A Liga de Campións da UEFA 2003-04 foi a edición número 49 na historia da competición. Disputouse entre xullo de 2003 e maio de 2004, coa participación inicial de 72 equipos, representantes de 48 federacións nacionais diferentes. Esta edición contou co último cambio de formato da competición, na que se suprimiu a segunda fase de grupos, substituíndose por unha eliminatoria de oitavos de final.
A final, a partido único, tivo lugar o 26 de maio de 2004 na Area AufSchalke de Gelsenkirchen, en Alemaña, nela enfrontáronse o FC Porto e o AS Mónaco, con vitoria dos primeiros por 3-0.
Esta sería a primeira edición onde participarían dous equipos galegos, o Deportivo da Coruña que chegaría as semifinais, participando por cuarta vez na competición, e o Celta de Vigo, que caería nos oitavos de final fronte ao Arsenal, sendo esta a súa primeira participación na competición.
A final entre FC Porto e AS Mónaco que se disputou en Gelsenkirchen o 26 de maio de 2004, foi dominada polo conxunto francés, que dispuxo dun 56% de posesión do balón fronte a un 44% do FC Porto. O AS Mónaco disparou ademais 7 veces sobre a portería contraria, por 4 disparos do FC Porto. A pesar de tódolos datos positivos a prol do conxunto do principado, o encontro viuse moi afectado cando no minuto 23 da primeira metade o francés Ludovic Giuly, a estrela do AS Mónaco, tivo que deixar o encontro por mor dunha lesión. O FC Porto marcou no minuto 39 da man de Carlos Alberto. Na segunda metade o FC Porto marcou outros 2 tantos, no minuto 71 da man de Deco, e no minuto 75 da man de Dmitri Alenichev.
Con este 3-0 o FC Porto acadou o 2º campionato de Europa de clubs da súa historia.
Notas
↑O Galatasaray disputou os seus encontros como local no Olímpico Atatürk para poder acoller un maior número de seareiros.
↑O partido entre Galatasaray e Juventus foi aprazado unha semana por seguridade tras unha xeira de atentados terroristas en Istambul.
↑O mesmo partido disputouse no Westfalenstadion de Dortmund por seguridade.
↑O partido entre Beşiktaş e Chelsea disputouse no estadio Arena AufSchalke de Gelserkirchen por seguridade trala xeira de atentados terroristas en Istambul.