O Puxedo é un lugar da parroquia de San Paio de Araúxo no concello ourensán de Lobios na comarca da Baixa Limia. Tiña 40 habitantes no ano 2012 segundo datos do INE[1] e do IGE[2], dos cales 22 eran homes e 18 mulleres.
Patrimonio
O Puxedo ten un conxunto monumental formado por:[3]
- Capela de San Antonio, de estilo neoclásico cun retablo con elementos propios do barroco rural.
- Peto de ánimas, concibido como un arco de triunfo adoelado atópase no centro da praza, nun cruzamento de catro camiños. É o exemplar de maiores dimensións que se conserva na provincia de Ourense.
- Palco de música, construído a comezos do século XX e onde actuaban as bandas de música.
- Arredor da praza, presidida por un carballo centenario aparecen numerosos cruceiros dispostos de xeito circular.
Esta área, lugar de xuntanza veciñal, constituíu un importante centro de culto dende que a comezos do século XVIII se trouxo a figura de Santo Antonio dende Lisboa tirada por un carro de bois e se situou na capela. O 13 de xuño celébrase unha romaría.[4]
Na parte alta do Puxedo atópanse os antigos currais (curros da res)[3] onde se acollía pola noite o gando, principalmente ovellas e cabras, que pacían no monte comunal. Trátase dun conxunto de construcións dispostas unhas a continuación das outras de reducida dimensión construídas en pedra e cubertas antigamente con teitos de colmo.
Ata os anos sesenta había un forno comunitario que se vendeu para poder mercar pólvora para a construción da estrada ata o lugar.[3] Cincuenta anos despois, a Asociación de Veciños adquiriu e rehabilitou un antigo curral e instalou no seu interior un forno doado por un veciño da aldea.[5]
O Puxedo ten un total de vinte e oito hórreos,[3] chamados canastros na comarca, a maioría construídos en pedra granítica. Os máis antigos, como o hórreo da Laxeira, datan de comezos do século XIX. O maior conxunto de hórreos está na Eira da Cruz.
Itinerario etnográfico do Puxedo
O Puxedo conta cunha ruta[6] que percorre estes elementos patrimoniais, ademais de catro airas de mallar[7] (espazos enlousados de carácter comunitario) e varias fontes. O itinerario iníciase na Eira do Toco e remata no forno de pan comunitario.
Ciclo do pan
O patrimonio etnográfico do Puxedo está determinado polo ciclo do pan.[3] A elaboración do pan era un ciclo complexo que daba lugar a tipos de contrucións moi especializadas: eiras, hórreos, muíños e fornos, que foron sempre lugar de encontro dos veciños e escenarios de contos e cantigas.
Lugares e parroquias
Lugares de San Paio de Araúxo
Parroquias de Lobios
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas