Ricardo Enrique Mangana Barberá, coñecido como Riki Mangana, nado en Caracas o 22 de setembro de 1999, é un futbolista galego-venezolano. Xoga como lateral na Sociedade Deportiva Compostela, da Segunda División RFEF.
Traxectoria
Nacido en Venezuela, criouse en Galicia, e aos 5 anos entrou na canteira do Coruxo.[1] Xogou no club verde ata o segundo ano de cadetes, cando foi fichado pola ED Val Miñor.[2] Militou un ano no equipo xuvenil de Nigrán, na División de Honra, xogando tanto no lateral esquerdo como no dereito, así como de defensa central e centrocampista.[2] En 2016 entrou na canteira do Celta de Vigo.[2]
Na tempada 2017/18 pasou a xogar no filial, o Celta B, co que disputou 25 partidos ese ano na Segunda División B. Perdeu protagonismo durante a seguinte campaña e media e en xaneiro de 2020 saíu cedido ao Guijuelo, da mesma categoría, onde tampouco dispuxo apenas de minutos.[3] Na segunda metade da tempada 2020/21 volveu saír cedido, desta vez ao Coruxo, o seu antigo equipo.[4] No equipo de Míchel Alonso fíxose coa titularidade, disputando 11 partidos ata o final da tempada.
En xuño de 2021 fichou pola Cultural Leonesa, que se dispoñía a participar na primeira edición da Primeira División RFEF.[5] Debutou na nova categoría na segunda xornada, nun partido contra Unionistas de Salamanca no estadio Reina Sofía.[6]
Selección nacional
As súas boas actuacións no Val Miñor valéronlle a súa convocatoria coa selección galega sub-18,[7] coa que disputou o Campionato Nacional de Seleccións Autonómicas.[2] En 2017 foi convocado por Luis de la Fuente para a selección española sub-19 e ao ano seguinte debutou coa selección sub-20 de Venezuela.[1][8] Entre xaneiro e febreiro de 2019 participou co combinado venezolano no Campionato Suramericano sub-20 celebrado en Chile.[9]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas