O Rally Sur do Condado de 2019 foi a 16ª edición de dito rally e a quinta proba da tempada 2019 do Campionato de Galicia de Rally. Celebrouse do 12 ao 14 de xullo de 2019 e o vencedor foi Víctor Senra.
Itinerario
Constou de nove treitos: Covelo-Mondariz, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, con dúas pasadas por cada un deles, así como un treito máis curto por Arbo.[1][2] Este último xunto co de Salvaterra disputáronse en formato de bucle, dando dúas voltas ao "circuíto".[3]
Inscritos
Inscribíronse 130 equipos, destacando as presenzas do líder do campionato, Víctor Senra, e dos seus máximos rivais polo título, Iago Caamaño e Alberto Meira, sendo este último o vencedor das catro últimas edicións do rally, así como o piloto máis laureado da proba, con seis vitorias.[3][4]
Resumo
Alberto Meira comezou liderando, ao marcar os mellores tempos nos dous primeiros treitos, por diante de Iago Caamaño.[5] O máis rápido no terceiro tramo foi Víctor Senra, pero mantendo Meira o liderado, até que un trompo no cuarto tramo, en Ponteareas, deixou ao piloto de Gondomar case sen opcións.[6] Con todo, gañou o quinto treito, mentres que o sexto foi para Iago Caamaño. Pola súa banda, Manuel Fernández Estévez, o máis regular do rally, gañou o sétimo treito e colocouse líder da proba a falta dos dous últimos tramos, aproveitando unha picada de roda de Senra e o abandono de Iago Caamaño tras perder unha roda.[7][5] Meira foi o máis veloz no penúltimo treito, con Fernández segundo, quen deste xeito aumentou a súa vantaxe sobre Senra. Pero o piloto de Dumbría conseguiu vencer no último tramo, con 11 segundos de vantaxe sobre Meira e 18 sobre Fernández[8], logrando así a súa terceira vitoria da tempada e a primeira neste rally. Manuel Fernández e Alberto Meira acompañárono no podio.[9]
Clasificación
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas