Os músculos escalenos (do grego σκαληνός skalēnós 'oblicuo' ou 'desigual')[1] son un grupo de tres parellas de músculos de diferente medida pertencentes á rexión lateral fonda do pescozo.
Características
Tipos
Son en total tres músculos en cada lado:
Anterior: insírese na terceira vértebra superiormente e na cuarta, quinta e sexta inferiormente. Estende febras cara ao tubérculo de Lisfranc da primeira costela. Dentro das relacións topográficas que mantén, hai que sinalar que, ao londo da súa cara anterior, descende o nervio frénico, e que, a nivel da súa inserción costal, o músculo é cruzado por diante pola vea subclavia e por detrás pola arteria subclavia e o plexo braquial.
Medio: insírese na segunda vértebra superiormente e na terceira, cuarta, quinta e sexta inferiormente. Estende febras cara á primeira e segunda costela. Por diante deste músculo, a nivel da súa inserción costal, atópanse o plexo braquial e a arteria subclavia.
Posterior: insírese na cuarta vértebra superiormente e na quinta e sexta inferiormente. Estende febras cara á segunda costela.
Os tres insírense na apófise transversa bituberculosa da sexta vértebra cervical. Áchanse cubertos pola aponeurose escalénica, unha prolongación da aponeurose superficial.
Vascularización e innervación
Ramas colaterais arteriais e nerviosas procedentes da columna vertebral.
Funcións
Inclinan a testa sobre o pescozo cara ao lado.
Rotan a columna vertebral cara ao lado.
Soportan o peso de elementos sobre a testa.
Manteñen a testa erguida e fixan o pescozo.
Síndrome dos escalenos
Existen diversos procesos que poden estreitar o desfiladeiro dos escalenos, así a existencia dunha costela cervical, a existencia dun cuarto músculo escaleno accesorio ou sinxelamente a hipertrofia do músculo escaleno anterior. En todos estes casos prodúcense alteracións neurolóxicas e vasculares na extremidade superior debido á compresión do plexo e da arteria subclavia, provocando deste xeito a síndrome dos escalenos.
Imaxes
Músculos da base do pescozo.
Músculos escalenos (vista lateral).
Músculos escalenos (vista lateral).
Notas
↑Anderson, Douglas M. (1994). Mosby's Dictionary of Medicine, Nursing & Health Professions. Mosby.