O principal motivo da creación do medio dólar foi a recadación de fondos en nome da Stone Mountain Confederate Monumental Association para a construción do Stone Mountain Memorial, preto de Atlanta, en Xeorxia. Para deseño da moeda escolleuse o escultorGutzon Borglum, que naquel momento se encargaba tamén dos traballos escultóricos do monumento. Borglum ideou para o anverso unha representación dos xeneraisconfederadosRobert E. Lee e Stonewall Jackson, e para o reverso unha aguia pousada sobre un penedo, coa lenda "Monumento ao valor do soldado do Sur". Nun principio, a moeda estaba concibida para honrar tamén a figura do presidenteWarren G. Harding, que acababa de falecer, mais finalmente optouse por non incluír mención ningunha á súa persoa.
Antecedentes e contexto
O motivo conmemorado
Os primeiros colonos de ascendencia europea habitaron as terras que rodean Stone Mountain, en Xeorxia, hoxe nos suburbios do leste de Atlanta, cara a 1790. Chamáronlle Rock Mountain ao grande afloramento, duns 3,2 quilómetros de lonxitude e 514 metros de altura. Foi o reverendo Adrel Sherwood, de Macon, Xeorxia, quen en 1825 lle deu o nome de Stone Mountain. En 1839 fundouse nas proximidades a cidade de New Gibraltar, cuxo nome sería cambiado polo de Stone Mountain pola Asemblea Lexislativa de Xeorxia en 1947. Desde aproximadamente a época da guerra civil estadounidense, a montaña utilizouse como canteira; esta actividade non cesaría de todo ata a década de 1970.[5]
En 1914, o editor John Tempreg Graves escribiu no xornalAtlanta Georgian e suxeriu o establecemento dun monumento ao xeneral confederado Robert E. Lee en Stone Mountain,[6] e houbo outras persoas que pedían tamén alí o establecemento dun monumento confederado, entre elas Helen Plane (1829-1925), unha muller de Atlanta cuxo marido morrera na batalla de Antietam en 1862, que era a presidenta honoraria da organización de Xeorxia coñecida como Fillas Unidas da Confederación, promotora do proxecto de Stone Mountain.[7]
En 1917 fundouse a Stone Mountain Confederate Monumental Association (en adiante, a Asociación) co fin de lle dar publicidade ao proxecto da escultura colosal en Stone Mountain e recadar fondos para a súa execución.[13] Samuel H. Venable e a súa familia, propietarios dos terreos, accederon a cedelos para construír o monumento, coa condición de que se o proxecto non se completaba en 12 anos, o título revertería cara a eles.[10]
Outra organización que se interesou pola obra de Stone Mountain foi o Ku Klux Klan,[11] unha sociedade secreta supremacista branca á que estaban próximos tanto Gutzon Borglum como Helen Plane, e esta mesmo suxeriu que o conxunto escultórico incluíse no seu deseño un grupo de membros do Ku Klux Klan vestidos coas súas características túnicas.[14]
Os traballos da escultura retomáronse o 18 de xuño de 1923, cando Borglum comezou a esculpir a figura de Lee na aba da montaña, e planeou as do xeneral Stonewall Jackson e o presidente confederado Jefferson Davis a carón del. Borglum asinou un contrato para completar este grupo das tres figuras nun prazo de tres anos, cun custo de 250.000 dólares.[10]
A idea da moeda conmemorativa
O traballo era custoso e, en novembro de 1923, a Asociación decidiu apostar por solicitar ao Goberno a creación dunha moeda conmemorativa do evento, que a Casa da Moeda dos Estados Unidos llas vendese á Asociación ao seu valor nominal e esta, pola súa vez, puidese comercializalas cun sobreprezo, como medio para recadar fondos para continuar co proxecto, do mesmo xeito que viña sucedendo con outros acontecementos nos anos anteriores. Houbo dous homes que se atribuíron a idea da creación da moeda; por unha banda Daniel W. Webb, secretario executivo da Asociación, dixo que se lle ocorrera logo de atopar na súa casa unha moeda de medio dólar do Centenario de Alabama; por outra, o xornalista Harry Stillwell Edwards fixo unha afirmación similar, e foi el quen acabou recibindo unha gratificación da Asociación.[10]
O 16 de novembro de 1923, Edwards escribiu a Bascom Slemp, secretario do presidente Calvin Coolidge —o anterior presidente, Warren G. Harding, falecera había pouco— e organizouse unha reunión na que participarían o propio Edwards, o presidente Coolidge, o escultor Borglum e o presidente da Asociación, Hollins N. Randolph —avogado de Atlanta e descendente directo do primeiro presidente Thomas Jefferson—.[16][17] Nesa xuntanza, o presidente Coolidge amosouse partidario de apoiar a lexislación que autorizase a emisión da moeda conmemorativa de Stone Mountain.[10]
Gutzon Borglum declarou máis tarde que a Asociación lle pediu que contactase con responsables políticos en Washington, dadas as súas boas relacións coa Administración republicana do presidente Coolidge.[19] Daquela, Borglum escribiu ao poderoso senadorrepublicano de Massachusetts, Henry Cabot Lodge, para lle solicitar que apoiase a lexislación para a creación da moeda conmemorativa de Stone Mountain e, ao parecer, o chamamento tivo éxito, xa que a finais de 1923 o presidente do Comité de Finanzas do Senado dos Estados Unidos, Reed Smoot, e o da Comisión de Banca e Moeda da Cámara de Representantes, Louis Thomas McFadden, presentaron o correspondente proxecto de lei nas súas respectivas cámaras. McFadden escribiu máis tarde que patrocinou este proxecto de lei pola súa amizade co escultor Borglum. Ante a ameaza dunha oposición territorial se a moeda proposta só honraba unicamente o Sur, os patrocinadores do proxecto de lei incluíron un texto polo que a nova moeda fose emitida tamén en memoria do recentemente falecido Harding —natural de Ohio—, durante cuxa presidencia se iniciara a segunda fase dos traballos de Stone Mountain, en 1923. O proxecto de lei foi aprobado por unanimidade na Cámara de Representantes o 6 de marzo de 1924, e no Senado cinco días despois; o presidente Coolidge asinouno o día 17 de marzo,[20][21] para o converter na Lei pública número 46 do 68º Congreso. Nun dos seus parágrafos, a lei reza así:[22][23]
“
En conmemoración do comezo, o 18 de xuño de 1923, do traballo de esculpir en Stone Mountain, no Estado de Xeorxia, un monumento ao valor dos soldados do Sur, que foi a inspiración dos seus fillos e fillas, e netos e netas, na guerra hispano-americana e nas guerras mundiais, e na memoria de Warren G. Harding, presidente dos Estados Unidos de América, durante cuxa administración se iniciaron os traballos, cuñaranse nas Casas da Moeda dos Estados Unidos pezas de prata de 50 centavos ata un número non maior de cinco millóns [...] As moedas aquí autorizadas emitiranse unicamente por petición da Stone Mountain Confederate Monumental Association, logo do pagamento por parte desta asociación do valor nominal das devanditas moedas, dunha soa vez ou en momentos distintos, e en cantidades separadas, segundo determine.
”
Preparación e deseño
Borglum estivo moi ocupado entre a aprobación da lei e finais de maio de 1924, traballando primeiro nunha medalla dedicada aos Fundadores de Stone Mountain e despois xa na moeda de medio dólar. A medalla, coñecida como Children's Founders Roll, estaba dirixida aos cativos de raza branca de ata 18 anos que contribuísen cun dólar á construción do monumento. O deseño dos anversos de ambas é moi semellante, aínda que con algunha clara diferenza na postura de Jackson, o que indica que Borglum aínda debía de estar afinando o deseño do monumento.[25] De xeito diferente ao que ocorre na moeda emitida, os modelos da moeda presentados inicialmente por Borglum amosaban a parte dianteira do cabalo de Davis, aínda que non se ve o presidente confederado, e ao fondo albiscábase a figura dos soldados marchando a pé.[26]
Borglum reuniuse co secretario do Tesouro, Andrew Mellon, quen lle preguntou primeiro por que nos modelos aparecía a inscrición IN GOD WE TRUST directamente sobre a cabeza de Lee, ao que Borglum respondeu que era para render homenaxe á fe dos confederados. Mellon preguntou tamén acerca do que representaban as trece estrelas do anverso, e Borglum contestoulle que quen estivese ao norte da liña Mason-Dixon podería considerar que representaban as trece colonias orixinais —sobreentendíase que quen estivese ao sur podía considerar que supuñan un tributo aos estados do Sur—. Mellon tomou con humor esta explicación de Borglum e deu a súa aprobación preliminar.[27] O 2 de xullo, o secretario Mellon amosoulle os deseños ao presidente Coolidge, e deseguido enviáronse á Comisión de Belas Artes para que os seus membros desen o seu ditame prescritivo.[25]
Segundo os numismáticos William D. Hyder e R. W. Colbert, "Borglum, por dicilo suavemente, era un artista temperamental que era quen de ofender a maioría das persoas coas que traballaba".[13] Estes autores sinalan que "a insolencia de Borglum no pasado non o deixara en bo lugar na comunidade artística" e os seus deseños tiveron unha recepción hostil na comisión.[25] O escultor membro da comisión James Earle Fraser, deseñador da moeda de cinco centavos Buffalo, rexeitou o deseño inicial de Borglum o 22 de xullo, oito días despois de os recibir. A inscrición do reverso incluía nestes modelos unha homenaxe a Harding, coa inscrición [...] IN MEMORY OF WARREN G. HARDING, que Fraser considerou como pouco artística. Borglum presentou unha segunda proposta o 14 de agosto, que foi rexeitada novamente pola Comisión de Belas Artes, crítica co deseño por parecer ser só un segmento doutro maior, no canto de estar concibido especificamente para a moeda. Borglum pertenceu facer caso omiso do que consideraba "malditas suxestións parvas", mais a Asociación ameazouno con despedilo se non completaba a moeda. A Borglum preocupábao que o reverso seguise a ser demasiado recargado e propuxo omitir a aguia,[29] mais á fin acabou por dispor de maior espazo libre logo de que Coolidge amosase a súa desconformidade coa alusión ao espresidente Harding, que acabou por omitirse na versión final, aínda mantendo a aguia.[30] Fraser aprobou finalmente os deseños o 10 de outubro de 1924, en nome da Comisión de Belas Artes.[31] En total, Borglum fixo nove modelos de xeso para o seu deseño da moeda, antes da súa aprobación.[27]
Aínda que se recibiran xa todas as aprobacións que cumprían, a Casa da Moeda de Filadelfia negouse a continuar cos preparativos debido á falta da mención de Harding, xa que os seus responsables entendían que se trataba dun mandato do Congreso, cando aprobara a emisión. Borglum telefonou a Coolidge o 31 de outubro para lle notificar o problema, e o presidente confirmoulle a súa aprobación do deseño o día seguinte.[32] Malia o apoio do Goberno federal á moeda, o Grande Exército da República, unha organización de veteranos da Unión da guerra civil, intentou impedir a emisión dunha moeda que, na súa opinión, honraba a traizón, e exerceu presión para o lograr, a finais de 1924 e a principios de 1925. O traballo na escultura da montaña enlenteceuse —a cabeza de Jackson era o que se estaba a esculpir daquela—, porque o escultor estaba máis dedicado ao deseño da moeda e tamén por defectos achados na rocha de Stone Mountain e porque a Asociación cesara nos seus esforzos de recadación de fondos, en previsión dunha campaña para vender a moeda cando estivese cuñada. Ademais, os ingresos pola comercialización da medalla non foran suficientes para cubrir os gastos.[33]
O anverso do medio dólar amosa os xenerais confederados Lee e Jackson, este último coa cabeza descuberta, montados a cabalo. Aínda que tanto Lee como Jackson eran respectados no Norte, Davis non tería sido aceptable nunha moeda federal, e foi omitido, aínda que aparecía na medalla Children's Founders Roll que Borglum tomou como base para o anverso do medio dólar.[34] Hai trece estrelas no campo superior do anverso, en representación dos trece estados que se uniron á Confederación ou que tiñan faccións confederadas. As iniciais de Borglum, GB, inclúense a modo de marca de gravador no extremo dereito do anverso, preto da cola dos cabalos. O reverso representa unha aguia coas ás estendidas, representante da liberdade, pousada no cumio dunha montaña. Hai 35 estrelas no campo, presumiblemente para representar o número de estados ao comezo da guerra civil, aínda que en realidade había 34 en 1861, e só houbo 35 estados de 1863 a 1864, entre as admisións de Virxinia Occidental e Nevada.[35][36]
O historiador da arteCornelius Vermeule, nun traballo seu de 1971 acerca das moedas estadounidenses conmemorativas, sinalou que este medio dólar representa unha circunstancia pouco habitual na arte dos Estados Unidos, na que un deseñador utiliza unha moeda como esbozo ou modelo a pequena escala dunha obra escultórica aínda por completar. Vermeule consideraba que a medalla infantil era unha obra de arte mellor, debido á inclusión de Davis. Cría que o deseño orixinal de Borglum, antes de ser rexeitado pola Comisión de Belas Artes, era superior, xa que incluía unha sensación de movemento a través da representación de soldados marchando no fondo, equilibrada pola inclusión da cabeza do cabalo de Davis, aínda que non se vise o propio presidente confederado. Segundo Vermeule, o deseño orixinal "tería sido unha moeda magnífica, unha compresión pouco habitual de monumentalidade e poder nun espazo histórico limitado e pouco ortodoxo".[37]
Produción e conflito
A Medallic Art Company de Nova York converteu os modelos de Borglum en cuños para a produción das moedas.[30] Os primeiros 1.000 exemplares do medio dólar conmemorativo de Stone Mountain cuñáronse —en presenza de Borglum e de representantes da Asociación— nunha prensa de medallas da Casa da Moeda de Filadelfia o 21 de xaneiro de 1925, coincidindo co 101 aniversario do nacemento do xeneral Jackson. O primeiro espécime cuñado montouse nunha placa de ouro extraído en Xeorxia para a súa presentación ao presidente Coolidge.[39] A segunda montouse nunha placa de prata e presentóuselle ao secretario do tesouro, Mellon.[40] O resto de exemplares do primeiro milleiro colocouse en sobres numerados, algúns dos cales foron presentados a funcionarios e outras persoas implicadas no proxecto de Stone Mountain.[41] Entre xaneiro e marzo de 1925, a Ceca de Filadelfia produciu 2.310.000 da tiraxe autorizada de 5.000.000, mais 4.709 pezas adicionais reservadas para a inspección da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, na súa reunión anual, en 1926. Excepto as primeiras mil, polas que Randolph pagou en ouro, as pezas enviáronse ao Banco da Reserva Federal de Atlanta, que adiantou os fondos para llas comprar ao Goberno.[42]
Aínda que a Asociación desvelou a escultura da cabeza de Lee en Stone Mountain, terminada o 19 de xaneiro de 1924 —aniversario do xeneral—, en poucos meses as súas relacións con Borglum volvéronse tensas. Os problemas técnicos sobre a medalla e o traballo na montaña provocaron desacordos, e as diferenzas políticas entre Borglum, que era republicano, e Randolph, un demócrata activo, levaron ás malas relacións entre ambos. Borglum e Randolph apoiaran membros diferentes do Ku Klux Klan para o liderado nacional.[43] Borglum e a Asociación acusáronse mutuamente de suborno, e o escultor propuxo formar un sindicato para comprar os medios dólares á Casa da Moeda e vendelos coa intención de aplicar os beneficios directamente aos custos de construción, e Randolph ridiculizou esta suxestión, afirmando que iso lle permitiría a Borglum esculpir "o que quixese na montaña".[32] Borglum acusou a Randolph de utilizar as doazóns en beneficio propio e de gastar libremente os cartos dunha conta de gastos.[35] Estas disensións chegaron a facerse públicas e, en febreiro de 1925, a Asociación acabou por despedir a Borglum.[43] Randolph dixo despois oque unha das razóns para o despedimento do escultor fora que este tardara sete meses en deseñar a moeda, cando, segundo el, calquera artista competente podería telo feito en tres semanas.[25] O presidente da Asociación acusou tamén a Borglum de que este atraso tiña a intención de que a Asociación se sentise avergoñada.[44] Segundo o autor David B. Freeman: "malia todos os puntos de conflito entre Borglum e o comité, en realidade foi a moeda conmemorativa a que puxo fin á súa carreira en Stone Mountain".[45]
Ao ser despedido, Borglum esnaquizou todas as maquetas que preparara para o monumento, e a Asociación intentou que acabase na cadea, logo de o acusar de destrución de propiedade.[43] Nun momento en que Borglum estaba a dirixirse ás damas da sección de Atlanta das Fillas Unidas da Confederación, o seu axudante, Jesse Tucker, irrompeu no lugar e sacouno ás présas pola porta sen moitas explicacións, só uns instantes antes da chegada dun axudante do shériff coa intención de lle notificar a orde de detención.[46] Ante esta situación, Borglum abandonou o estado, mais foi detido en Greensboro, Carolina do Norte, aínda que se lle concedeu axiña a liberdade baixo fianza, e a Asociación paralizou o procedemento de extradición.[47] Liberado, o escultor pasou de camiño a dedicarse de cheo a un novo proxecto en Dacota do Sur: o famoso Monte Rushmore.[34]
A publicidade que rodeou estes sucesos prexudicou a recadación de fondos da Asociación, igual que as acusacións de que esta malversara centos de miles de dólares destinados ao proxecto.[48]
Lanzamento e distribución
A Asociación contratou a Augustus H. Lukeman como escultor substituto para Stone Mountain,[49] e finalmente calquera rastro da obra de Borglum foi borrado.[50] Malia a disputa con Borglum, a Asociación procedeu a comercializar as moedas do medio dólar conmemorativo, e para iso contratou o publicista de Nova York Harvey Hill, como director da campaña comercial.[21] A Asociación esperaba ter a oportunidade de lle presentar a primeira moeda ao presidente Coolidge en persoa como medio de superar a mala publicidade que causaran as disputas con Borglum, mais os altos funcionarios da Casa Branca declinaron con cautela esta posibilidade, escribindo que "unha presentación formal non serviría de nada".[51]
Os medios dólares saíron oficialmente á venda o 3 de xullo de 1925, aínda que algúns deles xa se exhibiran no mes de maio.[30] Vendéronse ao prezo dun dólar, co que cada un xeraba medio dólar de beneficio, ao que cumpría restarlle os gastos de xestión.[21] A Reserva Federal enviounos a 3.000 oficinas bancarias, e o produto das vendas foi consignado á Asociación.[42] Os brancos do Sur aplaudiron a moeda como símbolo de reconciliación, xa que o Goberno federal lle rendía homenaxe á herdanza confederada do Sur.[52]
As moedas debían distribuírse a través dos bancos, e o Sistema da Reserva Federal cooperou trasladando as moedas segundo fose necesario, aínda que cos gastos a cargo da Asociación. A Asociación creou filiais locais, con organizacións en todo o Sur, así como en Oklahoma e o no Distrito de Columbia. O gobernador de cada estado actuaba como xefe nominal da organización dentro da súa xurisdición; o 20 de xullo de 1925, nunha reunión da Conferencia de Gobernadores do Sur convocada para o efecto, estes resolveron que a Asociación asignase cotas de venda entre os estados "en función da poboación branca e os depósitos bancarios".[53] As pezas debíanse vender ao prezo dun dólar, e as organizacións locais debían xerar promocións para a súa venda. A campaña xeral de venda dos medios dólares denominouse "Campaña da Colleita",[54][55] e comezou coa devandita reunión de gobernadores de xullo de 1925. O gobernador de Xeorxia, Clifford Walker, díxolles aos seus colegas que "o Sur quedaría eternamente deshonrado se non aceptaba o reto" de alcanzar o obxectivo de venda de 2.500.000 moedas; mais, os gobernadores dedicaron pouco tempo á campaña.[53]
Aínda que o entusiasmo dos voluntarios era esencial para os plans da Asociación na Campaña da Colleita, esta non dependía do altruísmo nos niveis superiores, xa que os presidentes estatais eran remunerados, tanto por salario como por comisións. J. W. Gibbes, secretario da Cámara de Representantes de Carolina do Sur, foi contratado como director executivo dese estado, e comprometeuse a vender 100.000 exemplares, polo que recibiu algo menos de 3.500 dólares en concepto de salario e comisións, cantidade que lle foi aboada en 1926. Os voluntarios locais organizaron xantares na Cámara de Comercio para vender moedas por todo o Sur, e as seccións das Fillas Unidas da Confederación compraron pezas para regalar aos veteranos superviventes da guerra civil.[56] A cota para Florida era de 175.000 moedas, e cada pobo e cidade recibía a súa parte. Era frecuente que grupos como Kiwanis ou Rotary financiasen as cotas locales.[57] Dise que a señora N. Burton Bass, de Atlanta, foi a principal vendedora, xa que chegou a vender 233 moedas nunha tarde. Tamén houbo unha serie de bailes que honraron as mulleres das Fillas Unidas da Confederación, que venderon unha gran cantidade de pezas. Malia todo, Hyder e Colbert suxeriron que había "unha carencia xeral de máis damas como a señora Bass".[58]
Fóra do Sur, tres publicistas profesionais contratados pola Asociación encargáronse da promoción das vendas.[59] Para manter alto o interese da poboación, a Asociación deu a coñecer os deseños de Lukeman para Stone Mountain, que eran de menor escala que os de Borglum.[60] Lukeman concibiu un concepto a escala dos tres líderes confederados a cabalo.[35] Malia a campaña, as vendas foron máis lentas do esperado,[61] e a finais de 1925 a Asociación ofreceu aos bancos do Norte unha comisión de sete centavos por moeda, aínda que se descoñece se algún aceptou a oferta.[62] A continua oposición dos veteranos do Grande Exército da República ás moedas freou as vendas no Norte,[63] e houbo moitas críticas á súa emisión nos xornais.[64]
Un dos medios para a instensificación da recadación de fondos polos que optaron os administradores da Campaña da Colleita foi selar con punzóns algunhas das moedas para as vender a prezos superiores. Crese que as letras e os números gravados foron punzonados pola Asociación, xa que son case totalmente uniformes. A algúns exemplares púxoselle unha abreviatura estatal e un número, e enviáronse a varias cidades para as sacar a poxa. O representante de Carolina do Sur Gibbes informou de que as pezas con esas contramarcas enviadas ao seu estado se venderan por unha media de 23 dólares, oscilando entre os 10 e os 110 dólares, e recomendou que ao inicio das poxas que se celebrasen se fixese meción da mención á venda dun destes exemplares en Bradenton, Florida, por 1.300 dólares.[65]
A que cidade lle correspondía cada número era cuestión de sorte.[66] Outras levaban a inscrición "U.D.C." e unha abreviatura do estado, xunto cun número que probablemente representaba o número de socio ou de capítulo. Estas moedas entregábanselles aos membros que merecían unha honra especial, como un presidente saínte. Malia o interese suscitado inicialmente, a súa venda non tivo o éxito que se esperaba. A Asociación tamén anunciou un programa de venda aos membros da entidade Fillos dos Veteranos Confederados, aínda que non está claro se se vendeu algunha moeda no marco deste programa.[67] As pezas marcadas con "G.L." e "S.L." foron motivo de abraio para os coleccionistas durante moitos anos; A. Steve Deitert, na edición de xaneiro de 2011 da revistanumismáticaThe Numismatist, identificou as marcas como Gold Lavalier e Silver Lavalier. Estes exemplares entregáronselles aos gañadores e aos subcampións do condado nun concurso de venda para rapazas.[68]
A Asociación tamén comercializaba as moedas por outros medios. Os seus responsables promoveron a súa venda a empresas, e lograron que compañías como o ferrocarril Baltimore & Ohio Railroad (B&O), a compañía de seguros Southern Fireman's Fund Insurance Company, a Coca-Cola e varios bancos adquirisen milleiros de pezas, moitas das cales se regalaron posteriormente como promoción.[69] A poboación interesada na súa adquisición que non residía no Sur podía tamén obter as moedas mediante pedidos a través dos bancos locais.[70] Un banco de St. Louis regalaba os exemplares do medio dólar ás persoas que abrisen unha conta con polo menos cinco dólares, e a B&O utilizábaos para dar o cambio.[57]
A Asociación puxo fin á Campaña da Colleita o 31 de marzo de 1926, moi probablemente porque as vendas non estaban a xustificar a continuación dos gastos salariais. As moedas que quedaban nos bancos enviáronse á Reserva Federal e os saldos acredores remitíronse á Asociación. A partir de entón, as moedas só se podían adquirir a través da Asociación ou da Reserva Federal, a un prezo incrementado de 2 dólares. Co aumento de prezo e a fin da campaña, as vendas caeron en picado. O total de vendas na Campaña da Colleita acadou uns 430.000 exemplares. Unha excepción á caída das vendas foi unha campaña realizada en Nova York baixo o patrocinio do alcalde Jimmy Walker, que conseguiu vender 250.000 moedas en 1926, aínda que ao prezo orixinal dun dólar. Bernard Baruch, daquela destacado investidor e máis tarde conselleiro de presidentes, foi o presidente honorario do comité organizador, e subscribiu persoalmente algunhas das pezas.[70][71]
Transcendencia
En 1927, a sección de Atlanta das Fillas Unidas da Confederación publicou un folleto no que acusaba a Asociación de despedir inxustamente a Borglum e de dilapidar entre un cuarto e medio millón de dólares.[72] En 1928 levouse a cabo unha auditoría dos libros da Asociación, e os auditores acharon conformes os seus rexistros, bardante os relativos á Campaña da Colleita, que eran inadecuados. A auditoría descubriu que por cada tres dólares de ingresos procedentes da venda dos medios dólares se pagaban dous en gastos, unha proporción que os autores Hyder e Colbert cualificaron de "incrible".[73] Da suma total recadada pola Asociación, só 27 céntimos de cada dólar se destinaron á construción do conxunto escultórico de Stone Mountain.[74] Venable, propietario dos terreos, declarou que o monumento de Stone Mountain se convertera "no fracaso máis colosal da historia".[75]
Os resultados da auditoría desacreditaron a Asociación, ata o punto de que o Senado de Xeorxia votou para a acusar dunha grave mala xestión dos fondos. O presidente da Asociación, Randolph, dimitiu cando Venable deixou claro que non negociaría unha prórroga do prazo que se fixara de doce anos. O avogado de Atlanta iniciara unha carreira política, mais o escándalo acabou con ela. Ao se esgotaren os fondos, a Asociación detivo as obras de Stone Mountain o 31 de maio de 1928 e, ao fracasar as negociacións, a familia Venable presentou unha demanda para recuperar a propiedade. Borglum pasou a ser entón un heroe popular en Atlanta, e mesmo se lle solicitou que volvese a Stone Mountain a principios da década de 1930, mais como estaba moi ocupado co Monte Rushmore, non o fixo. No momento da morte de Borglum, en 1941, non se estaba a traballar xa en Stone Mountain. O estado de Xeorxia reservou fondos para comprar Stone Mountain en 1958 e cinco anos máis tarde seleccionou a Walker Kirkland Hancock como arquitecto. A escultura, que representa a Lee, Jackson e Davis, e que só ten un leve parecido co deseño orixinal de Borglum, inaugurouse en 1970.[76][77][78] Cos seus 27 por 58 metros, é a escultura en relevo máis grande do mundo.[35]
En 1930, o secretario Mellon informou de que, aínda que a Casa da Moeda non tiña ningún medio dólar conmemorativo de Stone Mountain, tiña entendido que os bancos posuían grandes cantidades da moeda. Finalmente, fixéronse xestións para devolver un millón de exemplares á Casa da Moeda para a súa fundición alí.[3] Malia isto, o estado de Xeorxia aínda tiña á venda medios dólares de Stone Mountain na súa Exposición Século de Progreso de 1933.[70] Moitos máis exemplares foron postos en circulación na década de 1930.[35]
O investidor Bernard Baruch fora tamén posuidor dunha cantidade salientable de moedas de medio dólar de Stone Mountain, e na década de 1950 un banco de Xeorxia foi vendendo este lote polo prezo de 3, 25 dólares a unidade, para financiar un edificio na honra da nai de Baruch, en Richmond, Virxinia.[80]
Logo de descontar os exemplares que se reenviaron á Casa da Moeda de Filadelfia para a súa refundición, distribuíuse un total de 1.314.709 moedas do medio dólar conmemorativo de Stone Mountain.[3][81]
Debido ás grandes cantidades existentes, estas moedas seguen a ser accesibles no mercado do coleccionismo numismático, en comparación con outras moedas conmemorativas desa época. A edición de 2014 da obra de Richard S. YeomanGuide Book of United States Coins dálle a esta moeda un prezo aproximado de 65 dólares en condición case "sen circular" (AU-50) e de 335 dólares nunha condición excepcional (MS-66).[81]