Ignacio Mastretta Rodríguez coñecido artisticamente como Mastretta, nado en Barcelona o 9 de maio de 1964, é un músico, compositor e produtor discográfico catalán.
Biografía
Primeiros anos
Aínda que nado en Barcelona, Nacho Mastretta considérase cántabro, pois trasladouse sendo moi novo a Santander, onde rematou a carreira de piano no Conservatorio Jesús de Monasterio de Santander.
O seu primeiro proxecto musical denominouse Las manos de Orlac, un grupo formado en 1987 que tocaba unha mestura de pop e música caribeña, onde cantaba e interpretaba infinidade de instrumentos. Con este grupo chegou a gravar dous álbums, La Furia (1988) e Salud y pesetas (1989).
Instalouse en Madrid en 1991, e entre 1992 e 1999 exerceu de técnico de son na mítica sala "El Sol". Traballou tamén na "Sala Maravillas", sonorizando a bandas internacionais e locais en plena expansión do rock alternativo.
Música instrumental en selo independente
Paralelamente, empezou a desenvolver un persoal estilo instrumental que non convencía ás grandes compañías discográficas multinacionais, ata que a independente madrileña Subterfuge Records pensa na súa proposta para inaugurar unha nova división sonora. Baixo a etiqueta Música para un guateque sideral aparece o sinxelo instrumental Highballito, (nome dun cóctel mexicano mencionado nunha novela de Ernest Hemingway) en verán de 1998.
A crítica musical acolleuno positivamente, e en decembro de 1998 publicou o seu primeiro álbum: Melodías de rayos X. Os sons instrumentais do álbum cobraban entidade coa colaboración vocal de Ana Belén. Se ben Melodías de rayos X non foi un álbum electrónico, foi escollido polos críticos de El País como Mejor álbum electrónico español de la década de los 90.
Desde 1998 é o compositor das músicas dos desfiles do deseñador español Jesús del Pozo, e en 1999 publicou o EP Música para el desfile de la colección de otoño-invierno 1999-2000 de Jesús del Pozo. Antes xa musicara anuncios publicitarios de marcas como Volkswagen Polo o Bitter Kas.
En xaneiro de 2000 publicou o seu segundo álbum: Luna de miel. Un interesante traballo onde 10 invitadas infunden calidez costumista e feminina ás composicións do artista. Estrañamente, as letras tamén corren a cargo de Mastretta –coa axuda do seu irmán Fernando-, interpretadas por mulleres de diferentes países: a mexicana Julieta Venegas, a arxentina Rubi, a italiana Beatrice, a cubana Gemma Corredera, a sudanesa Rasha e as españolas Raquel Pascual, Irantzu Valencia (do grupo La Buena Vida), Cristina Lliso, Ana Belén, Alaska e Ajo (de Mil Dolores Pequeños). O fío condutor de Luna de miel era o canto irónico e triste de mulleres en apuros cotidianos. Debido ó seu concepto de colaboración, só permitiu dúas presentacións en directo en Madrid durante dous días de maio de 2000 no Colexio Maior San Juan Evangelista.
En febreiro de 2000 publicou a banda sonora de Asfalto, a cuarta película do realizador Daniel Calparsoro, que foi nomeada ese mesmo ano ó premios Goya na sección de mellor música orixinal. En maio publicou a banda sonora da curtametraxe Malas compañías, do malagueño Antonio Henz.
Co gallo da XI Semana de Cine Fantástico y de Terror de Donostia, en 2000 publicou Bascombe un CD sinxelo inspirado no cine fantástico, con versións de temas de Star Wars e Mars Attacks.
No 2001, ademais de tocar por toda América acompañando a Julieta Venegas, compuxo as bandas sonoras da longametraxe El sueño del caimán de Beto Gómez, e da curtametraxe Desaliñada de Gustavo Salmerón, e en novembro presentou Música de automóvil, un álbum instrumental que mantén o seu característico son, aínda que sempre cun punto agregado de estrañeza inédita.
Tocou en festivais internacionais como o Pop Komm alemán, o Arezzo Wave en Italia, o Sónar de Barcelona, en México, Estados Unidos etc.
Na produción
Na súa faceta de produtor traballou para Liquits, Tonino Carotone e Peret. Mesturou a Fangoria e ós mexicanos Titan, e colaborou con infinidade de bandas como o mítico cantante italiano Renato Carossone, Peret, Los Enemigos, Los Planetas, Mercromina ou Pauline en la Playa.
Discografía
Álbums
Ano
|
Título
|
Selo discográfico
|
Outra información
|
1998
|
Melodías de rayos X
|
Subterfuge Records
|
Elixido por El País como mellor disco electrónico dos 90
|
2000
|
Luna de miel
|
Subterfuge Records
|
11 cancións cantadas por 10 vocalistas femeninas invitadas
|
2000
|
Asfalto
|
Subterfuge Records
|
Banda sonora da película Asfalto de Daniel Calparsoro
|
2001
|
El sueño del caimán
|
Subterfuge Records
|
Banda sonora da película El sueño del caimán de Beto Gómez
|
2001
|
Música de automóvil
|
Subterfuge Records
|
Disco instrumental cunha única canción cantada por Julieta Venegas
|
Sinxelos e maxisinxelos
Ano
|
Título
|
Selo discográfico
|
Outra información
|
1998
|
Highballito
|
Subterfuge Records
|
Sinxelo presentación
|
1999
|
Música para el desfile de la colección de otoño-invierno 1999-2000 de Jesús del Pozo
|
Subterfuge Records
|
EP coa música composta para ese desfile do deseñador español Jesús del Pozo
|
2000
|
Bascombe
|
Subterfuge Records
|
Disco editado en colaboración coa Semana de Cine Fantástico y de Terror de Donostia
|
2000
|
Malas compañías
|
Subterfuge Records
|
Banda sonora da curtametraxe En malas compañías de Antonio Hens
|
2002
|
Reparto a domicilio
|
Subterfuge Records
|
Canción orixinal e 4 remesturas
|
Véxase tamén
Ligazóns externas