Iniciou a súa carreira política no Partido Conservador con quen concorreu ás eleccións de 1884 sendo elixido deputado na Cortes pola circunscrición de Biscaia (distrito de Markina),[3] escano que volvería obter nas sucesivas eleccións celebradas até 1891.
Tamén foi gobernador do Banco de España entre 1904 e 1905, e non sería novamente ministro ata que Maura o reclamou para que ocupase, entre o 25 de xaneiro de 1907 e o 16 de decembro de 1909, a carteira de ministro de Estado no chamado "goberno longo de Maura".
Tras esta etapa, Allendesalazar preferiu desempeñar cargos en empresas públicas, máis rendibles economicamente, e sería nomeado novamente gobernador do Banco de España (1919) e director de Tabacalera.
Volveu ser ministro, entre as súas dúas etapas como presidente do Consello de Ministros, nesta ocasión de forma interina, ao ocupar a carteira de ministro de Fomento, entre o 14 e o 17 de febreiro de 1920 nun gabinete de Dato, e a carteira de ministro de Mariña entre o 17 de marzo e o 5 de maio de 1920 nun goberno que el mesmo presidiría.
Presidente do Consello de Ministros
En 1919, Antonio Maura nomeouno presidente do Senado, e a finais do mesmo ano Afonso XIII encargoulle presidir, entre o 12 de decembro de 1919 e o 5 de maio de 1920, un novo goberno. Con todo, cando o seu sucesor no cargo, Eduardo Dato, foi asasinado o 7 de marzo de 1921, o rei volveulle a encargar a confección dun novo gabinete que se estendería entre o 13 de marzo e o 14 de agosto de 1921. Neses momentos, a Batalla de Annual provocou unha crise no goberno que acabou de modo definitivo coa súa carreira política sendo substituído polo incombustible Antonio Maura.