O Rally San Froilán de 1990 foi a 12ª edición de dito rally. Foi puntuable para a tempada 1990 do Campionato de Galicia de Rally, así como para a Copa de España de Rallys. Celebrouse entre o 6 e o 7 de outubro de 1990 e o vencedor foi Germán Castrillón, a bordo dun Ford Sierra Cosworth.
Foi a terceira aparición de Castrillón co Ford Sierra e a terceira vitoria, colocándose líder do campionato galego tras este triunfo.[1] Ademais foi a súa primeira vitoria no rally lucense, que gañou logo noutras cinco ocasións.
Itinerario
Constou de 477,6 quilómetros (contando os enlaces) divididos en dúas etapas e 15 treitos cronometrados. A saída realizouse o sábado 6 na Avenida Ramón Ferreiro de Lugo, dándose ese día tres pasadas aos treitos de Lúa - O Pontigo (12 km), Seixosmil - O Chao (18,5 km) e Meira (8,7 km). O itinerario do domingo consistiu en dúas pasadas polos treitos de Goián (10,4 km), San Mamede - Bagude (7,3 km) e Recelle (6,3 km).[2]
Resumo
Coa ausencia dun dos favoritos, o vasco Fernando Brizuela, que aínda que estaba inscrito non se presentou, Germán Castrillón dominou con facilidade o rally co seu Ford Sierra Cosworth e xa tras a primeira sección avantaxaba comodamente ao segundo clasificado, o vigués Urbano Villanueva.[3] Este corría cun BMW M3 que pertencera anteriormente a "Culebra" e ao campión de España Pep Bassas e mantivo a segunda praza ata o final. Os seguintes postos estiveron máis disputados cunha pelexa entre Arturo Rial, Peitos e Carlos. Carlos perdeu varios postos na parte final do rally por unha mala elección de pneumáticos, mentres que Rial marcou o mellor tempo en catro dos seis treitos do domingo, logrando finalmente a terceira praza. Peitos rematou cuarto, a 16 segundos de Rial, e primeiro da Citroën Challenge. En quinto lugar e primeiro da Copa Renault chegou Lino Otero co seu Renault 5 GT Turbo.[1]
Manuel Senra, co seu Peugeot 205 GTI, foi un dos que máis rápido pero sufriu dúas picadas de roda o sábado, mentres que o domingo perdeu cinco minutos por un problema co regulador da bomba da gasolina, polo que finalmente só puido ser undécimo, un posto por riba dos irmáns Sergio e Diego Vallejo, que tamén perdeu cinco minutos por unha roda picada no treito Seixosmil - O Chao.[1]
Clasificación
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Arévalo, Fernando (8 de outubro de 1990). "Germán Cástrillón lidera el campeonato gallego tras dominar con comodidad el rally San Froilán". La Voz de Galicia (en castelán). p. 29.
- ↑ "El Rally San Froilán será decisivo para el campeonato gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de outubro de 1990. p. 41.
- ↑ Arévalo, Fernando (7 de outubro de 1990). "El piloto ferrolano Germán Castrillón, virtual ganador del Rally San Froilán a falta de disputarse seis tramos". La Voz de Galicia.