Miyoshi Umeki (梅木 美代志 ou ミヨシ・ウメキ), nada en Otaru (Hokkaido) o 8 de maio de 1929 e finada en Licking (Missouri) o 28 de agosto de 2007[1] foi unha actriz e cantante xaponesa nacionalizada estadounidense. Foi a primeira e única muller asiática gañadora dun Oscar á interpretación.[2]
Traxectoria
Nada en Otaru, Umeki foi a máis pequena de nove irmáns. O seu pai era o propietario dunha fábrica de ferro.[1] Trala segunda guerra mundial Umeki comezou a súa carreira como cantante de club nocturno no Xapón, usando o nome de Nancy Umeki,[3] As súas influencias eran o teatro kabuki tradicional e a música pop estadounidense.[1]
Entre 1950 e 1954 gravou para a RCA Victor Japan[1] e apareceu no filme Seishun Jazu Musume. Gravou especialmente standards de jazz, que cantaba en parte en xaponés e en parte en inglés ou unicamente en cada idioma. En 1955 instalouse nos Estados Unidos[1][3] e tras aparecer en Arthur Godfrey Talent Scouts asinou un contrato con Mercury Records e gravou varios sinxelos e dous álbums.[1]
As súas intervencións no programa de Godfrey chamaron a atención do director Joshua Logan, que a contratou para Sayonara.[2] Umeki gañou o Oscar á mellor actriz secundaria por este filme.
En 1958 foi candidata ao Tony polo musical Flower Drum Song. Tamén apareceu na adaptación cinematográfica do mesmo musical[3] e foi candidata ao Globo de Ouro.
Aínda que foi unha invitada habitual en programas televisivos, só apareceu en catro filmes desde 1962. Foi de novo candidata ao Globo de Ouro polo seu papel en The Courtship of Eddie's Father (1969-1972), mais tras acabar a serie retirouse da interpretación.
Umeki viviu durante varios anos en Sherman Oaks[3] antes de mudarse a Licking, Missouri, para estar preto da súa familia. Faleceu dun cancro aos 78 anos.[4]
Filmografía
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Bernstein, Adam. "Actress Miyoshi Umeki, 78, Dies of Cancer". The Washington Post. 5 de setembro 2007.
- ↑ 2,0 2,1 "Oscar winner Miyoshi Umeki dies at 78". USA Today. 5 de setembro de 2007.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Lavietes, Stuart. "Miyoshi Umeki, Oscar-winning actress, dies at 78" Arquivado 09 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.. International Herald Tribune. 6 de setembro de 2007.
- ↑ Miyoshi Umeki, 78, Actress Who Won an Oscar in ’57, Dies
Véxase tamén
Ligazóns externas