Saír do armarioSaír do armario é o proceso declarar voluntaria e publicamente a propia orientación sexual ou identidade de xénero.[1] Este proceso adoita interpretarse e debaterse como un asunto privado, xa que as consecuencias de facelo poden variar segundo os individuos, algúns dos cales poden arriscarse a perder o seu traballo ou ver afectada a súa seguridade persoal. O acto en si pode entenderse como un proceso psicolóxico, unha decisión ou risco, un problema de identidade persoal, un rito de paso, unha liberación ou emancipación da opresión, unha proba, ou un medio para vivir con orgullo no canto de con vergoña ou baixo un estigma social. "Saír do armario" está na orixe doutras expresións da xerga LGBT. As persoas LGBT que xa divulgaron ou que non ocultan a súa orientación sexual ou identidade de xénero xa "saíron do armario", namentres as que non o fixeron están "dentro do armario" ou "no armario". Historia
En AlemañaEntre 1864 e 1869, Karl Heinrich Ulrichs (1825-1895) escribiu unha serie de panfletos defendendo a descriminalización dos actos sexuais entre homes, nos que se expresaba sobre a súa propia homosexualidade. Tamén impartiu unha conferencia sobre o mesmo tema perante a Asociación de Xuristas Alemáns en 1867. Segundo o historiador Robert Beachy, "é razoable describilo como a primeira persoa gay en saír publicamente do armario".[2] A comezos do século XX, en Alemaña, "saír do armario" recibía o nome de "autodenuncia", e implicaba grandes riscos legais e unha perda de reputación.[3] No seu traballo Das Sexualleben unserer Zeit in seinen Beziehungen zur modernen Kultur ("A vida sexual do noso tempo en relación coa civilización moderna", 1906), Iwan Bloch (1872-1922), un médico alemán de orixe xudía, pedíalle aos anciáns homosexuais que revelaran a súa condición ás súas familias e amigos.[4] En 1914, Magnus Hirschfeld analizou a cuestión na súa obra The Homosexuality of Men and Women ("A homosexualidade de homes e mulleres"), na que discutiu a posibilidade de que miles de homes e mulleres homosexuais admitiran a súa orientación sexual diante da policía para influenciar aos lexisladores e mais á opinión pública.[5] Hirschfeld non apoiaba a autodenuncia, e rexeitou a constitución dun movemento político baseado na homosexualidade publicamente recoñecida.[3] Nos Estados UnidosNos Estados Unidos, o primeiro persoeiro en saír do armario foi o poeta Robert Duncan (1919-1988). En 1944, usando o seu auténtico nome, escribiu un artigo na revista anarquista Politics no que afirmou que os homosexuais era unha minoría asoballada.[6] A clandestina Mattachine Society, fundada por Harry Hay (1912-2002) e outros veteranos da campaña presidencial de Henry A. Wallace (1888-1965) de 1950, fixo as súas actividades públicas baixo o liderado de Hal Call (1917-2000) en 1953. Moitos varóns saíron do armario naquel momento. En 1951, Edward Sagarin (1913-1986), baixo o pseudónimo de Donald Webster Cory, publicou o seu pioneiro The Homosexual in America ("O homosexual nos Estados Unidos"), no que afirmou: "A sociedade entregoume unha máscara para poñer (...) Onde queira que vaia, en calquera momento e ante todos os sectores da sociedade, teño que finxir". As súas descricións sinceras e abertas inspiraron a moitas persoas LGBT e ao nacente movemento homófilo. Na década dos 60, Frank Kameny (1925-2011) converteuse nun símbolo da loita polos dereitos LGBT. Kameny foi despedido do seu posto de astrónomo no exército en 1957 pola súa homosexualidade, que os seus superiores consideraron unha vulnerabilidade fronte á extorsión. El decidiu loitar pola vía legal, chegando a apelar ao Tribunal Supremo dos Estados Unidos. A base da súa defensa e activismo foi a necesidade "de imbuír á comunidade homosexual dun sentido de autoestima como individuos homosexuais", que só podía acadarse mediante unha campaña dirixida por persoas saídas do armario. Este aumento da autoconciencia foi un dos piares do movemento de liberación gay dos 60, que buscaba loitar contra o heterosexismo e a homofobia. Durante os 80, os grupos de apoio para gays e lesbianas, algúns dos cales foron denominados "grupos para saír do armario" (en inglés: coming-out groups), centráronse en compartir historias persoais para diminuír o illamento e fomentar a visibilidade e mais o orgullo LGBT. EtimoloxíaA expresión actual "saír do armario" procede da forma inglés coming out. Esta orixinouse a comezos do século XX, probablemente mediante unha analoxía que liga a introdución dunha persoa na subcultura LGBT coas debutantes das "festas de presentación en sociedade" (en inglés: coming-out party). Tratábase de eventos nos que as mozas de clase alta facían o seu debut ou presentación formal en sociedade, unha vez chegaron á idade adulta ou apropiada para o matrimonio. Segundo o historiador George Chauncey:[7]
No mesmo sentido, Elizabeth Kennedy indicou que empregar o termo "armario" en referencia "ás décadas dos 20 e dos 30 podería ser anacrónico".[8] Identidade
Cando a saída do armario é descrita como un proceso gradual ou camiño, dise no sentido de decatarse un mesmo e admitir a propia identidade de xénero, expresión de xénero ou orientación sexual non heteronormativa. Nos estadios preliminares, que implican unha procura persoal ou epifanía,[9] fálase de "saír do armario cun mesmo", o que constitúe o comezo da autoaceptación. Para moitas persoas LGBT, esta fase comeza na adolescencia ou durante a infancia. Saír do armario é descrito como un proceso pola constante necesidade ou desexo de "saír" de situacións nas que se asume que as persoas LGBT son heterosexuais ou cisxénero, como comezar nun traballo ou facer novas amizades. No dereito
Hai rexións do planeta nas que os actos homosexuais están penados ou prohibidos, polo que saír do armario pode ter consecuencias legais negativas para as persoas LGBT. En concreto, nos países nos que a homosexualidade é un crime, saír do armario pode constituír unha autoincriminación. Existe lexislación deste tipo en cando menos 75 países, incluíndo Exipto, Irán ou Afganistán. No caso das persoas non binarias ou trans, existe toda unha variedade de problemas legais. A nivel mundial, cambiar o xénero ou o nome na documentación oficial adoita ser moi difícil ou estar prohibido.[10] Esta desigualdade regulamentaria produce efectos negativos na saúde mental, xa que para unha persoa trans ou non binaria identificarse publicamente co seu necrónimo ou co xénero asignado ao nacer pode causar situacións incómodas e estrés. Notas
Véxase taménBibliografía
Outros artigosLigazóns externasInformation related to Saír do armario |