O Rally San Froilán de 2019 foi a 41ª edición de dito rally e a sétima proba da tempada 2019 do Campionato de Galicia de Rally. Celebrouse o 26 de outubro de 2019 e o vencedor foi Alberto Meira.
Itinerario
Constou de oito treitos que sumaban un total de 91,73 km cronometrados e que discorreron polos concellos lucenses de Outeiro de Rei, Friol, Meira e Pol.[1][2]
Inscritos
Inscribíronse 129 equipos, aínda que coa ausencia de Víctor Senra, que tras proclamarse matematicamente vencedor do campionato no rally anterior decidiu non correr os rallys restantes. Así pois os favoritos para a vitoria eran Alberto Meira e Iago Caamaño, principais rivais de Senra durante a tempada, e Adrián Díaz, vencedor da proba en 2017. Destacaban tamén na lista de inscritos outros pilotos como Luis Vilariño, Tino Iglesias ou o campión do mundo de tríatlon Iván Raña.[3]
Resumo
Comezou liderando o rally Alberto Meira ao marcar o mellor tempo en tres dos catro treitos da mañá, en Outeiro de Rei e Friol, con Iago Caamaño gañando o terceiro treito e quedando de segundo nos demais. A diferenza entre os dous era de case cinco segundos e medio ao remate da sesión matinal.[4] Xa no primeiro treito da tarde, en Meira, a vantaxe de Alberto Meira aumentou a 13 segundos, e no seguinte tramo, a máis dun minuto, despois de que Caamaño sufrise problemas mecánicos, que finalmente o fixeron abandonar a proba.[5] Coa nova situación Meira baixou o ritmo para asegurar a vitoria e Adrián Díaz marcou o mellor tempo nos dous treitos finais, subindo finalmente ao podio en segunda posición, por diante de Alberto Otero.[6]
Coa vitoria neste rally Alberto Meira asegurouse a segunda praza do campionato galego.[7]
Clasificación
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas