María de Lourdes Gómez-Pamo López del Fresno, coñecida artisticamente como Maruchi Fresno, nada en Madrid o 14 de febreiro de 1916 e finada no Escorial o 19 de xullo de 2003[1]
[2], foi unha actriz española.
Traxectoria
Filla do actor e caricaturista Fernando Fresno, os seus primeiros contactos co mundo da escena producíronse cando aínda non finalizara os seus estudos elementais, debutando no cine á idade de 18 anos coa película El agua en el suelo, de Eusebio Fernández Ardavín.
Licenciouse en Ciencias químicas, e ao comezo da Guerra Civil emigrou á Arxentina, onde continuou a súa carreira teatral.
Unha vez finalizada a contenda regresou a España e converteuse nunha das figuras máis sólidas do panorama artístico do momento, tanto en cine como en teatro. Na pantalla grande participou en películas como Nostalgia, (1942), de Juan de Orduña, Altar mayor (1943), de Gonzalo Delgrás, Reina santa (1946), de Rafael Gil, Serenata española (1947), de Juan de Orduña, Brigada criminal (1950), de Ignacio Iquino, Balarrasa (1950) ou Catalina de Inglaterra (1951), estas dúas últimas de José Antonio Nieves Conde. En teatro cultivou numerosos éxitos, por exemplo con María Estuardo e O soño dunha noite de verán (1950).
En 1953 contraeu matrimonio co director de teatro e escritor Juan Guerrero Zamora, co que tivo un fillo. Separouse de Guerrero Zamora anos máis tarde.
A partir dos anos 60, a súa presenza cinematográfica foise reducindo progresivamente. Interveu en Algo amargo en la boca (Eloy de la Iglesia, 1969) ou La regenta (Gonzalo Suárez, 1974), pero seguiu mantendo a súa actividade tanto a nivel teatral como televisivo.
Durante anos, interpretou sobre as táboas El milagro de Anna Sullivan (1961), no papel de "Kate Keller", El zapato de raso (1965), de Paul Claudel, Águila de blasón, de Valle-Inclán (1966), Fedra (1973), de Miguel de Unamuno, Tauromaquia (1975), de Juan Antonio Castro, Medea (1979), de Eurípides, Mariana Pineda (1982), de Federico García Lorca, Perico Andrónico (1983), de William Shakespeare, ¡Oh Penélope! (1986), de Gonzalo Torrente Ballester e La importancia de llamarse Wilde (1992). Tamén interveu asiduamente nos espazos dramáticos de Televisión Española: Estudio 1 e Novela, así como na serie Clase media, protagonizada por Antonio Ferrandis.
Filmografía
Cine
Televisión
Premios
Notas
Véxase tamén