Comezou nos rallys nos anos 90 como copiloto de Jaime Castro, xefe do taller de despece no que traballaba. Despois de montar o seu propio taller comezou a competir como piloto no ano 2000. Debutou no Rally do Albariño dese ano, que pasaba a carón da súa casa.[2]
Dende entón participou en todas as edicións do campionato galego, obtendo os seus mellores resultados na tempada 2014, cando conseguiu os seus primeiros podios (3º no Sur do Condado e 2º no Comarca da Ulloa) e obtivo a súa primeira e única vitoria no campionato, na primeira edición do Rally Eurocidade Tui-Valença.[3] Rematou a competición como subcampión, por detrás de Iván Ares, nunha tempada na que ademais foi campión galego de rally do grupo A, campión galego de rallymix na Agrupación 2, campión galego de rallymix na clase B, campión galego de autocross, campión da Copa Top Ten Driver Pirelli e campión da Copa Elf.[4] Un ano antes participara por segunda vez no Rally Cataluña, do Campionato do Mundo de Rally, quedando en 28ª posición na xeral e campión do grupo 6.[5]
Logrou seis títulos do Campionato de Galicia de Autocross, cinco en categoría de máis de 1.600cc e un en menos de 1.600cc, o que o converte no piloto máis laureado do campionato,[6] ademais de numerosos segundos e terceiros postos, en ocasións rematando por detrás do seu fillo Tinín, tres veces campión da modalidade.[7][8] Tamén ten competido no Campionato de España de Autocross, obtendo como mellor resultado un sexto posto na xeral en 2013, cando quedou ademais subcampión da división 2.[9]