Salman Amin Khan, nado en Nova Orleáns o 11 de outubro de 1976, é un profesor, informático, enxeñeiro eléctrico e matemático estadounidense, que en setembro de 2006 creou unha organización de aprendizaxe electrónica de educación gratuíta chamada Khan Academy,[1] que produciu máis de 6500 leccións en vídeo sobre diferentes materias académicas, centrándose orixinariamente en matemáticas e ciencias.[2] Recibiu o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional en 2019.[3]
En 2012, a revista Time nomeouno na súa listaxe anual das 100 persoas máis influentes do mundo.[4] O mesmo ano apareceu na portada de Forbes.[5]
Traxectoria
Salman Khan naceu en Luisiana no seo dunha familia bengalí.[6] O seu pai era de Barisal (Bangladesh), e a súa nai era de Murshidabad, Bengala Occidental (India).[6][7] Asistiu á escola pública Grace King High School en Metairie, Louisiana, onde, como lembra, "algúns compañeiros de clase saían do cárcere e outros ía as mellores universidades".[8] Traballou como debuxante no xornal do instituto[9] e graduouse como mellor alumno en 1994.
Khan realizou estudos no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, onde obtivo se graduou cun Bachelor of Science e un Master of Science no Curso 6 (enxeñaría eléctrica e ciencias da computación) e outro no Curso 18 (matemáticas), en 1998.[10] Foi presidente da clase no seu último ano.[11] Tamén posúe un mestrado en administración de empresas pola Harvard Business School.[12][13]
A idea de Khan Academy xurdiu mentres procuraba a maneira de axudar a súa prima Nadia en 2004.[14][15][16] Cando outros parentes e amigos pediron a súa axuda moveu os seus tutoriais de Yahoo! a YouTube onde creou unha conta o 16 de novembro de 2006.[17] A popularidade dos seus vídeos educativos levouno a abandonar o seu traballo como analista financeiro a finais de 2009.[18]
A Academia é unha organización sen fins de lucro que ten como obxectivo cambiar a educación compartindo coñecementos para calquera persoa en calquera lugar; os recursos da páxina están dispoñibles na súa totalidade de xeito gratuíto.[19]
Vida persoal
Khan está casado coa médica paquistaní Umaima Marvi. A parella vive cos seus fillos en Mountain View, California.[20][21][22]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas