O Rally Rías Baixas de 1990 foi a 26ª edición de dito rally. Foi puntuable para a tempada 1990 do Campionato de Galicia de Rally, así como para a Copa de España de Rallys. Celebrouse o 28 de xullo de 1990 e o vencedor foi Germán Castrillón, a bordo dun Ford Sierra RS Cosworth.[1]
Itinerario
O rally constou de tres seccións e 17 treitos cronometrados. A primeira comezou ás 10 da mañá e percorreu os treitos de Vigo, Cillarga (9,4 km), Barbudo (4,4 km), Fornelos - Quintáns (16,8 km) e Sabaxáns - Barcia de Mera - Covelo (22,9 km). Na segunda sección repetíronse os mesmos treitos, con chegada en Vigo e cunha pasada extra por Cillarga. A terceira e última sección, a nocturna, comezou ás 9 da noite en Vigo e percorreu dúas veces os treitos de Salceda (6,7 km), Chenlo (9,9 km), Vincios - Vilaza (4,6 km) e Camos - Vincios (5,4 km), rematando de madrugada.[2]
Resumo
O rally supuxo o regreso de Germán Castrillón e Estrella Castrillón, que tras seren subcampións galegos o ano anterior non participaran aínda en ningún rally desta tempada por falta de patrocinadores.[1] Finalmente inscribíronse cun Ford Sierra Cosworth mercado a Carlos Piñeiro.[3] Tamén reaparecía o vigués Juan Carlos González "Culebra", aos seus 52 anos e despois de máis de dez sen competir. Inscribiuse cun BMW M3 que lle mercou a Pep Bassas, e co que o piloto catalán se proclamara campión de España na tempada anterior.[1]
Ao pouco de comezar o rally tivo que abandonar o campión galego Arturo Rial, con problemas no embrague. Germán Castrillón marcou o mellor tempo nos tres primeiros treitos e mantivo o liderado até o segundo paso por Sabaxáns - Barcia de Mera - Covelo, onde foi superado por "Culebra", que rematou as dúas seccións diúrnas como líder, aínda que con só seis segundos de vantaxe sobre os Castrillón.[4] O canario Pedro Cruz sufriu un accidente no primeiro paso por Fornelos e tivo que ser trasladado en ambulancia, aínda que finalmente o seu estado non revestiu gravidade.[4]
No primeiro treito da sección nocturna, en Salceda, Castrillón recuperou a primeira posición, e aumentou a súa vantaxe nos dous seguintes treitos, Chenlo e Vincios - Vilaza. Na primeira pasada por Camos - Vincios, "Culebra" recortoulle un pouco de tempo ata colocarse a 15 segundos, pero con todo, Castrillón xa non cedeu a primeira posición e chegou como vencedor á meta, tendo como único sobresalto en toda a noite unhas vacas que se lle cruzaron na estrada no treito de Chenlo.[1]
O vascofrancés Marc Etchebers ocupou o terceiro caixón do podio, ao chegar por diante do canario "Carlos" e do Citroën AX Sport de "Peitos", quedando este último en quinto lugar e primeiro da Challenge Citroën.[1]
Clasificación
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Arévalo, Fernando (30 de xullo de 1990). "Castrillón, el más rápido en los tramos nocturnos, venció en el Rías Baixas". La Voz de Galicia (en castelán). p. 25.
- ↑ Arévalo, Fernando (28 de xullo de 1990). "Brizuela, máximo rival de Etchebers entre los 72 inscritos en el Rally Rías Baixas". La Voz de Galicia (en castelán). p. 46.
- ↑ "Setenta y dos equipos inscritos en el Rally Rías Baixas". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xullo de 1990. p. 50.
- ↑ 4,0 4,1 Arévalo, Fernando (29 de xullo de 1990). "Ligera ventaja de González sobre Castrillón, tras la primera parte del Rally Rías Baixas". La Voz de Galicia (en castelán). p. 46.
Véxase tamén
Ligazóns externas