| Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
- Cómpre revisión de contido e formato, revisar posible contido con copyright
Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e mellóreo de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde abril de 2015) |
Luzes de Galiza é unha revista cultural galega publicada entre 1985 e 1997. Nun principio tiña unha saída trimestral, mais a partir de 1997 converteuse en anual, aínda que cunha periodicidade moi irregular.
Traxectoria e características
Nace en xullo de 1985 en Sada baixo a dirección de Manuel Rivas e co patrocinio de Ediciós do Castro, do Grupo Sargadelos. Trátase dunha iniciativa dos membros do denominado Grupo Coruñés (refírese a autores que entre 1984 e 1985 publican os volumes colectivos De amor e desamor I e II, destacando Xavier Seoane, José-María Monterroso Devesa, Pilar Pallarés, Xulio López Valcárcel, Lino Braxe, Lois Pereiro, Miguel Anxo Mato Fondo, Francisco Salinas Portugal e Miguel Anxo Fernán-Vello). Os estudantes que forman este colectivo, con sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo, comparten unhas experiencias estéticas comúns, unha ideoloxía semellante (podería dicirse que nacionalista de esquerdas) e unha procedencia: a cidade da Coruña. Este núcleo urbano aparece explicitamente no seu proxecto, como é visible no artigo Miseria e hernia cultural de Manuel Rivas, publicado na revista en 1987, no que se critica a falta de actividade cultural nesa zona.
Nós medramos culturalmente nunha cidade sen apenas pontes. É esa carencia de vínculo, de referencia adulta, unha das herbas que fai da Coruña un ermo onde campan ao seu aire os cipallos provincianos e a súa cultura cascarilleira [Manuel Rivas, 1987]
Ante este problema, a súa resposta é combater a situación directamente coa publicación de Luzes de Galiza. Mais, a pesar de que A Coruña cobra un gran protagonismo nesta revista, non se trata dunha iniciativa localista, senón que a partir desa cidade, unha das máis castelanizadas de Galiza e na que primaba un maior descoñecemento da cultura galega,[Cómpre referencia] extrapólase a estratexia de combate intelectual a toda a todo o país.
En canto ao carácter de Luzes, trátase dunha publicación heteroxénea e aberta na que se tratan temas variados dentro do eido da cultura e do pensamento, sendo especialmente importantes o ensaio, a fotografía, a filosofía, as artes plásticas, a arquitectura, a literatura, a música, o cine e o deseño. Por esta razón, ademais de con diversas xeracións de escritores e ensaístas, a revista contaba nas súas filas con fotógrafos como Xurxo Lobato, Moncho Rama, Chus García, Xulio Correa, Xan Piñón, Luís Suárez Canal, Xosé Abad, Caruncho, Delmi Álvarez e Vari Caramés, así como con ilustradores como Luís Seoane, Alfonso Sucasas, Antón Patiño, Reimundo Patiño, Alfonso Costa, Xulio Maside, Din Matamoro, César Fernández Arias, Álvaro de la Vega, Antón Lamazares, Correa Corredoira, Xaquín Martín, Miguelanxo Prado e Alerto Datas, encargados de converter a revista nun referente tamén artístico e gráfico. Destacan alén diso os frecuentes artigos literarios e a análises críticas da actualidade co obxectivo de renovar a prensa cultural galega desde dentro.
Na súa orixe é visible o espírito renovador e novo da revista, na que priman os traballos dos membros das xeracións máis novas de escritores e artistas por enriba das anteriores, de maior experiencia. O papel clave da xuventude en Luzes determina o carácter da publicación no inicio, marcadamente progresista, vangardista, cosmopolita e nacionalista. Nela introdúcense con frecuencia elementos da cultura europea e do mundo cultural luso, polo menos no seu comezo, tanto no caso de artigos como de entrevistas.
Desapareceu en 1997. En 2004 apareceu Luces como nome do suplemento cultural semanal da edición do xornal El País en Galiza. En 2013 apareceu a revista mensual, Luzes, dirixida por Manuel Rivas] e Xosé Manuel Pereiro, cun proxecto empresarial e profesional independente das outras dúas cabeceiras.
Significado e orixe do nome
Respecto á denominación da revista, esta xa nos ofrece información relevante sobre o carácter da publicación.
En primeiro lugar, enmarca a iniciativa nun determinado espazo xeográfico, Galiza. Cabe sinalar tamén que aparece “Galiza” no canto de “Galicia”, o cal reflicte unha vontade de empregar a normativa reintegracionista en lugar da oficial. Non obstante, co paso do tempo, a maior parte dos colaboradores empregan nos seus escritos a normativa oficial, mais sen cambiar a grafía da revista, mostrando que ambas opcións son aceptadas, xa que o que prima é o contido.
En segundo lugar, Luzes reforza os ideais de renovación dos autores. Búscase iluminar unha tradición cultural e sobre todo literaria, a galega, que foi escurecida durante séculos pola castelá.[Cómpre referencia] Ademais, pode entenderse como unha referencia á Ilustración, en que todos os eidos do saber eran tratados como importantes e se cría na necesidade de crear enciclopedias nas que se recollese o saber humano global. Isto explicaría a diversidade de asuntos e temas que se tratan en Luzes de Galiza. De novo estase a empregar a normativa reintegracionista (“Luzes” e non “Luces”).
Necesitamos LUZES, ALTAS LUZES solares combatendo como os arcanxos a súa heliomaquía, rotundas LUZES, fontes de LUZES, corpos feridos de LUZES, ebrios de LUZES, derramando LUZES porque no principio foi a LUZ e sempre estamos no principio, nacendo cada intre [“O cavalo do orgulho”, número 0, 1985][1]
Finalmente, no número 24, publicado en 1994, engádese o subtítulo “Revista de liberdades, crítica e cultura”, que marcará o comezo e o talante da revista na súa segunda etapa.
Redactores e colaboradores
Luzes de Galiza contou como redactores con Xavier Seoane, Lino Braxe, Antón Baamonde, Miguel Anxo Mato Fondo, Miguel-Anxo Murado e Xulio López Valcárcel, membros do equipo xa nos anos de fundación ou engadidos máis adiante.
En canto aos diversos colaboradores da revista ao longo dos anos, en Luzes de Galiza participaron varias xeracións de escritores e ensaístas, maioritariamente nados a partir dos anos cincuenta e identificados coa renovación cultural. Contaba con nomes como Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Alberto Avendaño, Carmen Blanco, Antón Capelán, Manuel Forcadela, Camilo Franco, Xesús González Gómez, Xosé Manuel Martínez Oca, Gonzalo Navaza, Antón Reixa, Claudio Rodríguez Fer, Xurxo Souto, Manuel Vilanova, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel María, Xosé Manuel Beiras etc.
Etapas
Na evolución da produción da revista Luzes de Galiza, distínguense dúas etapas: desde a súa creación no ano 1985 até o 1993, e desde este último ano até o 1997, ano da súa paralización. Deste xeito, malia non poder falarse dunha mudanza radical, si cómpre apuntar unha evolución notable a partir do número 24 da revista.
As principais diferenzas que introduce a segunda etapa son as seguintes:
- Cambios na estética das publicacións: engaden o subtítulo de "Revista de liberdades, crítica e cultura", mudan o deseño e engaden publicidade.
- Maior carácter multidisciplinar e heteroxéneo, como xa indica o novo subtítulo.
- Cambio nos principais asuntos tratados. Fronte ao centralismo da atención á evolución do sistema cultural, na segunda etapa adquire un maior peso o debate ideolóxico sobre a situación política e social do momento (cuestións que xa eran tratadas dende o principio, mais que agora convértense en protagonistas).
| Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
- En 1992 non houbo eleccións ao Parlamento de Galicia
Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e mellóreo de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde maio de 2018) |
- Adquisición de importancia do nacionalismo, que remata nun distanciamento do Bloque Nacionalista Galego. Este cambio estivo relacionado coas mudanzas políticas e económicas tras as Eleccións ao Parlamento de Galicia de 1992,[Cómpre referencia] e tivo como consecuencia unha perda de colaboradores e ataques directos tanto políticos como culturais ao partido político.[Cómpre referencia]
- Ligado coa nova importancia do nacionalismo, esta nova postura política incluirá un debate sobre o futuro da lingua galega, abordado dende unha perspectiva heteroxénea.
- Redución do número de colaboradores, en función da súa posición respecto da nova dirección que adoptou a revista; ademais da maior cooperación doutros que na primeira etapa só o facían esporadicamente.
- Desvinculación progresiva do polisistema afro-luso-brasileiro a partir do número 17, no que se elimina a sección “Palavra común”.
- No plano da literatura en galego, en vista do novo panorama literario, pasan de dar prioridade á poesía a centralizar a narrativa.
- Introdución de traducións de escritores españois (como por exemplo Gonzalo Torrente Ballester) con ideoloxías próximas á de Luzes, como forma de lexitimación desta ao estender o prestixio destes escritores destacados fóra de Galiza.
Seccións
Luzes de Galiza non foi unha revista cunhas seccións fixas ao longo da súa publicación, senón que estas foron mudando por outras novas co tempo, ou mesmo desapareceron. Algunhas delas incluso foron puntuais, incluídas só nun dos números; mais con todo, pódese falar dunhas cantas seccións que tiveron unha continuidade relevante dentro da revista, separadas en dous bloques que corresponden a cada unha das etapas.
Canto á primeira etapa, as seccións predominantes serían as seguintes, que aparecen ordenadas alfabeticamente:
- “Colaboracións”. Incluía artigos de personalidades externas á revista, desde textos de intelectuais estranxeiros até escritos literarios de autores galegos que non colaboraban habitualmente en Luzes de Galiza.
- “Criación”. Presenta autores galegos (tanto poetas como narradores), principalmente xoves que se queren dar a coñecer, mais tamén outros xa consagrados.
- “Crítica”. Sección que serviu para promover aos colaboradores da revista e que nos seus inicios estivo vinculada exclusivamente aos produtos literarios.
- “Ecoloxía”. Aínda que se centraba nos problemas de deterioración ambiental de Galiza, tamén incluía outras reflexións sobre problemas ecolóxicos xerais.
- “O Gume da Navalla”. Incluía críticas anónimas á situación da lingua galega, en especial aos órganos encargados da súa promoción e aos procesos de normalización.
- “Ideias”. Introducía debates de talante político e filosófico.
- “Mohicania”. Centrada na lexitimación dos campos de produción artística menos promovidos, para o que presentaba personaxes culturais galegas pouco recoñecidas que se dedicaron a estes campos.
- “Mitos, Santos, Herois”. A través de textos de diversos tipos, elevaba á condición de mitos, santos ou heroes a personaxes culturais galegos, coa finalidade de engadirlles máis prestixio.
- “Palavra Común”. Encargábase de dar a coñecer en Galiza, a través de entrevistas, a escritores pertencentes ao intersistema literario afro-luso-brasileiro.
- “Polémica”. Promovía reflexións sobre a realidade (polo xeral sobre asuntos culturais) que puidesen dar lugar a debate, mais sen incluír polo xeral respostas ás cuestións formuladas.
- Outras seccións incluídas nalgúns dos números desta primeira etapa son “Impaís”, “Arte” e “Arquitectura”.
Da segunda etapa cómpre destacar as seguintes, ordenadas do mesmo xeito que as anteriores:
- “Almas Rebeldes”. Semellante á sección “Mohicania” da primeira etapa, diferénciase dela en que nesta ocasión a personalidade presentada non corresponde ao sistema cultural galego, senón a outros estranxeiros.
- “Encyclopaedia”. Sección que inclúe un dicionario enciclopédico de carácter lúdico, crítico e literario que se centra no esencial das descricións.
- “Liberdades”. Inclúe artigos de reflexión sobre a actualidade do momento, polo que a súa función é semellante á da sección “Ideias”, incluída esta última na primeira etapa da revista.
- “O Meu”. Nesta sección inclúese un poema seleccionado por unha figura do panorama cultural galego, xunto coa fotografía de dita persoa.
- “Toxos e Flores”. É a sección que abre todos os números de Luzes de Galiza durante a segunda etapa. Inclúe un artigo cuxo tema vai ser desenvolvido ao longo das páxinas da revista.
- Ademais, mantéñense as seccións da primeira etapa “Crítica” e “Mitos, Santos, Herois”.
Notas
- ↑ Rivas, Manuel (1985). "O cavalho do orgulho". Luzes de Galiza (0).
Véxase tamén
Bibliografía