Manuel Blanco Romasanta |
|
Nacemento | 18 de novembro de 1809 Esgos, España |
---|
Morte | 14 de decembro de 1863 (54 anos) Ceuta, España |
---|
Causa da morte | cancro de estómago |
---|
Outros nomes | Sacamantecas Hombre Lobo de Allariz Antonio Gómez El Hombre Lobo |
---|
Altura | 137 cm |
---|
Cor do pelo | Louro |
---|
|
Ocupación | Xastre, vendedor ambulante |
---|
|
Condenado por | asasinato |
---|
|
|
Manuel Blanco Romasanta, nado no Regueiro (Santa Olaia de Esgos, Esgos, Ourense) o 18 de novembro de 1809 e finado en Ceuta o 14 de decembro de 1863[1], foi o primeiro asasino en serie galego documentado, coñecido co alcume de o lobishome de Allariz, ou o do unto. Ó ser detido en 1853, Romasanta admitiu ter cometido trece asasinatos, mais argüíu non ter responsabilidade porque o fixera baixo os efectos dunha maldición que o convertía nun lobo, recuperando a forma humana tralos asasinatos. Malia que esta súa defensa foi rexeitada no xuízo, a Raíña Isabel II conmutou a sentenza de morte pola de cadea perpetua para permitir ós doutores investigalo como un exemplo de licantropía clínica, se ben non consta que ningún médico o examinara.
Traxectoria
Manuel Blanco foi fillo de Miguel Blanco e María Romasanta. Tivo, polo menos, tres irmáns: Bernarda, a irmá maior, e dous irmáns menores: Xosé e Antón.
Foi inscrito na partida de nacemento como nena, baixo o nome de Manuela, sen que o exame do texto escrito polo párroco de Santa Olaia de Esgos permita supoñer un erro na inscrición. Loxicamente debeu ser criado como nena pero na inscrición da confirmación, ós 15 anos, xa consta como neno, co nome de Manuel.[2] Nin no libro de bautizados nin na lista de nenos confirmados consta ningunha corrección nin explicación deste cambio de sexo que tivo que producirse durante a infancia ou a primeira adolescencia. Foi nesta época cando tivo que aprender a coser, fiar, calcetar e realizar labores tradicionalmente consideradas femininas, e cabe supoñer que esta transformación de nena a neno tivo que resultarlle traumática.
Manuel era quen de ler e escribir, algo moi raro na época, o que permite supor que pertencía a unha familia relativamente adiñeirada. Segundo diversas contas, era baixo de estatura, medindo entre 1,37 m e 1,40 m. As descricións que se fixeron del durante o xuízo coinciden, ademais, nas súas formas efeminadas, o que lle valeu o alcume de O Canichas. Pero tamén coincidían en que era unha persoa amable, servizal, relixiosa,[3] que daba esmolas a pobres e axudaba ós enfermos, razoable e que nunca manifestara síntomas de demencia nin comportamentos violentos, nin siquera se lle escoitara unha mala expresión.
Dedicouse ós labores agrícolas habituais nunha aldea (traballar a terra e coidar o gando) e chegou incluso a casar, en 1831, con Francisca Gómez Vázquez (o que acredita que nesa altura, con 22 anos, tiña aspecto e comportamento masculinos. En calquera caso, tamén se asegura que o mesmo día da voda marchou a algunha viaxe de traballo, sen chegar a consumar o matrimonio. Xa nese momento alternaba os traballos agrícolas coa venda ambulante.
Foi xastre de profesión, ademais de labrego, pero a súa vida cambiou radicalmente cando quedou viúvo en 1834, o que o converte en viúvo e sen fillos. Nunca volveu casar aínda que falou de matrimonio con varias mulleres e se sabe que mantivo varias relacións sentimentais.[4] A partir dese intre, Romasanta dedicouse fundamentalmente á venda ambulante, primeiro pola comarca de Maceda e máis tarde por toda Galicia entrando incluso na provincia de León. Por cousa este traballo era coñecido como O Tendeiro.
Actividade criminal
Posibles antecedentes
O primeiro delito que se lle apuxo foi a morte, xa en 1834, dun tal Antonio, criado do prior de San Pedro de Rocas (tamén do concello de Esgos). No xuízo admitiu que o coñecera cando vendía panos por León e Asturias, pero negou ter ningunha relación coa súa morte; tampouco había ningunha evidencia que o incriminase.
Neste mesmo ano de 1834, Romasanta faille un pantalón a un tal Manuel Ferreiro,[5], con quen marcha a Chaves (Portugal). Nunca máis se soubo deste Ferreiro e, cando o Canicha foi acusado das mortes das irmás García Blanco, a familia de Manuel Ferreiro denunciouno como culpable da súa morte. Pero transcorreran case 20 anos da desaparición e a denuncia non prosperou: Romasanta negou que o matara e o certo era que nin siquera había constancia de que estivera morto.
Case dez anos despois (en 1843), anos durante os que non se sabe nada do que fixera nin onde podía estar, Romasanta é denunciado por un comerciante de León a quen deixara a deber 600 reais, e un alguacil, Vicente Fernández, sae na súa busca para embargalle toda a súa mercadoría. Romasanta declara que lle pagara a débeda, que recuperara a mercadoría e mostra un recibo asinado polo alguacil, pero o 25 de agosto atópase o cadáver de Vicente cerca de Pardavé, sen diñeiro, sen a capa que levaba ó saír e sen o seu reloxo de prata. Non hai probas de que o matara o Romasanta e unha taberneira que declarou que ese mesmo día lle chegara á taberna un home galego coa camisa manchada de sangue tampouco puido identificar a Romasanta.
Aínda así, foi xulgado en rebeldía en Ponferrada e condenado a dez anos de cadea. Romasanta non puido ser localizado porque fuxira a Galicia para instalarse en Rebordechau (un lugar de Vilar de Barrio) . No xuízo declararía que non matou ó alguacil senón que o deixou en compañía dun tal Xosé Vilarello, veciño de Castro Caldelas, a quen tamén lle esixía o pago dunha débeda. Tampouco se puido identificar nin localizar a este Xosé Vilarello.
Os asasinatos en serie
Romasanta non pode regresar á súa aldea por medo a que o localizaran alí (sabíase perseguido pola xusticia de León) e quedouse varios meses -entre finais de 1843 e principios de 1844- gardando o gando nas montañas de Rebordechau, en Vilar de Barrio. Finalmente, instálase no mesmo Rebordechau, en casa de Andrés Blanco, como xornaleiro, oficio que compaxina coa compra e venda de roupa e panos de Portugal, a onde segue indo de cando en vez para vendelo nas aldeas da contorna.
En 1845 coñeceu a Manuela García Blanco, a que será a súa segunda vítima acreditada, e non tarda en comezar unha relación con ela. Era maior que el, natural do Castro de Laza, do concello de Laza pero que foi vivir a Rebordechau tras casar; tiña unha filla de solteira, Petronila. Ela abandona ó seu home e dedícanse á venda ambulante de panos e quincalla polas parroquias veciñas, mentres el vai convencéndoa de que venda do seu gando e unha casiña. En marzo de 1846, cando Manuela está noutra aldea reclamando a parte que se lle debía da venda da casa, Manuel e Petronila saen da aldea cara á Serra de San Mamede e Manuel regresa só. Cando regresa Manuela e pregunta pola filla, dille que a enviou a servir a Santander, a casa dun cura.
Manuela cre o que lle din. E ós oito días dille a Manuel que a leve onda a filla. Manuel acepta e despídense dos irmáns dela, que lle agradecen as molestias. Tampouco se volveu a saber nunca máis dela pero el dille a quen lle pregunta por elas que están ben colocadas na casa dun cura de Santander, e incluso un día aparece cunha carta supostamente escrita por Manuela dicindo o contenta que estaba.
Ó pouco tempo chegou a Rebordechau o párroco Pedro Cid, con quen Romasanta establecerá unha boa amizade e para o que faría traballos ocasionais e a quen acompañará nas viaxes ás parroquias veciñas. A este Pedro Cid achacaranlle no xuízo a Romasanta de axudalo cando todo eran sospeitas contra el, chegando incluso a dicir "que levaba o mal pero deixaba o bo", en alusión á mala sona de algunhas das mulleres que matara.
En marzo de 1847, Manuel entra en relacións con Bieita García Blanco (irmá máis nova de Manuela, tamén cun fillo de solteira), e convéncea para ir a Santander coa irmá, que el a buscaría acomodo cerca dela. Outra carta, tamén falsa, de Manuela termina de convencela e un día saen os tres, Manuel, Bieita e o fillo, Francisco, de nove anos, do Castro de Laza, onde vivía ela.
Como nos outros casos, el regresou ó pouco tempo e nunca máis houbo noticias de Bieita nin do fillo, máis aló do que contaba Manuel que seguía dicindo que recibía cartas das irmás. Pero comete o erro de vender en Rebordechau algunha roupa que levara Bieita. Tampouco soubo responder a outra irmá, María, polo nome dos curas onde estaban a servir nin o nome do lugar. Aínda así, esta María pídelle que a leve tamén a ela a Santander, pero non acepta o consello de Manuel de vender o seu gando e el dálle largas.
O Canicha comeza a ter relacións cunha muller de Rebordechau, Antonia Rúa Carneiro, a Vianesa (solteira pero con dúas fillas, María Dores e Peregrina). A uns dinlles que van casar e poñer unha tenda en Castela, a outros que ela vai servir a Santander ou a Ourense. Ela véndelle a el todo o seu patrimonio por 600 reais aínda que el só lle entrega 36, coa promesa de darlle o resto. E o domingo de Ramos de 1850 saen da aldea, a parella coa pequena Peregrina, de só tres anos. E como fixo outras veces, regresa á aldea ós poucos días, só.
A outra filla da Antonia, María, duns 11 anos, vai ó cabo duns dous meses a vivir con Manuel, e contan que o fixo de bo grado. Pero pasados catro ou cinco meses marchan os dous da aldea e el regresa só ó día seguinte. Contará a todos que a nena está coa nai en Santander, e con Manuela e Bieita.
No mesmo ano 1850 comenza a manter relacións con Xosefa García Branco, outra irmá de Manuela e Bieita, duns 50 anos, solteira e nai dun fillo, Xosé,[6] de 21 anos, veciña do Castro de Laza. Móstralle, para convencela de que marche con el, unha carta que di recibiu das irmás, dirixida á propia Xosefa, na que lle conta que as tocou a lotería e a anima a ir con elas, levando consigo ó fillo, Pepiño. Esta é a única carta, entre as que Romasanta di que recibira das irmás García Blanco, que entrega á destinataria; esta daríalla a outra irmá, María, e por iso consta do expediente do xuízo.[7]
Ante a resistencia de Xosefa de vender todo e marchar con el a Santander, convéncea para que mande por diante o fillo, Xosé, e logo, se el queda contento, xa irá ela. E así, en novembro saen os dous camiño de Santander. Unha testemuña saúdaos no camiño, en San Salvador de Camba e volve a atoparse co Canicha ó día seguinte, pero agora ía el só e cun vulto que non tiña o día anterior. Regresa a Rebordechau vestindo a capa que levaba o Xosé e véndella ó seu amigo o párroco, Pedro Cid; segundo di a uns, Xosé regaloulle a capa; segundo di á nai, deixoulla para que a vendese. Volve a mostrar cartas de Xosé (dirixidas a el, non á nai, como sería lóxico) nas que conta que está moi ben, que non vai volver e animándoa a que vaia alá. Xosefa vende as súas pertenzas para reunir diñeiro para a viaxe; mesmo véndelle unha vaca a Manuel, que lle di que a pagará cando cheguen a Santander. E na noite do primeiro de xaneiro de 1851 saen do Castro de Laza cara Santander. Manuel regresa ós poucos días e, no mesmo mes, vai á casa de Xosefa coa chave que levara esta e leva unha chea de roupa e obxectos dela, entre eles unha navalla de mango branco.[8] Nos meses seguintes vende a diferentes persoas prendas de roupa que vestía Xosefa cando partiu e roupa de cama que sacara da súa casa. A un irmán dela regálalle, para a filla, os zapatos que calzaba Xosefa naquel día.
Sospeitas dos crimes
A mediados de 1851 xa son moitos os rumores de que o Canicha estaba a vender prendas de roupa das irmás García Blanco, desaparecidas. O disque chega ó párroco do Castro de Laza que esixe saber onde están estas mulleres, ó que Manuel responde que en Potes (Cantabria). O cura escribe ó párroco de Potes que contesta rapidamente dicíndolle que alí ninguén as coñece, nin a elas nin ós fillos.[9]. En xullo, un irmán das mulleres desaparecidas, Xosé, ve nas mans de Manuel a navalla de cachas brancas e comunica as súas sospeitas á outra irmá, María.
En setembro, un pastor que andaba co gando na serra de San Mamede atopou un cranio e, ós poucos días, cóntallo a Manuel, que tamén andaba co gando. Este pídelle que non diga nada, non sexa que o acusen a el porque coñece o ruxerruxe que o sinala como o asasino daquelas mulleres. Non obstante, cóntalle ó cura de Rebordechau. Pouco despois será outro vendedor ambulante quen lle advirta ó cura de que non se fíe do Canicha. Aínda que o cura non asume responsabilidade ningunha e di que el lle pediu ó pedáneo que botaran a Manuel fóra da aldea, no xuízo este explicará que foi ó revés e que lle impediu denunciar ó Canicha ante o alcalde de Vilar de Barrio. Foi entón cando se fixo público que o cura dixo que o Manuel se limitou a sacar do lugar a xente ruín e mulleres de mala fama.[10]
Pronto comezou a estenderse o rumor de que vendía unto de graxa humana nas boticas[11] e que, polo tanto, era un criminal. Tamén se recoñecou que ningunha das mulleres que supostamente levaba a servir en casas de bo nivel económico volveu a dar sinais de vida.
Cambiou de identidade e adoptou o nome de Antonio Gómez, e marchou a terras de Castela, onde foi identificado por tres segadores de Laza, tralo que foi detido en setembro de 1852 en Nombela (Toledo) e xulgado en Allariz. Durante o xuízo recoñeceu que matara nove persoas coas súas mans e dentes, e logo comía os restos. Confesou igualmente que formou cuadrilla con outros dous lobishomes, Antonio e Xenaro, cos que, transformados en lobos, mataban a xente e comían os seus corpos.
Canto á causa deste comportamento, confesou que fora vítima dunha maldición dos seus pais cando era un trapaz de trece anos e que tiña alucinacións nas que se vía arrodeado de lobos logo dos seus asasinatos.
O xuízo contra o lobishome durou aproximadamente un ano, e o 6 de abril de 1853 o xuíz de Allariz emitiu unha sentenza de morte que o condenaba a garrote e a unha indemnización de 1.000 reais por vítima, a pesar de que non se atoparon restos de ningunha delas. Ao pouco de asinarse a sentenza un hipnotizador inglés, mister Phillips, que coñecía o caso pediulle ao ministro de Graza e Xustiza que adiase a aplicación da pena e que lle permitise tratar o caso. O hipnólogo argumentaba que Manuel Blanco padecía unha enfermidade mental monomaníaca chamada licantropía, e quería estudalo. En paralelo, os avogados da defensa conseguiron que a raíña Sabela II lle conmutase a pena por cadea perpetua alegando que non existían máis probas que a súa propia confesión.
Manuel Blanco morreu ao cabo de dez anos no cárcere de Ceuta por mor dun cancro de estómago.
Vítimas
Lista das vítimas coñecidas.[12]
- Manuela García, de 47, e a súa filla Petra, de 15, asasinadas na serra de San Mamede mentres viaxaban cara a Santander.
- Benita García Blanco, de 34, e o seu fillo Francisco, de 10, asasinados no Corgo do Boi.
- Antonia Land, de 37, e a súa filla Peregrina, asasinadas viaxando cara a Ourense.
- Josefa García e o seu fillo Jose Pazos, de 21.
- María Dolores, de 12 anos.
Na cultura
A historia do lobishome de Allariz e o mito do sacaúntos estendeuse rapidamente por Galicia sobre lendas e historias anteriores, e chegou aos nosos días. Ademais, existen varios filmes e libros que recollen a súa historia.
Ensaio
Na literatura
No cine
Notas
- ↑ "El último aullido del hombre lobo", artigo de Pablo Taboada en El País, 3 de novembro de 2011 (en castelán).
- ↑ "Manuel, Xosé e Antón, fillos de Miguel Blanco" (Mariño Ferro, 17.
- ↑ Amigo dos curas, dicían del, que rezaba o rosario con frecuencia.
- ↑ Mesmo parece ser que en 1843 escribira ó pai que ía casar cunha tal Catalina, en Pardavé, ó norte de León.
- ↑ Veciño de Xinzo da Costa, un lugar de Vilardecás (Maceda).
- ↑ Que consta co apelido Pazos, aínda que non se sabe quen foi o pai.
- ↑ Nesta mesma carta menciona a existencia dun don Xenaro do que di que agarda por Xosefa. Quizais sexa o mesmo que Romasanta cita como un dos dous compañeiros clos que, convertidos coma el en lobos, mataban e devoraban as súas vítimas.
- ↑ Que constituirá proba no xuízo contra el.
- ↑ No xuízo, o párroco negará haber escrito esa carta e, en calquera caso, non fixo nada ó respecto.
- ↑ Mariño Ferro, px. 51. Desta forma estaba facendo fincapé no feito de que as catro mulleres desaparecidas (Manuela, Bieita, Antonia e Xosefa) eran todas nais solteiras.
- ↑ Sobre todo no norte de Portugal onde, segundo parece, se pagaba moi ben o unto humano.
- ↑ O sacaúntos Arquivado 02 de abril de 2012 en Wayback Machine. Galería de información
- ↑ Rey, Manuel (9 de xuño de 2017). "Que foi Manuel(a) Blanco Romasanta? 1: o ‘home do unto’ que puido nacer muller". Gciencia. Consultado o 5 de novembro de 2018.
- ↑ Dopico, Montse (4 de novembro de 2018). "Emma Pedreira: “Quérennos perfectas, silentes e activas, pero corpo e mente non poden, nin deben, saltar o proceso de curación”". Praza Pública. Consultado o 5 de novembro de 2018.
- ↑ "Lobismuller, licántropo hermafrodita", artigo de Gloria Crespo MacLennan en El País, 2 de abril de 2017 (en castelán).
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas