Pioneer 12

Pioneer Venus 1 / Pioneer Venus Orbiter / PVO / Pioneer Venus 1978 Orbiter
Representación artística de Pioneer 12 orbitando Venus.
TipoCientífico
FabricanteHughes Aircraft Company
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera venusina.[1]
Data de lanzamento20 de maio de 1978, 13:13 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAtlas-Centaur[2][5]
Sitio de lanzamentoBase espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-36A[2][6]
Obxectivo da misiónEstudo da atmosfera de Venus.[2][6]
Decaemento9 de outubro de 1992[1]
NSSDC ID1978-051A
Masa517,0 kg[5]
Dimensións250 cm de diámetro x 120 cm de altura
Potencia312 vatios[2]
Baterías2 de níquel-cadmio e 7,5 Ah

Pioneer 12, tamén coñecida como Pioneer Venus 1 e Pioneer Venus Orbiter, foi unha sonda espacial lanzada o 20 de maio de 1978 mediante un foguete Atlas-Centaur desde a base espacial de Cabo Cañaveral para orbitar Venus e estudar a súa atmosfera e superficie.[2][5][6]

Características

Pioneer 12 formou parte dun proxecto maior xunto coa Pioneer 13, que consistiu nunha serie de sondas atmosféricas que chegaron a Venus ao mesmo tempo que Pioneer 12. A súa misión consistiu en estudar con detalle a estrutura da atmosfera superior de Venus e a súa ionosfera, a súa interacción co vento solar e o campo magnético nas proximidades do planeta. Tamén estudou o seu campo gravitatorio a partir das modificacións na súa órbita e, incidentalmente, detectou explosións de raios gamma de orixe extragaláctico. Pioneer Venus tamén fixo observación de cometas no ultravioleta.[2][5][6]

A nave estaba formada por un corpo principal cilíndrico de 250 cm de diámetro e 120 cm de altura, cos lados recubertos de células solares que proporcionaban unha potencia de 312 vatios na órbita de Venus. A enerxía almacenábase en dúas baterías de níquel-cadmio cunha capacidade de 7,5 Ah cada unha. A sonda estabilizábase mediante xiro a unhas 15 r.p.m., co seu eixo perpendicular ao plano da eclíptica. As comunicacións tiñan lugar en banda S mediante unha antena de alta ganancia de 1,09 m de diámetro situada na parte superior do cilindro e que non xiraba co resto do conxunto para poder apuntar continuamente á Terra, ademais de posuir varias antenas de baixa ganancia para comunicación en caso de problemas coa antena principal. Tódolos instrumentos estaban situados no interior do cilindro da nave excepto o magnetómetro, situado ao final dun mastro de 4,8 m de lonxitude para que o corpo da nave non interferira nas medicións. O control de actitude realizábase mediante sensores solares e estelares conxuntamente con sete propulsores alimentados por hidracina. O motor principal, usado para a inserción orbital en Venus, tiña un impulso de 18 kN e funcionaba con propelente sólido.[2][5][6]

Instrumentos

Venus observador por Pioneer 12 no ultravioleta.

Pioneer 12 levaba a bordo 17 instrumentos científicos que totalizaban 45 de masa:[2][5][6]

  • Un fotopolarímetro para medir a distribución vertical das nubes de Venus.
  • Un radar cartográfico para medir as características da superficie do planeta.
  • Un radiómetro infravermello para medir as emisións da atmosfera.
  • Un espectrómetro ultravioleta para medir a luz neste rango dispersada e emitida pola atmosfera.
  • Un espectrómetro de masas neutras para medir a composición da atmosfera superior.
  • Un analizador de plasma e vento solar.
  • Un magnetómetro.
  • Un detector de campo eléctrico.
  • Unha sonda de temperatura de electróns para estudar as propiedades termais da ionosfera.
  • Un espectrómetro de masas de ións.
  • Un analizador de potencial retardado de partículas cargadas para estudar as partículas da ionosfera.
  • Dous experimentos de radio para estudar o campo gravitatorio de Venus.
  • Un experimento de ocultación de radio en banda X para estudar a atmsofera.
  • Un experimento de arrastre atmosférico.
  • Un experimento de radio para a atmosfera e a medición de turbulencias no vento solar.
  • Un detector de raios gamma.

Perfil da misión

Pioneer 12 foi lanzada o 20 de maio de 1978 e entrou na órbita de Venus o 4 de decembro dese mesmo ano. Entre a data da inserción orbital e xullo de 1980 o periapse da órbita da nave variou entre 142 e 253 km (cun apoapse de 66.900 km) para facilitar os estudos ionosféricos e mediante radar. Máis tarde o periapse aumentouse ata 2290 km e deixouselle diminuír libremente para aforrar propelente. En 1991 o radar foi reactivado para estudar partes do sur do planeta previamente inaccesibles durante a misión. A última fase da misión comezou en maio de 1992, co periapse manténdose entre 150 e 250 km ata que o propelente que evitaba que a nave baixase demasiado a órbita agotouse. As variacións gravitatorias e o rozamento atmosférico fixeron que Pioneer 12 reentrase na atmosfera de Venus e se destruise en agosto de 1992.[2][5][6]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "PIONEER VENUS ORBITER" (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2016. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (12 de febreiro de 2016). "Pioneer Venus Orbiter" (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2016. 
  3. "Note verbale dated 10 August 1978 from the Permanent Representative of the United States of America to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF) (78-18850). 31 de agosto de 1978: 2. Consultado o 4 de abril de 2016. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Pioneer Venus 1" (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Pioneer 12 (Pioneer Venus Orbiter, PVO)" (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2016. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Mark Wade (2011). "Pioneer 12" (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2016. 

Véxase tamén

Ligazóns externas