Lucus Augusti

Modelo:Xeografía físicaLucus Augusti
Imaxe
Tipocidade romana
cidade fortificada Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaGallaecia, Roma Antiga e Tarraconense, Roma Antiga Editar o valor en Wikidata
Mapa
 43°00′41″N 7°33′29″O / 43.01125845, -7.5579171
Composto por
Características
Patrimonio da Humanidade  
Muralla de Lugo
TipoPatrimonio cultural  → Europa-América do Norte
Data2000 (24ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) Editar o valor en Wikidata
Identificador987
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
Muralla de Lugo
TipoPatrimonio cultural
Data1993 (17ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) Editar o valor en Wikidata
Identificador987
Ben de interese cultural
Muralla de Lugo
Data16 de abril de 1921
IdentificadorRI-51-0000191
Editar o valor en Wikidata
Historia
Período de tempoImperio Romano Editar o valor en Wikidata
Actividade
FundadorPaulo Fabio Máximo Editar o valor en Wikidata

Lucus Augusti ( grego antigo: Λοῦκος Λὐγούστον,[1] bosque sagrado de Augusto), agora Lugo, foi unha cidade romana fundada por Paulo Fabio Máximo, situada á beira do Minius (Miño) na vía que une Bracara (Braga) e Asturica (Astorga).[1]

Foi a principal fundación urbana romana durante o reinado de Augusto no actual territorio galego. Converteuse en capital dun conventus iuridicus, o Convento Lucense, que cos Convento Bracarense e Asturicense, completaba a xeografía política do noroeste, englobando aos galaicos e ástures, na provincia que chegaría a ser coñecida como Gallaecia.[2]

Ademais converteuse nunha das dúas capitais dos galaicos que, neste caso, deron nome aos Callaïci Lucenses. O convento, segundo Plinio o Vello, tiña 16 pobos e 166 000 habitantes libres.

Historia

Segundo Pomponio Mela foi a principal das cidades dos capori (caporos) inda que isto non se corresponde con outras fontes.[3]

Sexa como for, as orixes de Lucus Augusti como urbe foron froito da presenza das lexións romanas, presenza que aumentou durante as guerras cántabras (29 a. C. - 19 a. C.).

Campamento militar

Algúns autores calculan que posiblemente cara o 25 a. C. foi establecido un campamento militar romano[4] aparentemente fundado por Caio Antistio Veto que, segundo Orosio, xunto a Gaius Firmius, loitaron unha difícil campaña para someter ás tribos gallaeci das partes boscosas e montañosas máis remotas da Gallaecia que bordean o océano Atlántico, derrotándoas só despois dunha serie de duras batallas,[5] aínda que os detalles desta campaña seguen sendo descoñecidos. Antistio creou unha ceca, para cuñar moeda provincial romana de bronce para pagar á media lexión (cinco cohortes) que tiña ao seu mando.[Cómpre referencia]

Outras hipóteses suxiren que a fundación foi por decisión do emperador, fundamentada na existencia dun santuario dunha divindade indíxena.[4] Como mínimo serviu como sistema de promoción da figura do emperador, xa que posteriormente a cidade adquiriu especial sona polo seu culto ao emperador Augusto.[4]

Outra teoría sobre a etimoloxía do topónimo fala sobre que os romanos formaron un "Lucus" (do latín: claro na fraga ou bosque sagrado), sendo o sitio un lugar sagrado de reunión para as poboacións derredor.[Cómpre referencia]

Porén, a teoría que máis forza está a gañar nos últimos anos é a do campamento militar. E, en calquera caso, a elección da localización da nova capital conventual cumpría perfectamente as súas necesidades ao ser accesible para tódolos pobos que pertencían ao conventus, estar ben comunicada, contar con augas termais e contar cun río navegable ata o Sil.[6] A súa posición estratéxica permitiu ao Imperio Romano consolidar a conquista no noroeste peninsular.[4][7]

Cidade augusta

V.C.A.M.
CAESARI
PAVLLVS FABIVS
MAXVMVS
LEGAT CAESARIS

V(rbis) C(onditori) A(ugusto) M(onumentum) Caesari

Paullus Fabius Maxumus Legat(us) Caesaris
[8]

A partir do ano 15 a. C.,[7][2] o previo campamento militar, foi evolucionando para converterse en cidade augusta, sendo o seu fundador Paulo Fabio Máximo, legado do emperador Octavio Augusto,[7] que participaba na organización territorial do noroeste da Península Ibérica, fundou nas coordenadas tolemaicas de 7° 25′ - 44° 25′ a cidade de Lucus Augusti.[9]

Deste xeito consagrábase o pacto sagrado, Sacramentum, entre Augusto e os habitantes da Gallaecia polos que estes manteríanse leais e en paz constante, habitando as cidades e campamentos romanos. Para selar este pacto sagrado, un dos catro que Augusto estableceu cos pobos do limes do Imperio, Augusto mandaría acuñar entre o 12 a. C. e o 14 d. C. unha serie de moedas conmemorativas.[10] Para poboala, Paulo Fabio Máximo, licenciou aos soldados de maior idade dándolles terras para cultivar e substituíndoos por soldados galaicos.

Consérvanse hoxe tres monólitos fundacionais da cidade, crese que falta un por atopar xa que, segundo o rito fundacional, debería haber catro.

Como capital do Convento Lucense tivo un papel destacado na organización administrativa do noroeste peninsular.[4]

Planificación urbanística

A planificación urbanística da cidade estaba marcada polo cardo (orientación leste-oeste) e o decumanus (norte-sur).[7] A cidade contaba con vías, un acueduto, edificios residenciais e mansións particulares, algunhas adornadas con mosaicos.

A planificación inicial da cidade establecía a súa superficie total en 64 ha, pero só se chegou a edificar unha superficie de 46 ha.[4] Posibles razóns para este crecemento máis limitado puideron ser o seu carácter marcado de centro agropecuario, comercial e administrativo, feito que limitaba a densidade residencial a un grupo reducido integrado polas clases dirixentes, os funcionarios e os oficios artesanais.[4]

Pensouse durante algún tempo que un anfiteatro romano podería estar baixo o barrio do Carme, pero esta teoría foi desmentida polos arqueólogos no 2021.[11]

Muralla

Artigo principal: Muralla de Lugo.

A partir do século III a cidade experimentou unha importante transformación coa construción da súa muralla, entre o 265 e o 310, estendeuse o recinto urbano polo norte e o oeste e delimitou a zona interior cunha extensión próxima as 35 ha, e a cidade exterior, que superaba as 20 ha.[4]

Ponte

Artigo principal: Ponte Vella de Lugo.

Termas

Artigo principal: Termas romanas de Lugo.

Acueduto

Artigo principal: Acueduto de Lugo.

Outros

Mosaico de Dédalo e Pasífae

Artigo principal: mosaico de Dédalo e Pasífae.
Piscina romana.

O mosaico, atopado na rúa Armañá, ocupaba 38 m2 e representa a entrega dunha vaca por Dédalo a Pasífae, a raíña de Creta.[7]

Domus do Mitreo

Artigo principal: Domus do Mitreo.

A Domus de Mitreo é un xacemento que conserva os restos dunha casa romana dos séculos II e III. A súa extensión foi máis aló da muralla. Consérvanse os restos das distintas estancias e algunhas pinturas, pero tamén un espazo para o culto ao deus Mitra cun altar votivo dedicado a un centurión da Legio VII Gemina a cargo do departamento fiscal de Lucus Augusti.

Templo

Necrópole

Casa dos Mosaicos

Artigo principal: Casa dos Mosaicos.

Notas

  1. 1,0 1,1 Smith, William (1854). "Lucus Augustus". perseus.tufts.edu. Consultado o 2023. 
  2. 2,0 2,1 Villanueva Acuña, Manuel (2016). "La fundación de Lucus Augusti: nuevas perspectivas". Revista de historiografía (RevHisto) (25): 273–286. ISSN 1885-2718. doi:10.20318/revhisto.2017.3586. 
  3. Flórez, Enrique (2004). La provincia antigua de Galicia y su metrópoli, la Iglesia de Braga. p. 58. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "Lucus Augusti". egu.xunta.gal. Consultado o 2024. 
  5. Orosius, Paulus. "6: 21, 2". Historiae Adversus Paganos (PDF). pp. 210, 211. 
  6. Mª Dolores Dopico Caínzos (2013). Universidade do Porto, ed. "Nuevas formas de administración, nuevas formas de control: La fundación de Lucus Augusti y su Convetus" (PDF). Portugália (en castelán) 34: 83–100. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia. pp. 62, 63. ISBN 978-84-9865-672-5. 
  8. "Lucus augusti. Monólito.". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2011. Consultado o 06 de xuño de 2011. 
  9. Felipe Arias (1983-1984). Universidade do Porto, ed. "A cidade de Lucus Augusti" (PDF). Portugália. 04-05: 209–214. 
  10. Dovale, Héctor Manuel Vázquez. "Lucus Augusti. La Ciudad Sagrada de Augusto". 
  11. "A arqueoloxía desmonta a teoría do anfiteatro romano de Lugo". galego.lavozdegalicia.es. 2021. Consultado o 2024. 

Véxase tamén

Outros artigos