O nome procede do grego Λουκᾶς Loukás, Lukas, latinizado como Lucas ou Luca[1].
É patrón dos médicos e da Facultade de Medicina de Santiago. Tamén o é dos pintores, doutores e cirurxiáns (pola súa profesión), solteiros (morreu solteiro), carniceiros e encadernadores (pola súa identificación co boi), cervexeiros e notarios [1].
Biografía
Conta a tradición que foi pintor e especializouse en facer cadros da Virxe, cadros que igrexas de Italia e Grecia afirman posuír. Converteuse ó cristianismo grazas ó apostolado de san Paulo, a quen acompañou posteriormente (Paulo chamábao Lucas, o médico amigo) e a quen viu martirizar e morrer en Roma, con san Pedro, e el mesmo morreu crucificado, con santo André, na cidade de Patras en Acaia, Grecia (na costa norte do Peloponeso); outras fontes din que morreu colgado dunha árbore. Aínda así, parece máis verosímil que morrese de vello, con 84 anos, en Beocia (actual Grecia).
Durante as Cruzadas, as reliquias de san Lucas chegaron a Padua (Italia) e desde aquela se conservan na igrexa de Santa Xustina, agás o cranio, que foi levado á catedral de San Vito, en Praga, en 1354, por orde do emperador Carlos IV.
Atributos
Como tódolos apóstolos, as imaxes de San Lucas portan túnica e palio, pero especificamente represéntaselle acompañado dun boi, con ou sen ás, animal que ás veces o substitúe. Esta imaxe procede das visións do profeta Ezequiel que ve baixar do ceo catro seres
"E o aspecto das súas caras era cara de home, e cara de león ao lado dereito dos catro, e cara de boi á esquerda nos catro; así mesmo había nos catro cara de aguia".
Ezequiel 1:10
Outros atributos que pode mostrar na imaxinaría relixiosa son tesouras ou pinzas (por ser útiles de medicina ou cirurxía). Como a tradición engade que recibiu informacións directa da Virxe María sobre a infancia de Xesús e, de feito, el é o único evanxelista que describe con certo detalle esa etapa da súa vida, chamóuselle o Evanxelista da Virxe, e atribúeselle o primeiro retrato desta. Por tal motivo tamén se lle representa portando unha táboa coa imaxe da Virxe ou, por veces, un pincel.
O día de san Lucas mata o teu porco e barra as túas cubas [4].
Pola semana de san Lucas, suca, boi, suca.
Polo san Lucas saben ben as uvas.
Por san Lucas bois ó arado, que enxoitos, que mollados.
Por san Lucas poucas son xa as uvas.
Por san Lucas solta bos bois, mata os porcos e tapa as cubas.
Notas
↑Xesús Ferro Ruibal non desbota unha posible orixe a partir do grego Lukius ou do latín Lucius, en ámbolos casos co significado de luminoso ou portador da luz.
↑Os excesos que acompañan a estas datas (o entroido e maila feira das San Lucas), poden ter como consecuencia o nacemento de fillos ilexítimos.
↑Barrar ou barrear as cubas é tapar con barra (pasta feita de lama, xabre ou mesmo bosta) as fendas e tapas dos bocois para asegurar un peche hermético.