Considerada pioneira do feminismo no seu país,[2][3][4] escribiu novelas, poemas, contos, ciencia ficción, sátiras, tratados e ensaios.[5] Nos seus escritos sostivo que tanto homes como mulleres deben ser tratadas como seres racionais por igual, e que a falta de educación é a principal razón da discriminación cara ás mulleres. As súas principais obras inclúen Abarodhbasini, un ataque ás formas extremas de purdah que poñen en perigo as vidas e os pensamentos; Sultana's Dream, unha novela de ciencia ficción situada nun lugar chamado Lady Land, un mundo gobernado por mulleres; Padmarag, outra novela utópica feminista; Motichur, colección de ensaios en dous volumes.[5]
Rokeya defendeu que a educación da muller é a principal condición da liberación feminia, polo que estableceu a primeira escola dirixida principalmente ás nenas musulmás bengalís en Calcuta. Dirixiu o centro até a súa morte, a pesar de enfrontarse á crítica hostil e diversos obstáculos sociais.[5] En 1916 fundou a Asociación de Mulleres Musulmás, organización que loitou pola educación e o emprego da muller.[5][6] En 1926 presidiu a Conferencia de Educación da Muller Bengalí convocado en Calcuta, primeiro intento significativo para reunir as mulleres en apoio do dereito á educación.[6] Estivo involucrada en debates e conferencias en relación cos avances da muller até a súa morte o 9 de decembro de 1932, pouco despois de presidir unha sesión durante a Conferencia da Muller da India.[6]
En Bangladesh celébrase cada 9 de decembro o Día Rokeya para conmemorar a súa obra e legado.[7] Nese día, o goberno do estado concede o Begum Rokeya Padak, homenaxe a mulleres que realizasen unha contribución excepcional na loita polo recoñecemento dos dereitos da muller.[4]
Traxectoria
Naceu no por entón Raj Británico. O seu pai, Jahiruddin Muhammad Abu Ali Haidar Saber, era un zamindar de bo nivel educativo que casou catro veces; do seu matrimonio con Rahatunnessa tivo tres fillas, entre elas Rokeya, e tres fillos, un dos cales morreu de neno. O irmán máis vello de Rokeya, Ibrahim Saber, e a súa irmá máis vella inmediata, Karimunnesa, tiveron grande influencia na súa vida. Karimunnesa quería aprender lingua bengalí, o idioma maioritario en Bangladesh, a pesar da oposición da familia debido a que os musulmáns de clase alta da época preferían utilizar o árabe e o persa como medio de educación, en lugar da súa lingua materna. Ibrahim ensinoulle inglés e bengalí a Rokeya e Karimunnesa.
Karimunnesa foi obxecto dun matrimonio infantil aos catorce anos. Despois deuse a coñecer como poeta, e os seus dous fillos, Nawab Abdul Karim Gaznawi e Nawab Abdul Halim Gaznawi, ocuparon carteiras ministeriais baixo a ocupación británica.
Rokeya casou aos dezaseis anos. O seu marido, Khan Bahadur Sakhawat Hussain, falante nativo de lingua urdú, foi o maxistrado suplente de Bhagalpur, distrito do actual estado indio de Bihar. Foi o segundo matrimonio de Sakhawat, quen tiña por entón 38 anos e viúvo. Sakhawat era membro da Real Sociedade Agrícola de Inglaterra. Animou a Rokeya a seguir aprendendo bengalí e inglés, e a comezar a escribir. Rokeya adoptou o bengalí como lingua escrita. Iniciouse na literatura co ensaio Pipasa ("Sede").
Tras a morte de Sakhawat Hussain en 1909, Rokeya estableceu unha escola secundaria na memoria do seu home.[8] Comezou a funcionar en Bhagalpur, unha zona tradicionalmente de lingua urdú, con cinco estudantes. Unha disputa coa familia do seu marido sobre as propiedades obrigouna a trasladar a escola en 1911 a Calcuta, unha zona de fala bengalí.[8] Hoxe en día, dirixida polo estado de Bengala Occidental, é unha escola feminina.
Rokeya tamén fundou a Anjuman e Khawateen e Islam (Asociación de Mulleres Musulmás), que se dedicou a organizar debates e conferencias sobre a situación da muller e a educación. Inspirouse na aprendizaxe tradicional musulmá tal como se enuncia no Corán.
A súa tumba en Sodepur foi redescuberta grazas aos esforzos do historiador Amalendu De.[9]
Obra
Pipasha ("Thirst", 1902).
Motichur (ensaios, 1º vol. 1904, 2º vol. 1922). O segundo volume inclúe historia e lendas.
Narir Adhikar ("Os dereitos da muller"), ensaio inconcluso da Asociación de Mulleres Musulmás.
God Gives, Man Robs ("Deus dá, o home rouba", 1927)
Education Ideals for the Modern Indian Girl (1931)
Notas
↑Nome transliterado consonte os criterios da Wikipedia en galego. Información a maiores: o nome en bengalí, para cuxo alfabeto non se consensuou ningún sistema explícito de transliteración, é রোকেয়া সাখাওয়াত হোসেন. A partir da versión en hindi -unha ponte empregada para romanizar- do seu nome, रुक़य्या सख़ावत हुसैन, queda रु-क़-य्या स-ख़ा-व-त हु-सै-न, polo tanto ro-qa-yya sa-khā-wa-t hu-sai-n. En consecuencia, a forma adoptada é Roqeyya Sakhāwat Hussain.