Joaquín "Quino" Salvo Pastor, nado en Vigo o 31 de marzo de 1958 e finado no mesmo lugar o 8 de xuño de 2016,[1] foi un xogador e adestrador galego de baloncesto, que xogou quince tempadas en diferentes competicións nacionais, incluída a Liga Española e a ACB Con 1,91 metros de altura, xogaba na posición de ala.
Traxectoria
Xogador
Chegou aos 20 anos ao Helios Skol Zaragoza, despois de ter sido internacional coa selección española júnior, conseguindo a medalla de bronce no Campionato europeo de baloncesto de 1976 celebrado en Santiago de Compostela. Co Zaragoza xogou na Segunda División española, ascendendo o ano seguinte á Primeira División, a máxima categoría antes da creación da liga ACB. Alí xogou 4 tempadas e en 1983 marchou para xogar no Llíria de Primeira B.
Volveu á máxima categoría en 1984 asinando polo Foro Filatélico de Valladolid, xa na ACB. Na súa primeira tempada co equipo, fixo unha media de 11,7 puntos e 2,4 rebotes por partido.[2] Xogou catro tempadas máis para o equipo pucelano, sendo a súa mellor a tempada 1986-87, na que acabou cunha media de 14,5 puntos e 1,5 rebotes.
En 1989 fichou polo Atlético de Madrid, xogando unha tempada na Primeira División, e regresando na seguinte á ACB, da man do Caja San Fernando, onde na súa primeira tempada, e xa con 32 anos, fixo unha media de 9,2 puntos e 1,6 rebotes por partido.[2] Xogou unha tempada máis no equipo sevillano, e rematou a súa carreira como xogador tras unha derradeira tempada no Askatuak.
En total contabilizou 239 partidos de ACB, cunha media de 9,8 puntos e 29 minutos.[3]
Adestrador
Comezou a súa carreira como adestrador cando aínda era xogador do Helios Skol Zaragoza, levando o equipo infnatil do club Boscos de Zaragoza e, máis tarde, o cadete da entidade.[4] Pero a súa carreira profesional comezou no CB Cidade de Huelva en 1993, un ano antes de asinar co Cantabria Lobos,[5] equipo co que ascendeu á liga LEB en 1995, e á ACB ano seguinte, e co que gañou a Copa Princesa de Asturias de 1997.[6]
No ano 2000 fichou polo Menorca Bàsquet, onde permanece durante dúas tempadas, estando a piques de lograr o ascenso á liga ACB na primeira delas, tras perder por 3-2 no play-off final contra o CB Granada. En 2002 asinou co Baloncesto León, onde permaneceu unha tempada, pasando ao ano seguinte a dirixir a Los Barrios, onde adestrou 2 tempadas, sendo substituído por Moncho Fernández.[7][8][9] Tras dirixir un ano ao Gestibérica Vigo, co que non puido evitar o descenso á LEB Bronce, en 2007 fichou polo Alimentos de Palencia, sendo cesado tras 14 partidos nos que só conseguiu 5 vitorias.[10][11]
En agosto de 2008 regresou ao Cantabria Lobos,[12] ascendendo o equipo á LEB Prata.[13] En 2009 fichou como adestrador do Marín Peixegalego da liga EBA, dirixindo o conxunto galego ata 2012.[14]
Enfermidade e morte
En 2015 foille diagnosticado un tumor cerebral, falecendo ao ano seguinte en Vigo, aos 58 anos de idade.[15][16] Pouco antes do seu falecemento foi homeaxeado polo Real Valladolid e polo CB Ciudad de Valladolid, coa presenza do alcalde da cidade, Óscar Puente, e ex xogadores de baloncesto.
Trofeo Memorial Quino Salvo
Dende setembro de 2016 celébrase no pavillón das Travesas de Vigo o Trofeo Memorial Quino Salvo, unha competición amigable de baloncesto a partido único que enfronta anualmente a dous clubs da Liga ACB.[17]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas