Mercè Sala

Modelo:BiografíaMercè Sala
Biografía
Nacemento(ca) Mercè Sala i Schnorkowski Editar o valor en Wikidata
12 de maio de 1943 Editar o valor en Wikidata
Barcelona, España Editar o valor en Wikidata
Morte7 de maio de 2008 Editar o valor en Wikidata (64 anos)
Barcelona, España Editar o valor en Wikidata
Presidenta de RENFE
16 de marzo de 1991 – 13 de xuño de 1996
← Julián García ValverdeMiguel Corsini Freese →
Concelleira de Barcelona
1979 – 1991 Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítica, economista Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartit dels Socialistes de Catalunya Editar o valor en Wikidata
Premios

BNE: XX919597

Mercè Sala Schnorkowski, nada en Barcelona o 12 de maio de 1943 e finada na mesma cidade o 7 de maio de 2008, foi unha economista e política española, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais. Foi a primeira e única muller en dirixir a Red Nacional de los Ferrocarriles Españoles (RENFE) e a impulsora da alta velocidade en España (AVE)

Traxectoria

Comezou a estudar Ciencias Económicas en Barcelona, pero tras unha rebelión estudantil pola decisión política de prescindir do profesor Manuel Sacristán, moitos estudantes, incluída Sala, non puideron continuar os seus estudos na cidade condal. Así, tivo que finalizar a carreira en Bilbao.

Traballou durante 9 anos no Banco Industrial de Cataluña onde se dedicou aos estudos financeiros e á xestión de tesouraría. En 1975 ingresou en Convergència Socialista de Catalunya, que logo confluiría no PSC-Congrés, un dos partidos integrantes do posterior Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC). En 1979, nas primeiras eleccións municipais democráticas, foi elixida concelleira de Barcelona pola lista do PSC que encabezaba Narcís Serra. Volveuse presentar en 1983 e en 1987 con Pasqual Maragall de cabeza de lista. Durante esa época foi presidenta de Transports Metropolitans de Barcelona (TMB). O seu traballo no concello foi amplo e diverso. Tras as segundas eleccións municipais Pasqual Maragall converteuse en alcalde, xa que Narcís Serra foi nomeado ministro de Defensa. Sala pasou a asumir a primeira tenencia de alcaldía e as áreas de Urbanismo e Obras Públicas. Tamén foi responsábel dos distritos de Gràcia e de Sants-Montjuïc.

Josep Borrell, daquela ministro de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente, encargoulle a presidencia de RENFE, polo que antes das eleccións de 1991 Mercè Sala deixou o Concello.

Durante cinco anos foi presidenta de RENFE, a primeira muller en ocupar este cargo.[1] Recolleu dita experiencia na súa tese de doutoramento, publicada nun libro: De la Jerarquia a la Responsabilitat: l’experiència de RENFE (2000). Durante este período impulsou o liderado feminino e puxo en marcha a primeira liña de alta velocidade de España. Tamén foi a responsábel da clausura e o abandono definitivo de varias liñas de ferrocarril que Enrique Barón pechara ao tráfico de pasaxeiros por falta de rendibilidade, como o ferrocarril Ruta da Prata ou a liña Valladolid-Ariza. Estas clausuras producíronse malia reducírense case todas as perdas das liñas tras o peche ao tráfico de pasaxeiros. Os informes empregados para xustificar estes abandonos resultaron ser bastante imprecisos, ao mostrareno unhas perdas superiores ás reais.[2]

Doutra banda, baixo a súa presidencia en RENFE tiveron lugar máis abandonos de servizos da rede convencional para enfocarse no impulso da Alta Velocidade. Foi o caso do Ferrocarril Directo Madrid-Burgos por Aranda de Duero; na que se eliminaron servizos como o diúrno Iberia, desviouse o itinerario do Estrella Puerta del Sol por Ávila e Valladolid en 1995 e o Talgo Pendular Madrid-París en 1996. Conseguiuse en 1992 un tempo de 2h 34min de Madrid a Burgos, o que impulsou o comezo da decadencia desa liña ferroviaria.

Tras as eleccións xerais de 1996 houbo un cambio de goberno. Mercè Sala cesou como presidenta de RENFE e pasou a colaborar coa Universidade Politécnica de Cataluña como presidenta da Fundación Politécnica de Cataluña.

En 1997 Sala creou a Fundació Factor Humà, que naceu co nome de Fundació per a la Motivació dels Recursos Humans. O seu obxectivo é contribuír á mellora da xestión das persoas nas organizacións e ser un referente nese ámbito.

De 1999 a 2003 foi membro do consello de administración da Corporació Catalana de Ràdio i Televisió. En febreiro de 2002 propuxéronlle ser conselleira delegada de Temoinsa, multinacional catalá onde permaneceu até marzo de 2006. En marzo de 2004 aceptou a presidencia do Consello Social da Universidade Pompeu Fabra. A súa función era velar pola vinculación entre a universidade e a sociedade e garantir que os xestores universitarios fixesen un bo uso dos recursos.

En 2006 foi distinguida como colexiada de mérito do Col·legi d'Economistes de Catalunya. Desde febreiro de 2006 foi a presidenta do Consell de Treball Econòmic i Social de Catalunya (CTESC). O seu principal labor era asesorar ao Goberno da Generalitat en materia económica e social desde o punto de vista dos sindicatos, as patronais e a economía social.

Publicou o libro El encanto de Hamelin que recolle as súas ideas e reflexións sobre o liderado.

Finou o 7 de maio de 2008 en Barcelona despois dunha longa enfermidade.

Coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, a Fundació Factor Humà creou en 2009 o Premio Factor Humà Mercè Sala. Distingue proxectos, equipos e iniciativas nos que as persoas son a prioridade e que poñan en práctica os valores que Sala impulsaba: innovación, pragmatismo, visión global e humanidade.[3]

Notas

  1. Gómez, Cristina (21 de abril de 2022). "Mercè Sala, la única presidenta de Renfe: impulsó la alta velocidad y un liderazgo femenino". Magas-El Español (en castelán). Consultado o 27 de novembro de 2024. 
  2. Camazón Misiego, Rosa María. "El cierre de líneas de ferrocarril en España: Línea de Valladolid a Ariza (1895-1985)" (PDF). Docutren (en castelán). 
  3. "La Fageda gana el premio Factor Humano Mercè Sala". Qué! (en castelán) (Barcelona). 12 de maio de 2009. Arquivado dende o orixinal o 3 de marzo de 2016. Consultado o 1 de decembro de 2024.