STS-107 foi unha misión do transbordador espacial Columbia lanzada o 16 de xaneiro de 2003 desde a rampla 39A do Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral. O transbordador resultou destruído ao reentrar na atmosfera, sen que ningún dos ocupantes sobrevivira.[1][2][4][6]
Características
STS-107, con sete astronautas a bordo foi unha misión do transbordador espacial Columbia para facer experimentos en órbita durante un voo en solitario. A tripulación estaba formada polo comandante Rick Husband, o piloto Willie McCool, o comandante de carga Michael P. Anderson e os especialistas de misión Kalpana Chawla e Laurel Clark e o especialista de carga Ilan Ramon), o primeiro israelí no espazo. O transbordador levaba a bordo dous módulos Spacehab para ser usados como laboratorio. O Columbia era o máis antigo e pesado da frota de transbordadores espaciais, e nunca foi modificado para facer misións cara a Estación Espacial Internacional, polo que so era utilizado para voos en solitario e en misións de servizo, como a misión STS-109 de reparación do Telescopio Espacial Hubble. Na misión STS-107 o Columbia levou a cabo experimentos en microgravedade de interese potencialmente comercial. Entre os experimentos estudouse a combustión en microgravedade, a compresión de material granular, a formación de cristais de ceolita, o fluxo capilar de xenon licuado, o crecemento en cultivos celulares e en plantas, a formación de cristais de proteína, os cambios cardiovasculares e musculoesqueléticos en microgravedade e técnicas de reciclaxe de auga, entre outros campos.[1][2][6][7]
A misión orixinalmente ía ser lanzada en 2001 pero sucesivos atrasos e outras misións desprazaron a data de lanzamento ata xaneiro de 2003. Durante o lanzamento observouse un anaco de espuma do illante do tanque principal impactando contra o bordo de ataque do ala esquerdo do transbordador, pero concluíuse que o impacto non era de importancia. A misión transcorreu sen incidencias. O día 1 de febreiro comezaron as manobras de reentrada. En canto o transbordador ingresou na atmosfera terrestre e comezou a quentarse, sensores ao longo da nave empezaron a indicar anomalías na temperatura e na presión. As comunicacións coa tripulación cesaron ás 14:59 GMT, ao tempo que videoafeccionados gravaban a nave desintegrándose sobre Texas e Louisiana. Miles de pezas caeron nun corredor sobre eses dous estados. Ningún dos astronautas sobreviviu. A análises e investigación posteriores demostraron que o impacto da espuma no ala abriu un burato polo que entraron gases a alta temperatura durante a reentrada, destruíndo a estrutura do transbordador e matando as tripulantes. A frota de transbordadores quedou en terra durante a investigación, e desenvolvéronse procedementos para evitar un desastre parecido nas misións restantes.[1][2][6][7]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Mark Wade (2011). "STS-107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 NASA (21 de marzo de 2017). "STS 107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017.
- ↑ N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "STS 107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017.
- ↑ 4,0 4,1 "Note verbale dated 30 June 2003 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (03-85488(E)). 2 de xullo de 2003: 5. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de decembro de 2017. Consultado o 27 de decembro de 2017.
- ↑ Claude Lafleur (2010). "STS-107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Shuttle" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017.
- ↑ 7,0 7,1 NASA (23 de novembro de 2007). "STS-107" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2018. Consultado o 28 de outubro de 2021.
Véxase tamén
Outros artigos