Pedro Gómez Antón, nado o 31 de xaneiro de 1933[1] en Ourense e finado o 23 de decembro de 2015 na mesma cidade, foi un crego, xornalista e escritor galego.
Traxectoria
Fillo dun bombeiro de Ourense[2], Gómez Antón estudou nos seminarios católicos de Ourense e en 1956 é ordenado sacerdote. Continuou estudando e licenciouse en Teoloxía en 1962 na Universidade Pontificia de Comillas e en Xornalismo en 1965 na Universidade Complutense de Madrid. A súa carreira como crego lévao primeiro á parroquia de Santa Eufemia, no centro de Ourense, e despois a Valongo, Santo André do Castro de Beiro (desde 1965) e As Lagoas (desde 1984 ata a súa xubilación en 2012).
En 1967 nomeárono director de Radio Popular en Ourense, aínda que ao longo da súa carreira radiofónica alternou entre as emisoras locais de COPE e Cadena SER, onde ocupou postos directivos e de redacción. Tamén foi un articulista constante ao longo de varias décadas no xornal La Región. Como docente, deu clase de Ética na escola universitaria de Enfermería de Ourense[3].
Como escritor dedicouse ao ensaio cunha vintena de obras de investigación histórica e cultural de ámbito local, en particular sobre a Xeración Nós e Basilio Álvarez.
Obra
- A derradeira dimensión de Otero Pedrayo, 1980
- Apuntes menores de Risco, 1983
- El cardenal Quevedo en Tourém, 1997
- O microbus. Relatos dunha viaxe, 1981
- A relixiosidade popular galega: Risco/Cuevillas, 1992.
Notas