O Palau de les Arts Reina Sofía forma parte do conxunto arquitectónico da Cidade das Artes das Ciencias, ao sueste da cidade de Valencia (terceira cidade do Estado español en poboación). Está situada dentro do Xardín do Turia, unha área axardiñada no antigo leito do río Turia, que foi desviado polo risco de inundacións. É o edificio situado máis ao oeste e ao norte do complexo.
O edificio
O Palau de les Arts Reina Sofía, deseñado polo arquitecto valenciano Santiago Calatrava, é un teatro de ópera destacable en canto a volumetría e estrutura, preséntase unha dobre intención: a construción dun auditorio e facer do edificio un símbolo arquitectónico da cidade. O edificio está integrado dentro do complexo da Cidade das Artes e as Ciencias, no antigo leito do río Turia.
Inaugurado o 8 de outubro de 2005, o estudo inicial de Calatrava data xa de 1995.
Este edificio, de estilo futurista, conta con máis de 40.000 m² de superficie repartida en catro espazos escénicos destinados á interpretación de ópera, música, ballet e teatro. O edificio ten unha altitude de 75 m (o que o converte no teatro de ópera máis alto do mundo[1]) distribuídos nun máximo de 14 andares e habendo 3 andares máis por debaixo da planta baixa e está rodeado por máis de 60.000 m² de xardín e 11.000 m² de láminas de auga con paseos circundantes.
Dispón de plataformas en beiril a diferentes alturas, con paseos e vexetación, ás cales se accede por medio ascensores panorámicos e escaleiras situadas no interior das carcasas metálicas que hai aos lados do edificio. O contraste entre o opaco das carcasas de chapa de aceiro e a transparencia dos espazos acristalados produce sensacións cambiantes ao percorrer o edificio.
Unha estrutura metálica en forma de pluma arranca dun pío de formigón armado situado na pasarela de acceso e que rodea o edificio sen tocalo cun único punto de apoio. Dita pasarela elevada ten 56 m de lonxitude e está situada na parte oeste do edificio. Dende o acceso principal, onde se encontra a zona de portelos, aparecen dous corredores laterais simétricos que desembocan no gran vestíbulo da Sala Principal.
É salientable a forma global do edificio, cunha aparencia lenticular e que se desenvólve baixo unha gran cascada metálica que se sostén en dous apoios, quedando a zona leste da cuberta en beiril. O material por excelencia é Formigón branco (a mesma cor que o resto de edificios do complexo), xa que cobre os grandes soportes estruturais do edificio, mentres que o mosaico é o segundo material de maior uso ao revestir as cubertas do Palau.
Salas
Sala principal:
Cunha capacidade para a 1.700 prazas distribuídas entre patio e catro niveis de lonxas, concibido fundamentalmente para a representacións de ópera.
Dispón dunha plataforma hidráulica e dunhas instalacións que permiten a representación alternativa de dúas óperas, reducindo o tempo necesario entre a representación de dúas óperas diferentes. A boca ten unha amplitude de 17 metros, unha profundidade de 20 metros e unha alzada de 36 metros. O foso da orquestra é de 166 metros cadrados (o segundo máis grande de mundo despois da Bastille).
Os primeiros meses da súa existencia presentaron algúns problemas, o primeiro dos cales foi a avaría da plataforma principal do escenario que acabou esborrallándose coa escenografía da ópera Don Giovanni en decembro de 2006. Iso obrigou a suspender a última representación da ópera La Bohème, tódalas de La Belle et la Bête, ademais de planear de nova a tempada inaugural ao completo.
En novembro de 2007 padeceu un par de inundacións que supuxeron unha nova paralización da plataforma escénica xa que, a pesar que a avaría do ano anterior estaba reparada, os case 2 metros de auga que entraron na caixa escénica avariaron por completo as máquinas e a electrónica do complexo sistema escénico, co conseguinte barullo na programación da segunda tempada operística, retardo da estrea de Carmen e suspensión da ópera 1984.[1]
Aula Magistral:
Cunha capacidade para a 400 persoas e unha sala destinada a conferencias ou concertos de cámara
Amfiteatre/Auditori:
O anfiteatro ou auditorio ten unha capacidade para 1500 persoas. Cedido oficialmente á fundación que xestiona o recinto na tempada 2007-2008, trátase dun espectacular recinto para a multitude de acontecementos. Dende concertos de música clásica até mitins políticos. Dende a súa inauguración tamén padece graves problemas de illamento acústico que provocan que o ruído exterior traspase considerablemente a cuberta do edificio e sexa audíbel durante as representacións.
Teatre Martí i Soler:
Edificio adxacente ao Palau e independente deste,[1] cunha capacidade para 400 persoas. Recibe o seu nome do famoso compositor valenciano e é unha sala destinada a teatro experimental e a espazo de perfeccionamento. Lamentablemente sufriu considerábeis danos nas inundacións de 2007 e atrasouse a súa inauguración aínda máis do previsto. Por sorte non contaba con equipamento escénico polo que o custe da súa reparación foi menor.
Adoitanse representar unhas sete ou oito óperas por tempada, unha zarzuela e diversos recitais vocais, así como concertos coa orquestra e o coro e concertos de cámara. Tamén se realizan actividades relacionadas, como conferencias, concertos temáticos relacionados coas obras representadas e concertos e actividades para os nenos.
Durante a tempada 2006/2007 comezou a programarse a primeira das catro óperas de Das Ring des Nibelungen de Richard Wagner, cunha escenografía e dirección escénica de La Fura dels Baus. En xuño de 2009, durante o Festival del Mediterrani, realizouse por primeira vez o ciclo completo das catro óperas seguidas.
Na súa breve historia, o Palau de les Arts tentou renovar o repertorio, estreando obras que aínda non se representaran en España. Entre elas (se non se indica outra cousa, son óperas; entre paréntese e a continuación do título, a data e o lugar da estrea absoluta da obra):
Para a xestión do Palau de les Arts, as razóns relacionadas coa propia natureza do proxecto aconsellaron a adopción da figura xurídica da fundación. Deste xeito abránguense aspectos como, por unha banda, a persecución do interese xeral, e por outra, a axilidade no seu funcionamento, no que cobra unha especial atención a autonomía da xestión.
O 26 de xaneiro de 2005 constituíuse a Fundació Palau de les Arts Reina Sofía, presidido polo Presidente da Generalitat Valenciana xunto cun máximo establecido estatutariamente de 25 patronos, entre os que salientan, amais dos mecenas, ilustres representantes da cultura valenciana.
O labor do Padroado é executado ordinariamente por unha Comisión Executiva.
A administración da entidade está nas mans dun xerente; o actual, dende a inauguración é Helga Schmidt, que entre 1973 e 1981 dirixira a Royal Opera House de Londres. Schmidt contratou a algúns grandes nomes como persoal estable do Palau: Zubin Mehta é o director dun festival anual de música e ópera, o Festival del Mediterrani, iniciado en 2007, mentres que Lorin Maazel foi o director musical ata o final da tempada 2007-2008. Plácido Domingo levou o concurso de canto Operalia, que el promove, en outubro de 2007.
A orquestra residente é a Orquestra Simfònica de la Comunitat Valenciana, creada co teatro en 2006 e que en pouco tempo conseguiu un alto nivel. Os directores titulares foron os nomeados Maazel e Mehta.
Notas
↑ 1,01,11,2Adrian Mourby, "Is it a bird? Is it a plane?", Opera Now, January/February 2007 pp. 32–33