A Mariña é unha comarca natural situada ó correr do litoral de Lugo que abrangue 15 municipios do norte da provincia, oito dos cales, costeiros. Fóra da propia bisbarra tamén é coñecida como Mariña de Lugo ou Mariña lucense.
A súa franxa costeira, maioritariamente chaira e pouco recortada —en comparación con outras costas galegas como o Golfo Ártabro ou as Rías Baixas—, ten o seu límite oriental na ría de Ribadeo, que fai de fronteira con Asturias, e o límite occidental na ría do Barqueiro. Isto fai coincidir a Mariña practicamente co litoral cantábrico galego, aga que se teña en conta que alén do esteiro do Sor —e sen chegar aínda a Estaca de Bares, onde se xuntan o Cantábrico e o Atlántico—, a beira occidental da ría do Barqueiro pertence ao concello coruñés de Mañón.