Na cara leste a vexetación é propia dun clima continental de alta montaña, a chamada rexión eurosiberiana galega. Atopamos no noso camiño vexetación de monte baixo, queirugas, cerquiños, uces brancas, arandos, cancireixos e máis bosques de coníferas resultado da repoboación forestal. Por outra banda, dirixindo a nosa mirada cara ao oeste, baixando pois ao val de Maceda, aparecen carballos, castiñeiros e bidueiros.
A paraxe da cara oeste da serra é coñecida como O Coudillo, apelido da familia dona do lugar até a década de 1950. Por entón o Estado adquiriu os terreos co propósito de construír unha residencia de verán para Francisco Franco. Co proxecto cancelado déuselle á zona un uso forestal, como casa do garda forestal. Na década de 1980 comezou a sufrir un abandono paulatino, que concluíu en 2003 co abandono total das instalacións.
Fauna e outros
A serra de San Mamede está repartida entre as moitas parroquias de cada un dos catro concellos que a forman. Así, as aldeas presentes na serra empregan os seus montes comunais repartidos por todo o territorio como lugar de pasto para o gando, maioritariamente vacún, e como zonas produtoras de madeira.
Repartidos por toda a serra, aínda que soamente son doados de divisar no inverno, pódense atopar corzos, cervos, xabaríns e lobos, ademais de coellos e lebres, claros indicadores das rexións da Galiza interior. Tamén hai ampla variedade de aves, réptiles e anfibios. En canto as aves, cómpre destacar a existencia de máis de cen especies, entre as que temos a charrela (perdix perdix), somormullos, martiño peixeiro, lavandeiras e un bo número de aguias e falcóns.