Francisco Javier Paz Carbajales, nado no Carballiño, é un empresario e expiloto de rallys galego.
Logrou oito vitorias no Campionato de Galicia de Rally nos anos 90.
Traxectoria
Traxectoria deportiva
En 1992 logrou subir ao podio do Rally Rías Baixas en terceira posición e ao ano seguinte quedou segundo no Rally do Lacón. Na tempada 1996, cun Ford Escort RS Cosworth e con Moncho Seoane como copiloto, conseguiu a súa primeira vitoria, no Rally do Albariño. Ese mesmo ano gañou outros tres rallys (Lacón, Lalín e Porriño), pero non foi suficiente para gañar o título de campión, que acabou nas mans de Germán Castrillón. Na tempada seguinte logrou dúas vitorias (Lacón e Ferrol) e rematou subcampión por detrás de Javier Piñeiro. En 1998 gañou o Rally do Cocido, así como o 32º Rally do Lacón, a súa última vitoria.[1]
En 2001 disputou sen moito éxito o Campionato de España de Rallys cun Renault Clio. En 2006 volveu competir, tras varios anos sen facelo, e disputou numerosos rallys durante os seguintes anos, tanto do Campionato de Galicia, como do Campionato de España, ademais do Rally de Catalunya (Campionato do Mundo), conseguindo algúns podios nas probas galegas.
Traxectoria empresarial
No terreo empresarial adicouse ao sector madeireiro. En 2009 foi acusado dun delito de fraude fiscal ocorrido no ano 2000. Aínda que foi absolto nun primeiro momento, acabou sendo declarado culpable e condenado a un ano de prisión e a pagar 130.865 euros de multa.[2] Aínda que se declarou insolvente, o fiscal do Estado considerou que tal insolvencia non existía e pediu o seu ingreso en prisión en 2011.[3]
Palmarés
Resultados no Campionato de Galicia de Rally
Notas