Sarandë ou Saranda (en grego: Άγιοι Σαράντα e en italiano: Santa Quaranta) é unha cidade de Albania e sede do concello honónimo. Xeograficamente, a cidade está situada nun golfo en mar aberto do mar Xónico dentro do mar Mediterráneo. Estendese ao longo da costa albanesa e ten un clima mediterráneo con máis de 300 días de sol ao ano.
Na antigüidade, a cidade era coñecida como Onchesmus ou Onchesmos e era a cidade portuaria de Caonia no antigo Epiro. Debe o seu nome moderno ao próximo mosteirobizantino dos Corenta Santos (Agioi Saranda) polo que se deu a coñecer dende a Alta Idade Media. Sarandë hoxe é coñecida polas súas augas azuis do Mediterráneo. Preto de Sarandë atópanse os restos da antiga cidade de Butrinto, Patrimonio da Humanidade da UNESCO. Nos últimos anos, Sarandë viu un aumento constante de turistas, moitos deles chegados en cruceiros. Os visitantes son atraídos pola contorna natural de Sarandë e os seus xacementos arqueolóxicos. Sarandë está habitada por unha maioría de albaneses étnicos, e tamén ten unha comunidade grega minoritaria e, como tal, é considerada un dos dous centros da minoría grega en Albania.[1]