Localización dos sitios da República Centroafricana na lista do Patrimonio Mundial.
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade na República Centroafricana, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. A República Centroafricana, país que contén extensas reservas naturais e relevante patrimonio ecolóxico no continente africano, ratificou a convención o 22 de decembro de 1980, convertendo os seus lugares en elixíbeis para a súa inclusión na lista.[3]
O Parque Nacional do Manovo-Gounda St. Floris foi o primeiro lugar da República Centroafricana incluído na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO, incluído na 12ª Sesión do Comité do Patrimonio Mundial, realizada en Brasilia (o Brasil) en 1988.[4] Dende a máis recente adhesión á lista, a República Centroafricana conta con 2 sitios clasificados como Patrimonio da Humanidade, sendo ámbolos dous de clasificación natural. Dende o momento da súa designación, o Parque Nacional do Manovo-Gounda St. Floris foi inmediatamente incluído na Lista do Patrimonio Mundial en Perigo, debido a actividades pecuarias ilegais dentro da área dop sitio que ameazan fortemente a fauna local e avanzan sobre a área delimitada do ben, creando eventuais problemas de seguridade.
Datos da UNESCO: o número de referencia do sitio; o ano en que o xacemento foi inscrito na Lista do Patrimonio Mundial; os criterios nos que apareceu: os criterios de (i) a (vi) son culturais, mentres que de (vii) a (x) son naturais.[5]