A República Socialista Soviética de Estonia (en estoniano: Eesti Nõukogude Sotsialistlik Vabariik; en ruso: Эстонская Советская Социалистическая Республика, transl. Estonskaya Sovetskaya Sotsalisticheskaya Respublika), tamén coñecida como a RSS de Estonia, foi unha das repúblicas que compoñían a antiga Unión Soviética. Refírese a un estado monicreque soviético de curta vida[1][2] proclamado o 21 de xullo de 1940 logo da invasión e ocupación da República de Estonia pola URSS, e en consecuencia á república constituínte da URSS que a sucedeu logo da súa anexión entre 1940 e 1941, e entre 1944 e 1991. O territorio de Estonia estivo ocupado polos nazis entre 1941 e 1944 (vexa Ocupación de Estonia pola Alemaña Nazi).
Símbolos da RSS de Estonia
A bandeira da RSS de Estonia foi adoptada o 6 de febreiro de 1953. Era unha bandeira vermella, ao estilo das demais bandeiras soviéticas, co fouce e martelo en ouro, e enriba unha estrela vermella cos contornos en ouro. Na metade inferior da bandeira aparecen unhas ondas de mar en púrpura e coas cristas brancas.
Antes disto, a bandeira era vermella co fouce e martelo en dourado no curruncho superior esquerdo. Enriba dos símbolos comunistas aparecían en dourado os caracteres latinosENSV (Eesti Nõukogude Sotsialistlik Vabariik).
O escudo de armas da RSS de Estonia foi adoptado en 1940 polo goberno. Amosa un amencer acentuado por raios de sol, o fouc e martelo pola vitoria do comunismo e a "comunidade mundial de estados socialistas", e a estrela vermella para simbolizar a adhesión ao comunismo.
Na parte baixa do texto sobre a banda pódese ler, en lingua estoniana, Eesti NSV (por Eesti Nõukogude Sotsialistlik Vabariik, República Socialista Soviética de Estonia). Á dereita, talos de trigo rodean o centro do escudo de armas, e á esquerda unha póla de conífera.
A banda ten o lema nacional da URSS ("Proletarios de tódolos países, unídevos!") tanto en estoniana (Kõigi maade proletaarlased, ühinege!) e rusa (Пролетарии всех стран, соединяйтесь!).
O 24 de setembro de 1939 apareceron barcos de guerra soviéticos nos portos estonianos e bombardeiros soviéticos comezaron a patrullar de xeito ameazador sobre Tallinn e os arredores.[3] Moscova esixiu que Estonia permitise á URSS establecer bases militares e despregar 25,000 efectivos en chan estoniano mentres durase a guerra en Europa.[4] O goberno de Estonia aceptou o ultimato asinando o correspondente acordo o 28 de setembro de 1939.
O 12 de xuño de 1940, segundo o director do Arquivo de Estado Ruso do Departamento Naval Pavel Petrov (C.Phil.), foi dada a orde á Frota Báltica Soviética de que Estonia fose bloqueada militarmente.[5][6]
O 14 de xuño o bloqueo militar soviético de Estonia converteuse nun feito mentres a atención do mundo dirixíase cara a caída de París en mans da Alemaña nazi o día anterior. Dous avións soviéticos derribaron ao avión de pasaxeiros finés "Kaleva" que voaba dende Tallinn a Helsinqui levando tres sacas de correos diplomáticas das delegacións dos EEUU en Tallinn, Riga e Helsinqui.[7]
O 16 de xuño, a Unión Soviética invadiu Estonia.[8] A Unión Soviética presentou un ultimato, demandando a substitución do goberno estoniano e acceso libre para as tropas soviéticas. O Exército Vermello emerxeu das bases militares en Estonia e, axudado por 90,000 efectivos soviéticos adicionais, tomou o país, ocupando os territorios da República de Estonia,[9],[10] e organizando e apoiando protestas comunistas en todo o país.[11]
O 17 de xuño, o día en que Francia rendiuse a Alemaña, Estonia aceptou o ultimato. O goberno estoniano decidiu de acordo co Pacto Kellogg-Briand non defenderse; dada a atafegante forza soviética tanto nas fronteiras como dentro do país, a orde foi de non resistir, para evitar o derramamento de sangue e a guerra aberta.[12]
A maioría das Forzas de Defensa Estonias e a Liga de Defensa Estoniarendéronse de acordo coas ores e foron desarmadas polo Exército Vermello. Tan só o Batallón Independente de Sinais Estoniano estacionado en Tallinn, na rúa Raua, amosou resistencia. Cando o Exército Vermello introduciu como apoio seis vehículos blindados de combate, a batalla durou varias horas até o solpor. Houbo un morto e varios feridos no lado estoniano, e dez mortos e máis feridos no loado soviético. Finalmente púxose fin á resistencia militar con negociacións e o Batallón Independente de Sinais rendiuse e foi desarmado.[13]
Entre o 14 e o 15 de xullo celebráronse unhas eleccións parlamentarias monopartidistas onde tódolos candidatos anticomunistas foron prohibidos. A xente foi forzada a votar baixo o medo de persecución, e aqueles que non o fixeron foron máis tarde arrestados acusados de traizón e executados.[15] Foron establecidos tribunais para castigar aos "traidores ao pobo", aqueles que non cumpriran co "deber político" de votar para que Estonia entrase na URSS. A comunista "Unión do Pobo Traballador Estoniano" acadou unha maioría absoluta de escanos. O 21 de xullo o parlamento (Riigivolikogu) proclamou a creación da República Socialista Soviética de Estonia, e, a pesar das promesas dadas antes das eleccións, pediu a unión á Unión Soviética o 22 de xullo. En resposta a RSS de Estonia foi formalmente incorporada áUnión Soviética o 6 de agosto de 1940, e especialmente converteuse na décimo sexta república constituínte da URSS. O 16 de xullo de 1956, a RSS Carelo-Finesa foi degradada á República Socialista Soviética Autónoma de Carelia; dende ese momento até 1991, a RSS de Estonia foi considerada a décimo quinta república constituínte.
O goberno ruso continúa a manter, porén, que a anexión soviética de Estonia foi lexítima[23]
O terror soviético
As autoridades soviéticas, tendo gañado o control de Estonia, inmediatamente impuxeron o seu sistema e réxime. Foi dada a Orde № 001223 "Sobre o procedemento para levar a cabo a deportación dos elementos antisoviéticos de Lituania, Letonia e Estonia".
Durante o primeiro ano da ocupación soviética (1940-1941), máis de 8,000 persoas, incluíndo a maioría dos líderes políticos do país e dos oficiais militares, foron arrestados. Arredor de 2,200 dos arrestados foron executados en Estonia, mentres moitos dos outros foron levados a campos de concentración en Rusia, dende onde moi poucos puideron volver vivos máis tarde.
Logo de que a Alemaña Nazi invadise a Unión Soviética o 22 de xuño de 1941, a Wehrmacht ocupou Estonia en xullo de 1941.
Malia que os alemáns foron percibidos ao comezo como liberadores da URSS e da súa represión por moitos estonianos que esperaban a restauración da independencia do seu país, viuse pronto que eran outro poder de ocupación. Os alemáns saquearon o país no esforzo da guerra e desencadearon o Holocausto. Estonia foi incorporada á provincia alemá de Ostland.
A ocupación soviética: 1944-1991
As forzas soviéticas volveron a ocupar Estonia no outono de 1944 logo de feroces batallas no nordés do país, no río Narva e na liña Tannenberg (Sinimäed). En 1944, atopándose co país sendo reocupado polo exército soviético, 80,000 persoas fuxiron de Estonia por mar a Finlandia e Suecia. 25,000 estonianos chegaron a Suecia e máis de 42,000 a Alemaña. Durante a guerra arredor de 8,000 sueco-estonianos e os membros das súas familias emigraron a Suecia . Logo da retirada dos alemáns, arredor de 30,000 partisanos permaneceron ocultos nos bosques estonianos, iniciando unha masiva guerra de guerrillas.
En 1949 27,650 tropas soviéticas estaban aínda a loitar contra a guerrilla estoniana dos "irmáns do bosque". A deportación masiva de 1949, cando arredor de 21,000 persoas foron levadas de Estonia, creboulle as costas ao movemento partisano. 6,600 partisanos entregáronse en novembro de 1949. Máis tarde, o fracaso do levantamento húngaro crebou a moral de 700 homes que aínda permanecían nos bosques. Segundo datos soviéticos, até 1953 caeron 20,351 partisanos. Destes, 1,510 finaron en batalla. Durante ese período, 1,728 membros do Exército Vermello, NKVD e a milicia foron derribados polos "irmáns do bosque". August Sabbe, o derradeiro supervivente deles en Estonia, foi descuberto e asasinado[25] por axentes da KGB en 1978.
Durante a primeira década baixo dominio soviético logo da guerra, Estonia era gobernada dende Moscova a través de gobernadores estonianos nados en Rusia. Nados nas familias de estonianos étnicos en Rusia, recibiran a súa educación na Unión Soviética durante a administración estalinista e finais dos anos trinta. Moitos deles pelexaran no Exército Vermello, e algúns deles dominaban a lingua estoniana.[26]
Malia que os Estados Unidos e o Reino Unido, aliados da URSS contra Alemaña durante a segunda guerra mundial, recoñeceron de facto a ocupación da República de Estonia pola URSS na Conferencia de Ialta en 1945, os gobernos do resto dos países democráticos non recoñeceron xuridicamente a anexión de Estonia pola URSS, nin en 1940 nin en 1944 de jure de acordo coa declaración de Sumner Welles do 23 de xullo de 1940.[27][28][29] Varios países recoñeceron a diplomáticos estonianos que funcionaron en moitos países no nome do seu anterior goberno. Estes cónsules persistiron nesta anómala situación até a derradeira restauración da independencia de Estonia en 1991.[30]
A primeira composición parlamentaria libremente elixida durante a era soviética en Estonia aprobou as resolucións de independencia o 8 de maio de 1990, e renomeou á RSS de Estonia a República de Estonia. O 20 de agosto de 1991, o parlamento estoniano emitiu a Declaración de Independencia da Unión Soviética. O 6 de setembro de 1991, o Concilio Supremo da URSS recoñeceu a independencia de Estonia,[31] inmediatamente seguida polos recoñecementos internacionais da República de Estonia.
↑European Parliament (13 de xaneiro de 1983). "Resolution on the situation in Estonia, Latvia, Lithuania". Official Journal of the European Communities. C 42/78."whereas the Soviet annexias of the three Baltic States still has not been formally recognized by most European States and the USA, Canada, the United Kingdom, Australia and the Vatican still adhere to the concept of the Baltic States".
↑The Baltic States and their Region: New Europe or Old? by David J. Smith on Page 48 ISBN 90-420-1666-3
↑Post-Cold War Identity Politics: Northern and Baltic Experiences by Marko Lehti on Page 272: Soviet occupation in Baltic countries - a position supported by the fact that an overwhelming majority of states never recognized the 1940 incorporation de jure.ISBN 0-7146-8351-5
↑Diplomats Without a Country: Baltic Diplomacy, International Law, and the Cold War by James T. McHugh , James S. Pacy, Page 2. ISBN 0-313-31878-6
↑The Rise and Fall of the Soviet Union: 1917-1991 (Sources in History) Richard Sakwa Page 248, ISBN 0415122902