vinte e cinco compases, unha quinta por riba do anterior. Cando o canon alcanza as súas dez repeticións, comeza a descender ata reducirse a un único ton. A soprano entra na segunda sección e o seu canto culmina co clímax na última palabra, momento no que se lle une a orquestra repetindo o clímax do canon inicial. A terceira sección do movemento é unha longa conclusión que tamén descende ata un único ton.

Lento e largo - Tranquillissimo

O segundo movemento, de nove minutos de duración, está escrito para soprano, clarinetes, trompas, piano e cordas, e contén un libreto formado a partir da oración á Virxe María escrita por Helena Wanda Blazusiakówna na parede da súa cela.[18]

Mamo, nie płacz, nie.
Niebios Przeczysta Królowo.
Ty zawsze wspieraj mnie.
Zdrowaś Maryjo, łaski pełna.
Mamá, non chores, non.
Inmaculada Raíña dos Ceos,
apóiame sempre.
Ave María, chea es de graza.
Zakopane, "Palace", cela núm. 3, parede núm. 3, Helena Wanda Błażusiakówna de 18 anos, encarcerada dende o 25 de setembro de 1944.[24]

Segundo o compositor, «quería que o segundo movemento tivera un carácter montañoso, non no sentido do folclore puro, máis si que recollera o clima de Podhale... Quería que o monólogo da rapaza parecera como canturreado... por unha banda case irreal, mais por outra dominando á orquestra».[25] O movemento ábrese cunha pedal en quintas, lami, e un fragmento melódico, misol♯–fa♯, que alterna con caídas repentinas ao acorde si♭–re♭. Thomas describe o efecto como «case cinemático... suxerindo o aire libre das montañas».[25] A medida que a soprano comeza cantar, as súas palabras son acompañadas pola orquestra, ata acadar o clímax en la♭. O movemento conclúe cun longo acorde das cordas que dura máis de dous minutos sen decrescendo. As dúas últimas palabras do movemento son as dúas primeiras liñas do Ave María polonés, cantadas pola soprano dúas veces no mesmo ton.

Lento - Cantabile semplice

O ‘'tempo’’ do terceiro movemento non é tan lento coma o dos dous anteriores, e certos cambios leves na dinámica e no modo fan que sexa máis complexo do que podería parecer a primeira vista. Está formado por tres estrofas en la menor[6] e, do mesmo xeito que o primeiro movemento, constrúese mediante a evolución dun motivo sinxelo. A melodía establécese na estrofa inicial, e a segunda e terceira estrofas revisitan os mesmos temas do segundo movemento.[26] Cando a soprano canta as últimas palabras, a tonalidade cambia a un la maior diatónico que acompaña á que o escritor David Ellis denominou "a estrofa extática final":[6]

[...]

Ej, ćwierkeycie mu tam,
wy ptosecki boże,
kiedy mamulicka
znaleźć go nie może.

A ty, boże kwiecie,
kwitnijze w około,
niech się synockowi
choć lezy wesoło.
[...]

Oh, cantade para el,
paxariños cantores de Deus,
porque a súa nai
non pode hachalo.

E vos, floriñas de Deus,
florecede ao seu redor,
para que canto menos o meu fillo
poida gozar soñando.
Canción folclórica da rexión de Opole.[24]

Logo desta estrofa a orquestra volve a la menor antes dun postludio final en la maior.[6] En palabras do propio Górecki:[16]

…finalmente, apareceu ese invariable, persistente e obstinado walczyk [no acorde de la], que soaba ben ao tocarse piano, de xeito que todas as notas foran audibles. Para a soprano, empreguei unha técnica característica dos cantos das montañas: suspendendo a melodía na terceira [♯] e descendendo dende a quinta á terceira mentres o conxunto descende paso a paso [en sextas].

Interpretación

Jean Fouquet, María co Neno, contra 1450.

A Terceira Sinfonía está adicada á esposa de Górecki, Jadwiga Rurańska. Cando lle preguntaron o porqué, el respondeu: «A quen se supón que lla debía adicar senón?».[27] Górecki nunca buscou explicar a sinfonía como unha resposta a un evento político ou histórico. Con todo, mantén que a súa obra é unha evocación dos vínculos entre unha nai e a súa filla. Algunhas críticas describiron a sinfonía como un memorial ás vítimas dos nazis en Polonia durante o Holocausto, especialmente á luz da elección dos textos realizada por Górecki (como curiosidade, reprodúcese de xeito cíclico o segundo movemento na sala de exposición do "Holocausto" no Museo de Auckland, Nova Zelandia). A Górecki encargáronlle que compuxera música sobre o Holocausto na década de 1960, mais foi incapaz de rematar ningunha das obras que comezou para tal propósito.[14] Górecki indicou que durante moitos anos buscou producir unha obra específica en resposta a Auschwitz, aínda que resístese a aceptar esa interpretación da Sinfonía núm. 3, que prefire que sexa vista nun contexto máis amplo. Outros críticos tentaron interpretar a sinfonía en termos espirituais, unha aproximación que Górecki tamén desestimou.[9] Aínda que outros teñen suxerido que a sinfonía pode ser entendida como un compendio da historia polonesa:

A sinfonía alude a cada un dos principais acontecementos históricos e políticos da historia de Polonia dende o século XIV ata 1976, o ano da súa composición. É máis, cada un dos tres movementos parece representar unha época diferente . . . e [son] cronoloxicamente contiguos. O compositor parece ter creado tres "capítulos" separados e discretos no resumo da historia de Polonia.[28]

Górecki dixo sobre a obra:[29]

Boa parte da miña familia morreu en campos de concentración. Tiven un avó que estivo en Dachau e unha tía en Auschwitz. Sabes o que hai entre polacos e alemáns. Mais Bach era alemán, e tamén o foron Schubert e Strauss. Todo o mundo ten o seu lugar nesta pequena Terra, así que todo iso quedou atrás. A Sinfonía núm. 3 non trata da guerra; non é un Dies Irae; é unha simple sinfonía de lamentacións.

Críticas e recepción cultural

A nai de Lemminkäinen ("Lemminkäisen äiti", 1897) de Akseli Gallen-Kallela é unha evocación recente dos temas da maternidade e a guerra explorados na Terceira Sinfonía de Górecki. Representa unha escena do Kalevala, unha epopea finlandesa.[a]

A Sinfonía núm. 3 foi escrita en 1976, cando Górecki era, nas palabras do crítico musical Jane Perlez, «unha personalidade apaixonada, de moda só entre un pequeno círculo de afeccionados á música moderna».[9] A estrea mundial que tivo lugar no Royan Festival en abril de 1977, baixo a batuta de Ernest Bour, foi comentada por seis críticos occidentais, todos severamente desdeñosos.[30] Heinz Koch, escribindo para Musica, dixo que a sinfonía «alóngase entre tres antigas melodías populares (e nada máis) durante cincuenta e cinco minutos interminables».[31] O propio Górecki lembrou que, na estrea, sentou ao carón dun "prominente músico francés" (Górecki non deu nomes, aínda que probablemente se tratara de Pierre Boulez), quen, logo de escoitar 21 repeticións dun acorde de la maior ao final da sinfonía, exclamou en voz alta "Merde!"[32]

A sinfonía foi gravada por primeira vez en Polonia en 1978 coa soprano Stefania Woytowicz.[30] Foi considerada unha obra mestra pola crítica polonesa,[33] a pesar de que finais dos anos 1970 e principios dos 1980, as gravacións e interpretacións da obra foron moi criticadas pola prensa fóra de Polonia.[30] A sinfonía suscitou a hostilidade dalgúns críticos que opinaban que Górecki afastárase demasiado do estilo vangardista establecido e, segundo Dietmar Polaczek (colaborador do Österreichische Musikzeitschrift), estaba «simplemente uníndose á decadente escoura que rodea os verdadeiros pináculos do movemento vangardista».[34]

En 1985, o cineasta francés Maurice Pialat presentou unha sección do terceiro movemento nos créditos ao final do seu filme Police. Cando a obra foi máis tarde distribuída como «banda sonora», vendeu ben, aínda que as notas da portada do disco proporcionaban escasa información sobre a obra,[35] e o nome de Górecki aparecía con letras máis pequenas que os dos actores principais.[36] A mediados da década de 1980, o grupo británico de música industrial Test Dept empregou a Sinfonía núm. 3 como música de fondo para os collages de vídeo durante os concertos, como un vehículo para demostrar a simpatía da banda co movemento polonés Solidarność,[37] o cal Górecki tamén apoiaba (a súa peza de 1981 Miserere foi composta en parte como resposta á oposición do goberno polonés aos sindicatos de Solidarność).[38] A finais da década de 1980, a sinfonía foi transmitida en moitas emisoras de radio dos Estados Unidos e o Reino Unido, sobre todo en Classic FM. A caída do bloque soviético axudou á expansión da popularidade da música polonesa en xeral, e a partir de 1990 a sinfonía foi interpretada en grandes cidades como Nova York, Londres e Sidney.[9]

Monumento do Solidarność, movemento ao cal era afín o compositor.

En 1991, realizouse unha gravación coa London Sinfonietta, dirixida por David Zinman coa soprano solista Dawn Upshaw e foi lanzada en 1992 co título Symphony No. 3, polo subselo discográfico da compañía Elektra Records chamado Nonesuch Records. Durante os dous anos seguintes logo do lanzamento, vendeu máis de 700.000 copias no mundo,[39] e superou o millón de copias vendidas dende aquela.[11][40] No Reino Unido, chegou ata a sexta posición da lista oficial,[41] e logrou o recoñecemento de disco de ouro, entregado pola BPI o 1 de febreiro de 1993.[10] Nos Estados Unidos non entrou na lista oficial chamada Billboard 200, aínda que si o fixo na listaxe temática de música clásica chamada Top Classical Albums, onde permaneceu 38 semanas no segundo posto e logrou manterse na lista durante 158.[8][42]

O escritor Michael Steinberg describiu o éxito da Sinfonía núm. 3 esencialmente como un fenómeno do disco compacto, e aínda que segue a interpretarse a obra en concertos, non sempre se venden todas as localidades.[7] Algúns críticos, preguntándose sobre o motivo do repentino éxito da peza logo de máis de dúas décadas dende a súa composición, suxiren que resoou cun sentimento particular na cultura popular nesa época. Stephen Johnson, autor de A guide to the symphony, preguntábase se o éxito comercial da obra era «un éxito pasaxeiro» ou realmente converteríase nunha obra con suficiente importancia.[43] En 1998, o crítico Michael Steinberg preguntou, «[Está a xente] realmente escoitando a sinfonía? Cantos compradores do disco descobren que cincuenta e cinco minutos dunha música moi lenta cunha cantante nun idioma que non entenden é máis do que desexan? Escoitarana como música de fondo como acompañamento do Chardonnay e o brie?».[7] Steinberg compara o éxito da sinfonía de Górecki co fenómeno do Doutor Zhivago de 1958: «todo o mundo corría mercar o libro a toda presa; aínda que moi poucos chegaron lelo. A aparición do filme de 1965 salvou a todos da necesidade de facelo».[7] Górecki estaba máis sorprendido que ninguén polo éxito da gravación e máis tarde especulou con que: «quizais a xente encontra algo que necesitan nesta peza de música[…]. Dalgún xeito acertei a nota correcta, fixen algo que votaban de menos. Algo nalgún lugar perdéraselle. Sentín instintivamente que sabía o que eles querían».[7]

Debido ao éxito da gravación do selo Nonesuch, canto menos unha ducia de gravacións máis saíron á venda e a obra foi obxecto de publicidade nun gran número de publicacións artísticas en todo o mundo. A obra foi empregada en numerosas ocasións polos cineastas na década de 1990 para provocar un sentimento de pathos ou pena, como de acompañamento a un accidente de avión en Fearless (1993) de Peter Weir e nas bandas sonoras das filmes Basquiat (1996), de Julian Schnabel, e La grande bellezza (2013) de Paolo Sorrentino.[14] Unha galería de arte en Santa Fe (Novo México) abriu unha exposición en 1995 adicada por completo á arte visual inspirado pola peza.[14] En 1997, fíxose un sample da sinfonía para a canción «Górecki» pola banda inglesa de trip-hop Lamb, que acadou o número 30 nas listas de éxitos do Reino Unido en 1997.[44] En 1999, a sinfonía ocupaba un lugar destacado na canción «Finished Symphony» pola banda inglesa de progressive Hybrid.

Notas

  1. Un heroe mítico chamado Lemminkäinen fora asasinado, curtado en anacos e botado ao río en Tuonela. A súa nai foi ao río do Deus Tuoni, recuperou o cadáver do seu fillo e resucitouno.
Referencias
  1. "La sinfonía de las canciones dolientes. El best seller clásico de la década" (en castelán). Mundoclasico.com. 30 de novembro de 2001. Archived from the original on 04 de xaneiro de 2013. Consultado o 13 de setembro de 2017. 
  2. "Correo del Oyente: 25/02/10" (en castelán). RTVE.es. Consultado o 22 de xuño de 2017. 
  3. "Notas sobre Górecki. La sinfonía de las lamentaciones" (en castelán). Mundoclasico.com. 4 de novembro de 2002. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2017. 
  4. Thomas 1997, p. 163.
  5. "Words in Gorecki's Symphony No. 3 (in translation)" (en inglés). Web.ics.purdue.edu. 26 de setembro de 1944. Consultado o 22 de xuño de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Ellis, David (2 de xuño de 2005). "Evocations of Mahler: “Mahlerian” Music by Others" (PDF). Naturlaut (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de setembro de 2012. Consultado o 22 de xuño de 2017. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Steinberg 1998, p. 171.
  8. 8,0 8,1 "Top Classical Albums" (en inglés). Billborad.com. 14 de febreiro de 1996. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2017. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Perlez, Jane (27 de febreiro de 1994). "Henryk Gorecki". The New York Times (en inglés). Consultado o 13 de setembro de 2017. 
  10. 10,0 10,1 "Explore UK music's top selling artists" (en inglés). BPI. 1 de febreiro de 1993. Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2010. Consultado o 16 de setembro de 2017. 
  11. 11,0 11,1 "About Nonesuch Records" (en inglés). Nonesuch Records. Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  12. Steinberg 1998, p. 170.
  13. Thomas 2005, pp. 85-86.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Howard 1998, p. 134.
  15. Thomas 1997, p. 81.
  16. 16,0 16,1 Thomas 1997, p. 82.
  17. Górecki, Henryk Mikołaj (inverno de 2003). "Remarks on Performing the Third Symphony". Polish Music Journal (en inglés) 6 (2). ISSN 1521-6039. Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2008. Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  18. 18,0 18,1 18,2 McCusker, Eamonn. "Henryk Gorecki - Symphony No.3: Sorrowful Songs" (en inglés). CD Times. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2007. Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  19. 19,0 19,1 Thomas 1997, p. 83.
  20. Kertesz, Imre. "Górecki's Symphony no.3, 'Symphony of Sorrowful Songs'" (en inglés). Andante: Le Chercheur de traces. Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2009. Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  21. Blum, Ronald. "El impacto de la sinfonía núm. 3 de Górecki". Chicago Sun-Times, 26 de xuño de 1994.
  22. Han-Leon, Chia. "Symphony No.3, op.36 (1976) Symphony of Sorrowful Songs" (en inglés). The Flying Inkpot Classical Music Reviews. Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2008. Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  23. Thomas 2005, p. 265.
  24. 24,0 24,1 24,2 Orzechowska, Anna; Estapé, Víctor (6 de febreiro de 2009). "Programa del Concierto 12 - Ciclo II". Orquesta y Coro Nacionales de España: 10–11. 
  25. 25,0 25,1 Thomas 1997, p. 91.
  26. Mason Hodges, John. "Gorecki, Symphony 3 (1992)" (en inglés). Critique. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2017. Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  27. Howard 1998, p. 133.
  28. Howard 2007, pp. 215–6.
  29. Jacobson 1995, p. 191.
  30. 30,0 30,1 30,2 Howard 1998, p. 136.
  31. Koch, Heinz. "Mit wichtigen bundesdeutschen Beiträgen". Musica 31, núm. 4. 1977. p 332. No alemán orixinal: «Da schleift einer drei alte Volksliedmelodien (und sonst nichts) 55 endlose Minuten lang».
  32. Howard 2007, p. 216.
  33. Howard 2007, p. 217.
  34. Polaczek, Dietmar. "Neue Musik in Royan", Österreichische Musikzeitschrift, julio-agosto de 1977, p. 358.
  35. Howard 1998, p. 137.
  36. Wierzbicki, James (7 de xullo de 1991). "Henryk Górecki" (en inglés). St. Louis Post-Dispatch. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2008. Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  37. Howard 1998, p. 138.
  38. Thomas, Adrian. "Górecki, Henryk Mikolaj". The New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. (Londres): Macmillan, 2001, v.10, p. 160.
  39. Blum, Ronald. "The Impact of Górecki's Symphony No. 3". Chicago Sun-Times, 26 June, 1994.
  40. "Top 10 Discs of the Decade". BBC Music Magazine: pp. 27–28. 1 de novembro de 2002. 
  41. Howard 1998, p. 144.
  42. Howard 1998, p. 145.
  43. Layton 1995, p. 401.
  44. "Lamb: Gorecki" (en inglés). Gorecki.co.uk. Consultado o 14 de setembro de 2017. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas