Les Poètes maudits (Os poetas malditos en galego) é un libro de ensaios do poeta francésPaul Verlaine publicado por primeira vez en 1884, e deseguido viu a luz unha versión aumentada e definitiva en 1888.
Actualmente, non conta cunha versión oficial publicada e traducida ao galego.
Os comentarios redactados por Verlaine sobre os autores, que coñeceu persoalmente á maioría, tratan sobre o estilo da súa poesía e de anécdotas persoais vividas con eles.
Verlaine expuxo que dentro do seu individual e única forma, o xenio de cada un deles fora tamén a súa maldición, afastándoos do resto de persoas e levándoos desta forma a acoller o hermetismo e a idiosincrasia[1] como formas de escritura.[2] Tamén foron retratados como desiguais respecto da sociedade, tendo vidas tráxicas e entregados con frecuencia a tendencias autodestrutivas; todo isto como consecuencia dos seus dons literarios.
O concepto de Verlaine do poeta maldito foi en parte tomado do poema de Charles Baudelaire chamado Bénédiction, que inicia o seu libro Les Fleurs du mal.[3] O uso desta expresión e do termo malditismo xeneralizouse logo para referirse a calquera poeta (ou a un escritor doutros xéneros ou mesmo a un artista plástico) que, independentemente do seu talento, é incomprendido polos seus contemporáneos e non obtén éxito en vida; especialmente para os que levan unha vida bohemia, rexeitan as normas establecidas (tanto as regras da arte como os convencionalismos sociais) e desenvolven unha arte libre ou provocativa.