- Para o actual equipo da Liga ACB, véxase Basket Zaragoza 2002.
O Club Baloncesto Zaragoza, coñecido por motivos de patrocinio como Azulejos Moncayo CBZ, é un club de baloncesto español con sede na cidade de Zaragoza, Aragón. Fundado no ano 1981, é un dos equipos fundadores da Liga ACB, aínda que actualmente compiten na cuarta categoría, a Liga EBA. Durante os anos na elite do baloncesto, o equipo foi principalmente coñecido co nome de CAI Zaragoza. Entre os seus éxitos destacan dúas Copa do Rei e un subcampionato da Copa Saporta. Este equipo non debe confundirse co Basket Zaragoza 2002, equipo que representa á cidade actualmente na ACB.[1]
Historia
En 1981 o Centro Natación Helios non pode manter o apoio económico á súa sección de baloncesto para poder xogar en Primeira División. Ante este feito, José Luís Rubio, presidente do Club Baloncesto Helios, decide en unión dos seus compañeiros de xunta directiva e abonados do club, separarse e fundar o Club Baloncesto Zaragoza. Na primeira temporada (1981−1982) a masa social era duns 450 abonados. A data histórica máis transcendental para a vida do club prodúcese en xullo de 1982 cando se chega a un importante acordo de patrocinio coa Caja de Ahorros de la Inmaculada (do castelán: Caixa de Aforros da Inmaculada). Asegurábase así a continuidade dun club na elite do baloncesto nacional. A partir dese contrato, o club pasou a chamarse CAI Zaragoza.
O Zaragoza é un dos clubs fundadores da ACB e disputou a súa competición durante catorce temporadas ininterrompidas, entre 1983 e 1996. Durante o seu periplo na elite, o Zaragoza conquistou dúas Copas do Rei: a de 1984 ante o FC Barcelona[2] e a de 1990 ante o Joventut Badalona,[3] sendo finalista en 1992 ante CB Estudiantes e 1995 ante Taugrés Vitoria. Ademais, foi o terceiro clasificado da Liga ACB nas temporadas 1986−1987 e 1987−1988, tan só por detrás do Barcelona e o Real Madrid. A nivel europeo, o CAI foi subcampión da Recopa de Europa de 1991 ao perder a final, disputada en Xenebra, contra o PAOK Complan por 76−72. Ao finalizar a temporada 1995−1996, o primeiro equipo foi expulsado da ACB por problemas económicos; manténdose unicamente en competición algúns conxuntos das categorías inferiores. Actualmente o club conta cun equipo sénior que compite en Liga EBA.
Patrocinios
Por motivo de patrocinio, o club tivo diversos nomes ao longo da súa historia:
- Zaragoza Skol (1981−1982)
- CAI Zaragoza (1982−1992)
- Banco Natwest Zaragoza (1992−1994)
- Amway Zaragoza (1994−1996)
- Adecco Zaragoza (2001−2003)
- Serviplem Baryval Zaragoza (2004−2008)
- 100x100 Basket Zaragoza (2009−2015)
- Azulejos Moncayo CBZ (2015–presente)
Xogadores
Destacados
Adestradores
A seguinte é unha lista dos adestradores do Zaragoza na súa etapa na Liga ACB.
- Pepe Laso (1981−1983)
- León Najnudel (1983−1984)
- Pepe Laso (1984−1985)
- Manel Comas (1985−1987)
- Ranko Žeravica (1987−1989)
- Moncho Monsalve (1989)
- Jesús Carrera (1989−1990)
- Manel Comas (1990−1992)
- Mario Pesquera (1992−1993)
- Herb Brown (1993−1994)
- Alfred Julbe (1994−1996)
Palmarés
Copa do Rei
- Campións (2): 1984, 1990
- Subcampións (2): 1992, 1995
Historial
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas