Esta moedacuñouse tanto en prata —co valor dun denario— como en ouro —un áureo—. Do denario coñécense arredor de cen exemplares, en tanto que do áureo apenas se conservan tres espécimes, polo que esta moeda está considerada como unha das maiores rarezas entre as moedas da Antiga Roma.
Tipoloxía e iconografía
As moedas cuñáronse coa inscrición EID MAR (acurtamento de Eidibus Martiis; "nos Idos de marzo") nos seus reversos para conmemorar o asasinato de César, producido nesa data do calendario romano, no ano 44 a. C.[3]
Como motivo principal dos anversos aparece a cabeza espida un dos asasinos de César, Marco Xunio Bruto, ollando cara á dereita, rodeado pola lenda BRVT IMP / L • PLAET • CEST (Brutus Imperator Lucius Plateorius Cestianus; "Emperador Bruto / Lucio Pletorio Cestiano). O nome de Lucio Pletorio Cestiano corresponde ao moedeiro encargado da cuñaxe.[4]
A citada lenda do reverso, EID MAR, amósase acompañada na súa parte superior por un píleo entre dúas dagas.[5] O píleo —un tipo de sombreiro— era o símbolo romano da liberdade e era habitual que o portasen os escravos que acadaban a condición de libres.[4] Pola súa banda, as dagas supuñan unha representación das armas que se utilizaran para acabar coa vida de Xulio César.[6] Unha interpretación consistente da simboloxía destas moedas é que o Estado romano se liberou da escravitude mediante o asasinato de César.[7]
A cuñaxe destas moedas tivo lugar entre os anos 43 e 42 a. C., coincidindo coa guerra civil dos Libertadores. Foron cuñadas nunha ceca móbil de carácter militar que se desprazaba alí onde se atopase Bruto.[8] Este encargoulle a súa produción ao moedeiro Lucio Pletorio Cestiano, para poder facer o pagamento das súas tropas.[3]
A emisión destas moedas parece suxerir que o asasinato de César foi lexitimado polo Estado, mais non foi así. Trátase máis ben dunha declaración política ou mesmo dun acto de propaganda emprendido polos asasinos de César.[9]
Rareza e presenza no mercado numismático
A maior parte das moedas destas emisións foron denarios de prata (arredor de 3,6 gramos) e só unha pequenísima cantidade se correspondeu con denarios de ouro (uns 8 gramos).[1][10]
Denarios
Aínda existindo un número de exemplares de denarios moi superior ao dos áureos, considéranse moedas moi escasas, con arredor dun cento de exemplares conservados, maioritariamente en museos e en coleccións públicas. En opinión do numismáticobritánicoHarold Mattingly, estas moedas circularon no seu tempo en gran número como medio de pagamento, o que vén confirmarse pola cantidade de cuños utilizados: arredor de oito para o anverso e uns 26 para o reverso. Os cuños do reverso desgastáronse máis axiña ao estaren expostos ao golpe do martelo durante o proceso de cuñaxe, en tanto que os do anverso eran fixos. O reducido número de exemplares conservados na actualidade indica que as moedas foron confiscadas rapidamente polos polos vencedores, logo das derrotas de Bruto e de Casio, outro dos asasinos. En función do seu estado de conservación, os prezos destes denarios no mercado do coleccionismo numismático oscilan entre os poucos miles e os centos de miles de euros, o que as sitúa entre as moedas romanas de prata máis caras.[11][12][13].
Áureos
Pola súa banda, inicialmente os áureos foron amplamente considerados como falsificacións, por exemplo, polo numismático británico Michael H. Crawford na súa obra sobre a moeda romana Roman Republican Coinage, publicada en 1974.[15] Ao facelo, contradixo firmemente a Herbert A. Cahn, que publicara xa en 1957 o único áureo coñecido na época, nas actas do Congreso Internacional de Numismática de 1953.[16] Crawford baseábase en que os argumentos formais de Cahn sobre a autenticidade da moeda carecían de peso, en que a propia moeda parecía sospeitosa, en que Cahn cualificara un molde da moeda como unha falsificación ateniense e, finalmente, en que outro exemplar se achaba no Museo Británico daquela entre as moedas recoñecidas alí como falsas.[15] No entanto, Crawford cambiou de opinión e acabou por aceptar os áureos como auténticos.[17]
Os tres exemplares de áureos
Dos tres exemplares coñecidos da versión áurea da moeda dos Idos de marzo, un deles forma parte da colección numismática do Bundesbankalemán desde 1993, cando o adquiriu nunha poxa da casa Sotheby's en Zürich por 480.000 francos suízos (preto de medio millón de euros).[12][13]
Un segundo espécime estivo en exposto e custodiado en depósito no Museo Británico desde 2010 ata 2022, cando foi vendido polo seu anterior propietario nunha poxa pública pola casa Ars Classica en Zürich, o 31 de maio, na que acadou o prezo de 2.200.000 francos suízos.[12][14][18]
E o terceiro exemplar está tamén en mans privadas; o 29 de outubro de 2020 foi vendido en Londres pola casa de poxas Roma Numismatics pola cantidade récord de 3.240.000 libras (arredor de 3,8 millóns de euros).[8][12][19][20]
↑ 13,013,1Ruske, A. (2013). "Auch Du, mein Sohn Brutus? Eine Goldmünze auf die Ermordung Caesars". En Deutsche Bundesbank, Glanzstücke. Aus der Numismatischen Sammlung der Deutschen Bundesbank 2013. Selbstverlag, Frankfurt. Páxinas 4-7.