Sei Shōnagon (xaponés: 清少納言), nada en Kyoto cara ao ano 966 e finada na mesma cidade en 1017 ou 1025, foi unha escritora e poeta xaponesa. A súa obra máis importante foi Makura no sōshi ("O libro da almofada").[1]
Nome
O seu auténtico nome é descoñecido. Durante o período Heian (794-1185), era habitual que os aristócratas chamasen ás damas da corte por apelativos derivados do rango dos seus pais ou esposos. Sei 清 é a lectura chinesa do primeiro carácter do seu apelido paterno, Kiyohara 清原, namentres Shōnagon 少納言 é un posto gobernamental: conselleiro menor do estado. Porén, a súa relación con este último rango é descoñecida, posto que nin o seu pai nin os seus dous maridos ocuparon ese posto oficial. Isto podería indicar a existencia dun terceiro esposo, quizais Fujiwara no Nobuyoshi.
Existe un amplo debate arredor do seu nome real, que podería ter sido Kiyohara no Nagiko (xaponés: 清原諾子).
Traxectoria
Primeiros anos
Non existe moita información sobre a súa vida, agás o que se pode atopar nos seus propios textos. Era filla do erudito e poeta de waka Kiyohara no Motosuke, quen ocupaba un cargo de funcionario provincial. O seu avó, Kiyohara no Fukayabu, tamén escribiu waka. Malia ser unha familia de cortesáns de rango medio, carecían de medios económicos.
Sei Shōnagon casou con Tachibana no Norimitsu, un oficial do goberno, aos dezaseis anos. Con el tivo un fillo, Norinaga. En 993, aos vinte e sete, comezou a traballar no servizo da emperatriz Teishi, consorte do emperador Ichijō. Neste momento, podería estar xa divorciada do seu primeiro esposo. Ao abandonar o servizo da emperatriz, casou con Fujiwara no Muneyo, gobernador da provincia de Settsu, con quen tivo unha filla, Koma no Myobu. Porén, segundo outras fontes fíxose monxa budista.
Rivalidade con Murasaki Shikibu
Sei Shōnagon é coñecida pola súa rivalidade cunha das súas contemporáneas, a escritora e dama da corte Murasaki Shikibu, autora do célebre Genji monogatari e serva da emperatriz Shoshi, segunda consorte do emperador Ichijō. Esta escribiu en ton de burla sobre Sei Shōnagon no seu Murasaki Shikibu nikki ("Diario de Murasaki Shikibu", c. 1010), aínda que recoñecendo o seu talento literario.
Últimos anos
Descoñécense as circunstancias da súa vida despois de 1017, xa que apenas hai información sobre ela tras o pasamento da emperatriz Teishi en 1000. Segundo a tradición, viviu os seus derradeiros anos na pobreza como monxa budista. Porén, de acordo con outras fontes, casou con Fujiwara no Muneyo. En calquera caso, pénsase que a súa obra mestra, o Makura no sōshi, foi redactado durante esta época, entre o 1001 e o 1010.
Obra
Sei Shōnagon gañou moita sona grazas ao seu Makura no sōshi, unha miscelánea de listaxes, rexoubas, poesía, observacións e queixas escrita durante os seus anos na corte. Trátase dun exemplo do xénero literario xaponés coñecido como zuihitsu. Nestes textos, describe as súas experiencias cotiás e os costumes da época, así como os sucesos da corte imperial de Kyoto, dende o seu peculiar punto de vista.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía