Francisco Martín Iglesias, coñecido como Paco Martín, nado no barrio de Recatelo, en Lugo, o 22 de febreiro de 1940, é un escritor en lingua galega e foi mestre de ensino primario durante case catro décadas, até a súa xubilación no ano 2000.[1][2]
Traxectoria
Dirixiu o suplemento infantil Axóuxere, de La Región (1974-1975),[3] publicou a súa primeira obra en 1971,[4] a partir dunha escolma de pequenas pezas narrativas que levou por título Muxicas no espello. Data de 1976 a súa primeira novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia de novela convocado en 1975 co gallo do 25 aniversario da editorial. Un lustro máis tarde, en 1981, publicou a novela E agora cun ceo de lama. Foi en 1985, coa publicación do libro Das cousas de Ramón Lamote que gañou sona. A obra foi traducida a diversas linguas (cómpre pór de relevo o éxito da tradución española que correu por Hispanoamérica) e converteuse nun referente da literatura infantil e xuvenil, achegando á historia da literatura galega o personaxe Ramón Lamote. Amais, por ela recibiu o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España de 1986. O seguinte título do autor foi Lembranza nova de vellos mesteres (1988), ao que seguiron Servando I rei do mundo enteiro (1990) e Tres historias para ler á noite (1992). No 2006 saíu ao mercado o seu libro "A bisneta lercha", que, baseándose no conto tradicional, procurou dar un novo pulo a escritura de fábulas. En 2008 publicou unha secuela de Das cousas de Ramón Lamote, titulada Das novas cousas de Ramón Lamote.
Por outra banda, Paco Martín recompilou adiviñas galegas, que publicou baixo os títulos O libro das adiviñas (1975) e ¿Que cousa é cousa?... Libro das adiviñas (1985). Amais, ten sido un dos pioneiros da escrita de libros de texto en galego e da súa autoría son Lúa Nova 1 e Lúa Nova 2 (1978) e máis tarde Galego 1 e Galego 2 (1985).
Durante sete anos foi director do Departamento de Produción de Material Didáctico para o Ensino en Galego da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.[5]
Como columnista ten traballado no Diario de Pontevedra e no diario lugués El Progreso, no que segue a colaborar a día de hoxe.[6] É é membro do consello de redacción de A Trabe de Ouro e participou en multitude de volumes colectivos, relatorios en Congresos, colaboracións en prensa, radio, TV, pregóns etc.[7]
A, se cadra, verdadeira historia do Basechs Anxeliño Viltroteira (1992). Contos do Castromil.
Tres historias para ler á noite[10] (1992). Vigo: Galaxia. Edición aumentada no 2000: Historias para ler á noite, 160 páxs. ISBN 978-84-8288-370-0 (7ª).