Ramón Fernández Vidal, máis coñecido como Moncho Fernández, nado en Santiago de Compostela o 19 de outubro de 1969, é un adestrador de baloncesto galego.[1] Histórico adestrador do Obradoiro, dirixiu o club santiagués durante 14 tempadas consecutivas (a primeira na LEB Ouro e as 13 seguintes na ACB) e ostenta o récord de maior número de campañas nun mesmo equipo da ACB.[2]
Traxectoria
Comezos
Nacido en Santiago de Compostela, estudou no colexio Manuel Peleteiro e comezou a xogar ao baloncesto no propio equipo do colexio, a AD Manuel Peleteiro. Ante a súa falta de aptitudes como xogador, preferiu dedicarse ás labores de adestrador, iniciándose aos 17 anos como técnico dun equipo do seu barrio, Ponte Pedriña.[3]
Despois de licenciarse en Historia e de dar clases no propio colexio Peleteiro, no ano 2000 recibiu a chamada do adestrador naronés Moncho López, que lle ofreceu ser o seu axudante no Gijón Baloncesto, da Liga ACB.[3] Tralo descenso do club en 2002, fíxose cargo el mesmo do equipo, ao que adestrou durante os seguintes dous anos na Liga LEB.
En 2005 regresou á Liga ACB para ser de novo o axudante de Moncho López, desta vez no banco do Breogán. Con todo, o equipo rematou na derradeira posición e perdeu a categoría.
Villa Los Barrios
Entre 2006 e 2009 dirixiu o Club Baloncesto Villa Los Barrios na LEB Ouro, co que fixo historia ao converter a un humilde club dunha vila duns 20.000 habitantes nun serio candidato ao ascenso á máxima categoría. Clasificouse tres anos consecutivos para os play-offs de ascenso e na tempada 2008/09 conseguiu meter o conxunto andaluz na "final a catro", pero tras perder nas semifinais contra o Lucentum Alicante de Óscar Quintana, o club disolveu o seu primeiro equipo e Moncho fixo as maletas.[4] Durante a súa etapa no Villa Los Barrios recibiu o seu alcume de "O Alquimista".[5]
Murcia
Para a tempada 2009/10 fichou polo CB Murcia, co que debutou na Liga ACB, pero foi destituído o 9 de decembro, despois de lograr só dúas vitorias en once xornadas.
Obradoiro
En xullo de 2010 colleu as rendas do Obradoiro, equipo da súa cidade natal que viña de descender á LEB Ouro despois dunha soa campaña na máxima categoría en 27 anos. Na súa primeira tempada á fronte do equipo compostelán conseguiu a segunda praza de liga e acadou a final dos play-offs, onde se enfrontou ao Burgos de Andreu Casadevall. Despois de gañar os dous primeiros encontros e de perder o terceiro, o conxunto de Moncho Fernández, liderado na pista por Alberto Corbacho, gañou a cuarta contenda, obtendo así o ascenso á Liga ACB por terceira vez na súa historia (o segundo conseguido nas pistas de xogo).[6]
Despois dun 13º posto na tempada 2011/12, na seguinte campaña o Obradoiro de Moncho Fernández conseguiu o mellor resultado da súa historia, ao rematar na oitava praza da liga, conseguindo así meterse nos play-offs polo título, onde caeu nos cuartos de final ante o Real Madrid de Pablo Laso.[7][8] Tres anos despois o equipo participou como anfitrión na Copa do Rei 2016, sendo eliminado nos cuartos de final a mans do Baskonia de Velimir Perasović.[9]
A pesar de contar cun dos orzamentos máis baixos da ACB, o Obradoiro foi conseguindo ano tras ano a permanencia, ao tempo que Moncho Fernández se convertía nunha lenda e nunha das figuras máis importantes da historia do club.[10] A comezos da década de 2020 superou a Pablo Laso, Pepu Hernández, Javier Imbroda e Xabi Pascual como adestrador con máis tempadas nun mesmo equipo na historia da ACB.[10] Ao remate da campaña 2023/24, o Obradoiro acabou descendendo e Moncho Fernández deixou o club despois de 14 tempadas, 13 delas de xeito consecutivo na máxima categoría.[11] Foi sucedido no posto polo seu axudante durante todos eses anos, o tamén compostelán Gonzalo Rodríguez.[12]
Palmarés
- Obradoiro
Notas
- ↑ Nacho Duque (5 de marzo de 2023). "Moncho Fernández: "Me habría gustado seguir compartiendo el récord con Laso"". Marca (en castelán).
- ↑ Reigosa, M. G. (29 de marzo de 2023). "Moncho Fernández, entre los 20 técnicos con más partidos en ACB". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de abril de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 "Licenciados en el banquillo". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de xaneiro de 2013. Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ "Moncho Fernández, ídolo en Los Barrios". Federación Española de Baloncesto (en castelán). 25 de maio de 2009. Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ "Moncho Fernández: “Si no fuera entrenador, sería profesor de Geografía e Historia”" (en castelán). 29 de setembro de 2009. Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ Calvo, Naso (7 de xuño de 2023). "El Obradoiro ascendió en Burgos hace 12 años". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ "El Obradoiro se mete en playoffs y el milagroso 'efecto Miudiño' ya espera al Real Madrid". Marca (en castelán). 19 de maio de 2013. Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ García Reigosa, Manuel (26 de maio de 2013). "El Obradoiro se despide con honores ante el Real Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ "Baskonia es el cuarto semifinalista de la Copa con su victoria sobre Obradoiro (77-79)" (en castelán). 19 de febreiro de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ 10,0 10,1 García Reigosa, Manuel (14 de xuño de 2022). "El récord de Moncho Fernández y Pablo Laso". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ "Moncho Fernández deja Monbus Obradoiro después de 14 temporadas". As (en castelán). 19 de maio de 2024. Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ "Gonzalo Rodríguez colle a remuda de Moncho Fernández á fronte do Obradoiro de baloncesto". Nós Diario. 5 de xuño de 2024. Consultado o 9 de outubro de 2024.